Cantigueiro galego da muller
Aparencia
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/d/d8/Valdovi%C3%B1o_praia-Galiza.jpg/250px-Valdovi%C3%B1o_praia-Galiza.jpg)
o mar tamén ten muller,
é casadiño coa area,
dálle bicos cando quer.
- Artigo principal: A muller na cultura popular galega.
- A espicha do catalán/ non dá proveito a ninguén;/ mandei a muller á espicha/ i espicháronma tamén [1].
- A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer!.
- A mazán do alcipreste/ non é verde, qu’é madura;/ a muller que coma dela/ non morre de paridura.
- A miña muller é vella,/ de vella caeulle o coiro,/ hei de facer un pandeiro/ para correr o Antroido.
- A miña muller é vella,/ de vella non pode andar;/ heina de pór de cancela/ á entrada do lugar [2].
- A miña muller é vella,/ de vella non pode andar;/ heina de pór de espantallo/ á saída do lugar [2].
- A miña muller é vella,/ de vella rompeulle o coiro;/ hemos faguer un pandeiro/ para corre-lo entroido [3].
- A miña muller é vella,/ heina de mandar matar/ e poñela de cancela/ na entrada do lugar.
- A miña muller é vella,/ máis vella que Belcebú;/ tiña seis libras de la/ onda a regaña do cu [4].
- A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira [5].
- A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [6].
- A miña muller morreu/ enterreina tras do forno,/ pasei onte por alí,/ inda me choscou un ollo [7].
- A miña muller morreume,/ por ela non hei chorar;/ chorarei polo diñeiro/ que o crego me ha de levar.
- A muller ía no prado/ a vaca facía o xantar,/ a cadela varre a casa/ e a vasoira vai lavar.
- A muller que é casadeira/ que a vida con tino leve,/ pois muller que moito loce/ ó cabo ninguén a quere [8].
- A muller que ha de ser boa/ ha de ter o cu de pau,/ a barriga de cortiza/ i o nariz de bacallau [9].
- A muller que ha de ser miña/ ha de te-lo cu de pau,/ a barriga de cortizo/ e os peitos de bacallau [10].
- A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau [11].
- A muller que ten dous homes/ non é tonta, que é entendida;/ cando se apaga unha vela/ a outra queda encendida.
- A muller traballadora/ e que tamén é calada,/ non sabe o home que a leva/ que boa sorte lle agarda [12].
- A perdiz anda no monte,/ herba seca non a come./ A muller que non ten fillos/ logo acaba co seu home [13].
- Agora que foi e foi,/ nena, non teñas pesares,/ agora que foi e foi/ Dios cho ha de remediare [14].
- Agora que foi e foi,/ niña non teñas pesar;/ agora que foi e foi/ Diolo ha de remediar [15].
- Agora que a puxeches/ coa barriga redonda,/ ou has de casar con ela/ ou haslle de volve-la honra.
- Ai da muller que se perde/ deixándose ir da levada!/ Nunca arde a leña verde/ mais aparece queimada! [16].
- Anque os vexas reventados/ dos homes non fagas caso,/ que despois, desque se casan,/ por ti non dan nin un paso [17].
- Arriba, pandeiro roto,/ abaixo, manta mollada,/ a muller de ruín home/ xempre anda mal amañada [18].
- Arriba, pandeiro roto,/ abaixo, manta mollada,/ onde estamos as mulleres/ os homes non valen nada [18].
- As esfolladas de noite/ non dan porveito a ninguén;/ mandei a muller a unha/ i esfolláronma tamén [19].
- As esfolladas do millo/ non dan porveito a ninguén;/ miña muller foi a ela/ i esfolláronma tamén [20].
- As mociñas que hai agora/ xa che son unhas laretas;/ por unha cunca de papas/ déixanche apalpa-las tetas.
- As morenas todas teñen/ moi negriño o curazón,/ por eso elas dos homes/ non poden ter compasión [21].
- As mozas de Vilacova,/ non son unha que son todas,/ poñen tres pares de medias/ para ter as pernas gordas [22].
- As mulleres cando paren/ acórdanse de san Ramón/ pero non se acordan do santo/ cando están na función.
- As mulleres e o reloxo/ teñen certo parecido;/ en chegando a variar/ todo o traballo é perdido.
- As mulleres i o reló/ ten un certo parecido:/ en chegando a varear/ todo traballo é perdido [21].
- As mulleres son tan meigas/ que dende que están casadas/ danlle ao home o caldo todo/ i elas comen as talladas [23].
- Calai, que eí ven os mozos,/ que non nos sintan falar,/ que din que nós as mulleres/ so sabemos barallar [24].
- Canta cuco, canta cuco,/ na rabela do arado;/ as mulleres antre os homes/ é un gando mal gardado [25].
- Canta rula, canta rula,/ por riba daquil valado;/ as mulleres antre os homes/ é un gado mal gardado [26].
- Cantas penas, cantas penas/ pasa unha muller casada;/ non come por darllo ó home/ i aínda esí é maltratada [27].
- Casadiña de onte á noite/ déronme a comer ameixas,/ o meu marido vai fóra/ non teño a quen dar as queixas [28].
- Casadiña de tres días/ non se cansa de chorar/ pola vida de solteira/ que non ha de recobrar [29].
- Casaime, meu pai, casaime./ Miña filla, non tes roupa./ Casaime, meu pai, casaime,/ que unha perna tapa a outra [30].
- Caséicheme por un ano/ por saber que vida era,/ o ano vaise acabar,/ solteira quen che me dera ’' [31].
- Caseime, miña naiciña,/ e caseime en mala hora;/ paso fame e mais traballo/ i aínda o home fai mofa [32].
- Chamácheme trobisqueira,/ herba que o gando non come./ Vale máis ser trobisqueira/ que muller de ruín home [33].
- Coida meu pai que me ten/ debaixo do pé dereito./ Fanlle a cama no sobrado:/ non sabe cando me deito [34].
- Como che pille no prado/ como che pillei máis veces/ heiche de meter no corpo/ herba para nove meses [35].
- Costureiriña bonita,/ que ó palacio vai coser,/ no medio do corredor/ hanche de dar que facer [36].
- De solteiriños os mozos/ todos son garatuxeiros/ e dende que están casados/ fan das mulleres pandeiros [37].
- De solteiros os mozos/ todos son garatuxeiros/ e dende que están casados/ fan das mulleres pandeiros.
- Dime, casadiña nova,/ como che vai de casada?/ Como á criada que serve/ e lle non pagan soldada [38].
- Dinme que non teño rentas/ para mante-la muller;/ teño un salgueiro na horta,/ roi nel canto quixer.
- Dios che me dea paciencia/ con esta miña muller/ que non fai o que eu lle mando/ e que fai o que ela quer [39].
- Disme ti que non tes cruz/ pra rezares o rosario;/ cásate, pois, queridiña,/ que has de ter cruz e calvario.
- En palabras de canteiros,/ Rapazas, non vos fiedes;/ Collen os picos e marchan,/ E despois ¿qué lles faredes? [40].
- Esta noite fun labrar/ e rompeume o aradoiro,/ fuxeume a muller da cama/ e fun atrás dela en coiro [41].
- Estate quedo, meliciano,/ non me rómpa-lo refaixo,/ si queres que rompa logo/ bótalle a man por debaixo [42].
- Eu ben vin esta-lo cuco/ na rabela do arado;/ as mulleres entre os homes/ son gando mal reparado.
- Eu caseime con un vello/ ¡non sei que estaba pensando!/ todo o día funga, funga,/ todo o día anda fungando [43].
- Eu teño sete camisas/ que me deron sete tolas,/ todas son amigas miñas/ eu son amigo de todas [44].
- Fanse moi homildosiños/ os homes pra pretender/ e despois, desque se casan,/ fan a mofa da muller [45].
- Garatuxas fan os homes/ cando andan a pretender;/ raio parta a toda a casta,/ leve o demo o seu querer [46].
- Máis quero ser solteiriña/ que muller de home baldío;/ máis quero probe con honra/ que sen honra un home rico [47].
- Mariñeiro quero, madre,/ mariñeiro me han de dar,/ se non me dan mariñeiro/ solteiriña hei de quedar [48].
- Meu señor San Andresiño/ que estás na alta montaña,/ este ano vin, solteira,/ pro o que vén virei casada [49].
- Miña comadre é unha ladra,/ non vin muller coma ela;/ os ósos dállos ó home/ a polpa cómea ela.
- Miña sogra morreu onte,/ deixoume o caldo na ola./ ¡Vamos comendo e roendo/ quen se morreu que se morra! [6].
- Miña sogra querme mal/ porque lle falo co fillo,/ heille de mandar dicir/ que o garde no bolsillo [50].
- Miña Virxe dos Milagros,/ os milagros vanse vendo,/ ás rapaciñas de agora/ vaille a barriga crecendo [51].
- Na casa do probe reñen/ e todos teñen razón;/ as mulleres pola saia/ e os homes polo calzón.
- Namoreime dun casado,/ pensei e volvín en min,/ quen á súa muller deixa/ millor me deixará a min [52].
- Ninguién se fíe dos homes/ nin de todo o seu afán,/ que teñen o mel na boca/ e no peito o solimán [53].
- Non busques muller na feira/ e menos na romaría;/ busca as rapazas na casa/ vestidas de cada día.
- Non me toques na barriga/ que me doi que me atormenta,/ un pouquiño máis abaixo/ na caixa da ferramenta [54].
- Non poña-lo pé no meu,/ nin a mau na miña saia,/ que anque son moza solteira,/ espero de ser casada [55]
- Non son bonita que espante/ nin fea que poña medo;/ moreniña como son,/ esí me quer o meu Pedro.
- Non te chegues tanto a ela;/ éche unha muller casada,/ ten o marido na terra.
- Nunca vin ponte sin río/ nin muíño sin rodicio,/ nunca vin moza bonita/ que tivese moito xuicio.
- O donaire dunha nena/ inda non cho saben todos;/ o donaire dunha nena/ vaiche no mirar dos ollos.
- O home, cando pretende/ faise doce e garimoso;/ non fagas caso, meniña,/ sonche as mañas do raposo [56].
- O mar tamén é casado,/ o mar tamén ten muller,/ é casadiño coa area,/ dálle bicos cando quer.
- O paxaro carpinteiro/ mete o rabo na silveira;/ así fai a boa moza/ cando non ten quen a queira.
- Pica, canteiriño, pica,/ pica na pedra miúda,/ pica na muller allea/ que outro picará na túa [57].
- ¡Quen che me dera, meniña,/ no canaval do teu pai!/ Non che había de valer/ o chamar polo teu pai [58].
- Quen me dera ser o clavo/ en que cólga-lo candil/ para te ver desnudar/ e pola mañá vestir [59].
- San Antonio bendito/ dádeme un home,/ anque me mate,/ anque me esfole.
- San Benito de Lantaño, casamenteiro das vellas,/ porqué non casa-las mozas,/ que mal che fixeron elas [60].
- Se canto, son unha tola,/ se non canto, unha curuxa,/ se me lavo, unha profana,/ se me non lavo, unha sucia [61].
- Sei tocar e sei bailar,/ sei tocar a pandereta,/ o home que a min me leve/ leva músiva compreta [62].
- Solteiriña, non te cases,/ mira que tes boa vida,/ que eu seiche dunha casada/ que está ben arrepentida.
- Sempre suspirei, de moza,/ por un guapo labrador;/ agora tamén o teño/ borrachón e xogador.
- Traballo é ser casada,/ traballo é non o ser,/ traballo é te-los fillos,/ traballo é non os ter [63].
- Un mariñeiro me dixo/ se me quería casar./ Eu lle dixen: mariñeiro/ outro ano e nada máis [64].
- Vive ti, dorme, descansa/ e por min non teñas pena/ porque me tes tan segura/ coma a iauga nunha cesta [65].
- ¿Vosté que ten? ¿que lle doi?/ ¿vosté que lle doi? ¿que ten?/ ¡ai, vosté troulou, troulou,/ vosté troulou con alguén! [66].
- Xanciño, Xanciño, Xan,/ Xanciño, Xan de Manuela,/ ¿pra que quére-la muller/ se non vas durmir con ela?
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 212. A espicha consiste en colocar as sardiñas nas espichas para as afumar ou secar; a salga das sardiñas en Galicia estivo durante moito tempo nas mans dos cataláns.
- ↑ 2,0 2,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 37.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: correlo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: lá, cú.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: éch’unha.
- ↑ 6,0 6,1 Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: inteira.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: choscóu.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: ninguiéna.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: cú.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No texto: tel-o, cú.
- ↑ É posible un erro na recollida da cantiga de pan por pau.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 39.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: perdíz, non-a.
- ↑ Xosé Ramón Fernández-Oxea:220.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28). No orixinal: Diol-o.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 32.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 40.
- ↑ 18,0 18,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 45.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 47. A esfollada era a xuntanza para arrincar as follas da mazaroca do millo antes de almacenalas no piorno.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 212.
- ↑ 21,0 21,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 49.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 170. No orixinal: Vilacoba. Recollido en Cambados, pero no Nomenclátor non hai tal Vilacova na Arousa. ¿El será erro por Vilanova?
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 49. No orixinal: dánlle.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: ehí, dín, nólas, so.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 216.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 58. No orixinal: de aquil, balado.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 58.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 198. No orixinal: â noite, fora.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 60.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No orixinal: qu’unha.
- ↑ Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 216.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 60. No orixinal: e máis.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 199. No orixinañ: trovisqueira, mais.
- ↑ Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: Còida meu pai que me tèn/ debaijo d'o pe dereito./ Fanll'a cama n'o sobrado:/non sabe cando me deito.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: mais, eiche.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: ô Palacio.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 69.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 70.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 198.
- ↑ Diccionario da Real Academia Galega 1913.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 196. No orixinal: de ela.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: Státe, rompal-o, bótall’a.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: qu’estaba.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 195.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 84.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 86.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 91. No texto: valdío.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 167.
- ↑ Vicente Risco: "Cultura espritual", 405.
- ↑ Álvaro das Casas, Nós 95, 15.11.1931, 215. No texto: héille, decir.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 189. No texto: âs rapaciñas. Bouza Brey di que o santuario dos Milagros sitúase no concello de Cuntis, pero ten que referirise á virxe dos Milagros de Amil, Moraña, concello lindeiro con aquel.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 107. No orixinal: de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 107. O solimán, ou sublimado, é a substancia que resulta da combinación de cloro e mercurio, moi velenosa e empregada en medicina como desinfectante.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 194. No orixinal: mais.
- ↑ Marcial Valladares Núñez. No orixinal: Non poña-l-o pè n'o meu,/ nin a mau n'a miña saya,/ qu'anque son moza solteira,/ espèro de ser casada.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 196. No texto: miuda. En Portugal corre esta variante: A muller do ferreiriño/ non hai muller como ela/ de día peta no xunque;/ pola noite peta nela.
- ↑ Fermíon Bouza Brey 1929, 178. No orixinal: canabal, pol-o.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 137. No orixinal: cólgalo.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 185. No orixinal: casal-as. Recollido en Godos (Caldas), parroquia estremeira de Lantaño (Portas).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 142.
- ↑ Santa Cristina de Barro é unha parroquia do concello de Noia. Álvaro das Casas, Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: mín.
- ↑ Fermín Bouza Brey, Nós nº 97, 15.01.1932, 19. No orixinal: non-o, tel-os, non-os.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 168.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No orixinal: tés, i-auga.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: voste (nos dous primeiros versos), qué lle, troulóu.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- Fermín Bouza-Brey (colector): "Literatura popular da parroquia de Paradela, concello da Estrada, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós.
- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- RAMÓN E FERNÁNDEZ OXEA, Xosé (BEN CHO SHEY): Santa Marta de Moreiras, Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 41. Ed. do Castro, Sada 1982.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.