Círculo polar
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/31/World_map_with_polar_circles.svg/400px-World_map_with_polar_circles.svg.png)
Un círculo polar é un paralelo que se encontra a unha latitude de 66º 33' 44".
As latitudes 66º 33' 44" N e 66º 33' 44" S corresponden respectivamente aos círculos polares ártico e antártico.
En todo punto con latitude maior á do círculo polar hai polo menos un día do ano en que o Sol está sobre o horizonte durante 24 horas seguidas. Do mesmo modo, hai polo menos un día no que o Sol permanece baixo o horizonte durante 24 horas seguidas. Isto (e as estacións do ano) débese a que o eixe de rotación da Terra se encontra inclinado actualmente 23° 26' 16" [1] respecto ao plano da órbita terrestre ao redor do Sol.
Movemento dos círculos polares[editar | editar a fonte]
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d1/Ecl%C3%ADptica-plano-lateral-ES-2326.jpg/600px-Ecl%C3%ADptica-plano-lateral-ES-2326.jpg)
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/00/Earth_obliquity_range.jpg/160px-Earth_obliquity_range.jpg)
As latitudes dos círculos polares están determinadas pola inclinación do eixe de rotación da Terra con respecto á eclíptica. O ángulo non é constante, senón que ten un movemento complexo determinado por moitos ciclos de períodos, desde curtos a moi longos.
A nutación (do latín nutare, cabecear ou oscilar) é o nome polo que se coñece a oscilación periódica dos polos da Terra ao redor da súa posición media na esfera celeste, debida á influencia da Lúa sobre o noso planeta, similar ao movemento dunha buxaina cando perde forza e está a punto de caer.
A nutación fai que os polos da Terra se despracen uns nove segundos de arco cada 18,6 anos. Por iso, debido á nutación, a inclinación aumenta ou diminúe máis de 9" (uns 280 metros medidos na superficie) nese período.