Calcolítico na Península Ibérica
Calcolítico na Península Ibérica | |
Historia | Prehistoria da Península Ibérica |
Categoría | Historia da Península Ibérica |
Prehistoria | |
Paleolítico na Península Ibérica Mesolítico na Península Ibérica Neolítico na Península Ibérica Calcolítico na Península Ibérica Idade de Bronce na Península Ibérica Idade de Ferro na Península Ibérica |
O Calcolítico na Península Ibérica singulariza esta fase da Prehistoria (tamén denominada Idade do Cobre ou Eneolítico) nun ámbito xeográfico concreto, o peninsular. Este momento correspóndese cun claro incremento na complexidade social que mostraba o período precedente, o Neolítico, anunciando os posteriores cambios que se produciron durante a Idade de Bronce e de Ferro. Hai investigadores que o subdividen en Calcolítico Inicial, Pleno e Final.
Os grupos arqueolóxicos máis significativos foron os do castro de Leceia, en Barcarena (Oeiras, distrito de Lisboa), de finais do Neolítico até a Idade do Cobre, descuberto a finais do XIX polo pai da estratigrafía e arqueoloxía portuguesa, Carlos Ribeiro, e escavado a principios do século XX (1914) por José Leite de Vasconcelos, naturalista e arqueólogo, e o máis recente Vila Nova, en Vila Nova de São Pedro (Azambuja, distrito de Lisboa) (Portugal), e Los Millares, en Almería (España). Durante o III milenio a. C. o territorio peninsular distou moito de ser culturalmente uniforme. Así, pódese dividir a Península Ibérica en, cando menos, tres grandes áreas que presentan unhas certas características propias: sueste, suroeste e interior (que incluiría o norte de Portugal).[1] Hoxe en día, parece claro que estes foron o resultado de procesos autóctonos, xerados a partir do substrato de poboación neolítico indíxena.
Contextualizando o Calcolítico
[editar | editar a fonte]Aínda que o Calcolítico (do grego chalkós, cobre) debe o seu nome e sempre se identificou co uso dos primeiros metais por parte da humanidade, hai asociados moitos outros procesos de cambio que son mesmo máis importantes que a propia metalurxia:
- Aumento demográfico e protourbanización dos poboados, que son máis amplos e con mellores infraestruturas.
- Crecemento da produción de alimentos debido á intensificación da actividade agrícola e á explotación dos produtos derivados da gandaría.
- Cambios sociais que conduciron á creación de xerarquías embrionarias que desembocaron nunha sociedade de xefaturas (centralización política).
O metal debeu ser un elemento máis entre as numerosas innovacións que se produciron durante o III milenio a. C. na Península.[2]
Estas transformacións detéctanse inicialmente nos grupos do mediodía peninsular, pero é difícil establecer unha orde de prioridade sobre onde apareceron por primeira vez. Posteriormente, estas comunidades incorporaron o vaso campaniforme, que, tradicionalmente, foi utilizado para marcar un antes e un despois nas periodizacións (por exemplo, no sueste: Precampaniforme ou Millares I e Campaniforme ou Millares II). Actualmente, e sen negar a importancia do campaniforme como fósil director do Calcolítico final, algúns investigadores mostran reticencias á hora de establecer esta diferenciación en dous momentos entre os que non se observa ningunha ruptura. Por iso, empézase a prescindir desta secuenciación e a considerar o campaniforme como unha simple adición artefactual, unha moda.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Copia archivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de marzo de 2016. Consultado o 20 de xuño de 2011.
- ↑ 2,0 2,1 Delibes, Germán; Fernández-Miranda, Manuel (1993). Los orígenes de la civilización. El Calcolítico en el Viejo Mundo. Madrid (primera ed.) (Editorial Síntesis). p. 156. ISBN 84-7738-181-X.