Cantís de Loiba
Tipo | montaña | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
Continente | Europa | |||
División administrativa | Provincia da Coruña, España | |||
| ||||
Os cantís de Loiba son uns cantís singulares de interese turístico da costa galega que se encontran na parroquia de Loiba, no municipio de Ortigueira, provincia da Coruña.
Situación
[editar | editar a fonte]Están situados na confluencia da Serra da Faladoira co océano Atlántico, no exterior da ría de Ortigueira, entre o porto de Espasante e o cabo de Estaca de Bares. A súa altura sobre o nivel do mar varía entre os 80 e os 160 metros e aos seus pés existen seis estreitos areais: O Picón, Ribeira Grande, Ribeira do Carro, Os Castros, Gaivoteira e O Coitelo,[1] que quedan mergullados durante a preamar e que só son accesibles desde terra por medio duns camiños zigzagueantes, que descender polos cantís case verticalmente.
Trátase dunha costa moi batida polo mar, cuxas ondas rompen directamente na fachada do cantil e van escavando a rocha, orixinando furnas,[2] a máis famosa das cales recibe o nome de Penafurada.
Historia
[editar | editar a fonte]A parroquia de Loiba tradicionalmente era, malia a súa proximidade ao mar, eminentemente agrícola e as pequenas calas ao pé dos acantilados provían abundantes cantidades de algas vermellas (da orde das Gigartinales), que eran colleitadas entre os meses de xuño e outubro[3] co propósito de seren utilizadas como fertilizante para os campos de labranza. Na actualidade séguese extraendo ese recurso para a súa venda á industria farmacéutica, alimentaria ou cosmética.[4] Esta recollida de algas é un traballo realizado case exclusivamente por mulleres, que reciben o nome de algueiras.
Interese paisaxístico
[editar | editar a fonte]O lugar converteuse nos últimos anos nun punto de visita turísitca obrigada na costa norte da provincia da Coruña. A relativa soidade do lugar, a súa paisaxe senlleira e as impresionantes vistas atraen a miles de turistas cada ano.[5][6] Case toda a costa é accesible por medio de pistas forestais e instaláronse varios miradoiros para observar a paisaxe, e un parque de autocaravanas.[7]
Turismo
[editar | editar a fonte]The best bank of the world
[editar | editar a fonte]O ano 2009, Rafael Prieto Fernández, veciño da parroquia de Loiba, decidiu colocar pola súa conta un banco de madeira no bordo do cantil.[8] Existe a lenda de que durante o Festival de Ortigueira do ano 2010 un grupo de músicos escoceses que actuaban en dito festival visitaron os cantís e escribiron na parte traseira do banco a frase: «The best bank of the world». O que en principio parecía unha mala tradución de «banco» (por entidade financeira, bank, en lugar de bench, banco para sentarse), en realidade era correcto e referíase á escarpa ou corte de cantil (bank, ribeira). Desde entón esa frase cópiase e píntase fielmente cada vez que se renova o banco.[9]
O fotógrafo Dani Caxete obtivo unha mención especial cunha foto nocturna dese banco na edición do ano 2015 do «Earth and Sky Photo Contest on Dark Skies Importance», un concurso organizado pola UNESCO para reivindicar os ceos nocturnos libres de contaminación lumínica.[10][11]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Cantís de Loiba ao solpor.
-
Cantos arredondados polo mar nunha das calas dos cantís de Loiba.
-
Cantís de Loiba.
-
Cantís de Loiba.
-
Vista parcial dos cantís de Loiba.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Espasante-Ortegal. "Acantilados de Loiba". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2015. Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ Concello de Ortigueira. "Costa de Loiba". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ El país. "Las últimas algueiras de Loiba". Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ iMujer salud. "Propiedades de las algas marinas rojas". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2015. Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ La voz de Galicia. "El aluvión de visitas hace urgente regular el acceso al banco de Loiba". Consultado o 28 de agosto de 2015.
- ↑ Comarca de Ortegal. "Acantilados de Loiba". Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2016. Consultado o 11 de febreiro de 2016.
- ↑ La voz de Galicia. "La Asociación Galega de Autocaravanas visita el área de Loiba". Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ Turismo Galicia norte. "Banco de Loiba". Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2016. Consultado o 11 de febreiro de 2016.
- ↑ Ideal. "El pensadoiro". Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ TWAN. "2015 International Earth & Sky Photo Contest". The Best Seat in the World. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 16 de agosto de 2015.
- ↑ La voz de Galicia. "El banco de las estrellas, en Loiba". Consultado o 16 de agosto de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cantís de Loiba |