Camille Jordan
Marie Ennemond Camille Jordan ([ʒɔʀdã]), nado en Lión o 5 de xaneiro de 1838 e finado en París o 22 de xaneiro de 1922, foi un matemático francés, coñecido tanto polo seu traballo fundamental na teoría de grupos como polo seu influente Cours d'analyse.
Camille Jordan non debe ser confundido co xeodesista Wilhelm Jordan (1842-1899, método de eliminación de Gauss-Jordan) nin co físico Pascual Jordan (1902-1980, álxebra de Jordan).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu pai Esprit-Alexandre Jordan (1800-1888), politécnico (1818),[1] foi deputado por Saona e Loira (1871-1876) e a súa nai Joséphine era irmá do pintor Pierre Puvis de Chavannes. Era tamén bisneto do político Camille Jordan. Estudou na Escola Politécnica Superior (promoción de 1855). Foi enxeñeiro no corpo das minas e logo deu clases na mesma escola e sucedeu a Joseph Liouville no Collège de France, onde tiña fama de escoller notacións excéntricas.
O seu nome está asociado a unha serie de resultados fundamentais:
- O teorema de Jordan e a curva de Jordan á que se refire este teorema
- Lemas de Jordan, empregados na análise complexa para o cálculo de integrais
- Teorema de Jordan sobre o grupo simétrico
- A forma canónica de Jordan e a redución de Jordan
- O teorema de Jordan-Hölder, que é un resultado fundamental en grupos finitos e series de composicións
- o teorema de Jordan-Schur sobre subgrupos de grupos lineares complexos
- A medida de Jordan, que prefigura a teoría da medida
- A desigualdade de Jordan
- A función indicatriz de Jordan, unha función multiplicativa que xeneraliza a indicatriz de Euler.
Tamén foi el quen introduciu a noción de arco rectificable, de función con variación limitada[2] ou de conxunto medíbel. Axudou a levar a teoría de Galois á corrente principal do pensamento. Tamén investigou os grupos de Mathieu, primeiros exemplos de grupos esporádicos. O seu Traité des substitutions, sobre os grupos das permutacións, foi publicado en 1870 e gañou ese mesmo ano o premio Poncelet.[3] Foi orador convidado no Congreso Internacional das Matemáticas de 1920 en Estrasburgo.[4]
Cando deixou a Escola das Minas de 1861 a 1885, era enxeñeiro encargado do control das canteiras en París.[5]
Obras
[editar | editar a fonte]- Cours d'analyse de l'Ecole Polytechnique ; 1 Calcul différentiel (Gauthier-Villars, 1909)
- Cours d'analyse de l'Ecole Polytechnique ; 2 Calcul intégral (Gauthier-Villars, 1909)
- Cours d'analyse de l'Ecole Polytechnique ; 3 équations différentielles (Gauthier-Villars, 1909)
- Mémoire sur le nombre des valeurs des fonctions (1861–1869)
- Recherches sur les polyèdres (Gauthier-Villars, 1866)
- Jordan, Camille (1870). Traité des substitutions et des équations algébriques. París: Gauthier-Villars.
Honras
[editar | editar a fonte]En 1881 foi elixido membro da Academia de Ciencias, que presidiu en 1916. En 1919 converteuse nun membro estranxeiro da Royal Society e tamén foi nomeado Oficial da Lexión de Honra.
A Universidade de Lión I deu o seu nome a un instituto de investigación matemática.
O asteroide 25593 Camillejordan recibiu o seu nome na súa honra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Base des anciens de Polytechnique
- ↑ Hardy, Godfrey Harold (2018). Mathématiques et mathématiciens (en francés). Nitens. ISBN 9782901122005.
- ↑ "Prix". Comptes rendus hebdomadaires des séances de l'Académie des sciences. Tome 75. París: Gauthier-Villars. xullo-decembro de 1872. p. 1302.
- ↑ "Sur la classification des constellations par Camille Jordan". Compte rendu du Congrès international des mathématiciens tenu à Strasbourg du 22 au 30 Septembre 1920. 1921. pp. 410–436.
- ↑ Vincent Isoz, Éléments de mathématiques appliquées, versión 3.0, 2014, p.4680. En liña.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Camille Jordan |
A Galipedia ten un portal sobre: Francia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hélène Gispert-Chambaz, Camille Jordan et les fondements de l'analyse, Publications mathématiques d'Orsay, Université de Paris-Sud, 1982
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Brechenmacher, Frédéric. "Un portrait kaléidoscopique du jeune Camille Jordan". Images des mathématiques. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2020. Consultado o 23 de abril de 2021.
- "Travaux de Camille Jordan". Bibliothèque numérique de Mines ParisTech.