Saltar ao contido

Caralampio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCaralampio

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(el) Χαράλαμπος Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 87 Editar o valor en Wikidata
Magnesia on the Maeander, Turquía (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte202 Editar o valor en Wikidata (114/115 anos)
Antioquía de Pisidia, Turquía Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica e Orthodox Church Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote Editar o valor en Wikidata
Día de festividade relixiosaFebruary 10 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata

San Caralampio (en grego: Ἅγιος Χαράλαμπος) foi un sacerdote ou bispo cristián de Magnesia de Meandro [1] (Asia Menor). O nome significa que resplandece de alegría (de kara, alegría, e lampo, brillar [2]). Foi martirizado e morto no ano 202, cando, segundo a tradición, tiña 113 anos.

Vida e martirio

[editar | editar a fonte]
San Caralampio (Museo de Tarnovo (Bulgaria)

Viviu durante o mandato de Septimio Severo, emperador romano entre os anos 193 e 211.​ Caralampio era bispo de Magnesia [3] e difundiu os Evanxeos nesta rexión durante moitos anos. Pero ante o éxito da súa predicación, as autoridades da zona (o procónsul Luciano e o comandante militar Lucio) arrestaron ó santo e levárono a xuízo, onde Caralampio se ratificou na súa fe en Cristo e negouse a ofrecer sacrificios ós ídolos romanos. En consecuencia foi torturado sen piedade con ganchos de ferro para esgazar a súa pel, mentres que o santo se limitaba a agradecerllo porque iso lle axudaba a alcanzar a vida eterna. Disque tamén que as mans do prefecto Luciano - ou de Lucio-, que participaba persoalmente no martirio, quedáronlle apegadas á pel do santo, sen que lle fose posible retiralas ata que este pediu a Deus o perdón para os seus verdugos e, nese instante, as mans quedaron liberadas [4].

Ó ver esta actitude e a resistencia do santo, dous verdugos, Porfirio e Bato [5], renunciaron ó culto ós ídolos e convertéronse ó cristianismo, así como tamén tres mulleres que estaban presenciando o suplicio [6]. Pero Luciano ordenou que todos eles foran decapitados. Outra versión sitúa agora o momento en que Lucio comezou a torturar persoalmente a Caralampio e a piques estivo de perder as mans.

O prefecto, alporizado, cuspiu na cara ó santo e de socato se lle volveu a cabeza, quedando mirando cara a atrás. Tanto Luciano como Lucio pediron perdón e o santo concedeullo, sandando de novo.

Finalmente, levárono ante o emperador Septimio Severo, que ordenou que fose decapitado. Cando chegaron ó lugar da execución, o santo rezou para que Deus o acollese e nese momento abríronse os ceos e apareceuse Xesús, que o chamou canda el e prometeulle o que lle pedise. Caralampio fixo unha única petición: que o lugar onde repousaran os seus restos nunca padecera fame nin pestes, o que lle foi concedido. E desta forma, Caralampio morreu antes de que o verdugo fixese caer a espada contra el [7].

Conmovida polo que vira, a filla de Severo, Galina ou Galena, converteuse ó cristianismo e foi ela a que o embalsamou e enterrou nunha urna de ouro [8].

Veneración

[editar | editar a fonte]

Represéntase como un home de idade avanzada (dise que é o santo de máis idade entre os mártires), con longa barba branca. Viste casula de bispo e leva na man a palma do martirio. Considérase patrón das enfermidades da pel, dos coxos e dos borrachos; tamén é avogoso das pestes.

A capela acabada de construír (Xosé Gil Gil, 1909)

A festividade de San Caralampio celébrase o 10 de febreiro [9], se ben en Melide celébrano o segundo domingo de setembro, nunha Festa do Viño denominada popularmente Festa dos borrachos, que se vén festexando desde mediados do século XX [10]. A relación do santo co viño deriva dunha versión chusca do martirio, segundo a cal, San Caralampio pediu morrer afogado nun bocoi de viño.

Tamén se celebraba o santo en Compostela, cunha romaría á beira do río Pelamios, coincidindo con San Xoán [11] ou no primeiro domingo de xullo [12], así como en Carballeda de Valdeorras [13].

En calquera caso, Ferro Ruibal afirma que non figura ningún santo con tal nome no santoral romano e que as fontes consultadas falan dun mártir en Antioquía do século V.

San Caralampio na illa da Toxa

[editar | editar a fonte]
Capela de San Caralampio

Pero quizais o Caralampio máis afamado sexa o que se venera na capela da Illa da Toxa (O Grove, Pontevedra). Trátase dunha capela construída en 1909 polo arquitecto ourensán Daniel Vázquez-Gulías (1869-1937). Ten planta de cruz latina, dunha soa nave, con cruceiro destacado en altura na súa parte central e capela maior de forma rectangular. Existiu unha ermida anterior, datada no século XII, da que non queda memoria nin constancia da súa posible situación. A zona onde se levanta a actual capela, construída en 1909, era unha salina ata que foi reenchida a principios do século XX [14].

Para solucionar un constante problema de humidades na cabeceira da capela, orientada cara ao sur, un albanel local recomendou cubrir esa fachada con cunchas de vieira (unha solución tradicional galega para protexer as casas da chuvia), e así se fixo, a finais dos anos 40 do século XX. O resultado foi tan bonito a máis de eficaz que a xerencia do balneario decidiu cubrir do mesmo xeito toda a capela, un labor que non se rematou ata principios dos anos 50 [15]. Deste peculiar recubrimento vénlle a denominación popular de "Capela das Cunchas".

Os turistas colleron o costume de asinar nas cunchas, que agora mostran os nomes dos visitantes ata a altura que estes poden alcanzar. Na capela existe un cartel pregando que non se faga, xa que non responde a tradición ningunha, pero o certo é que a advertencia non ten moito éxito. Mesmo deuse o caso de turistas que pretenderon arrincar algunha cuncha como recordo da visita [16].

O 28 de decembro de 1996, casaron nesta capela Mariano Rajoy Brey, daquela Ministro de Administraciones Públicas, con Elvira Fernández Balboa [17].

Dentro da degradación xeral da Illa da Toxa nos últimos anos que afectou a un bo número das estruturas da illa, tamén a capela careceu do mantemento necesario, polo que no 2020 houbo que suspender os actos de culto polo mal estado do edificio, especialmente das cubertas, para proceder á súa restauración [18].

A capela figura recollida no Catálogo de edificios e bens protexidos, dentro do capítulo dedicado ó Patrimonio arquitectónico, no PXOM 2020 [19], descrita na ficha AT/23. Na descrición sinálase un bo estado de conservación, se ben coas alteracións habituais co paso do tempo. Cómpre constar que neste documento denomínase co nome de "Capela de San Carcampio", erro que se vén arrastrando -polo menos- desde a primeira publicación das normas subsidiarias de planeamento dos diferentes concellos de Galicia en 1991 [20].

Veneración noutros países

[editar | editar a fonte]

Di a tradición que o cranio de San Caralampio se conserva no mosteiro de Santo Estevo en Meteora (en Tesalia, ó norte de Grecia) se ben tamén se conservan numerosas reliquias en diferentes lugares de Grecia. Os numerosos milagres que lle son atribuídos fai que sexa especialmente querido nese país​, celebrándose a súa festa con sacrificios de bois ó estar considerado protector da agricultura.

Tamén se celebra en Comitán e Altamirano (senllos municipios mexicanos). Cóntase que a devoción a este santo foi introducida en 1850 por un soldado. Este tiña unha novela histórica do santo e un terratenente fixo un cadro para o seu rancho, a partir da imaxe da portada (Caralampio a piques de ser decapitado e Xesús no ceo). Dunha volta unha epidemia atacou a rexión pero a poboación onde estaba situado o rancho non padeceu as súas consecuencias. Por tal motivo, comezouse a venerar como santo patrón avogoso contra a peste e as enfermidades infecciosas, e levantouse unha igrexa no seu honor [21].

  1. Antiga cidade situada na península de Anatolia, cerca de Éfeso, da que apenas quedan hoxe algúns restos arqueolóxicos.
  2. Xesús Ferro Ruibal, 185.
  3. Tamén se di que era un simple sacerdote.
  4. adarve5.blogspot.com (en castelán).
  5. En Catholic.net danlles os nomes de Profirio e Daucto.
  6. Ningunha fonte dá ningún dato sobre elas.
  7. bibliotecadigital.jcyl (en castelán)
  8. Cómpre advertir que Septimio Severo non tivo fillos, polo que esta parte do martirio contradí a realidade histórica.
  9. Catholic.net (en castelán).
  10. "Al encuentro de san Caralampio en el Camino de Santiago" (La Voz de Galicia, 25.03.2012); "Hosteleros de Melide piden sanción para el presidente local del sector" (La Voz de Galicia, 23.09.2015).
  11. "Os Pelamios é a bañeira de Santiago" (La Voz de Galicia, 14.04.2014).
  12. Ferro Ruibal.
  13. "Carballeda de Valdeorras celebra a san Caralampio en la 'serra da Culebra'" (La Voz de Galicia, 15.06.2013).
  14. Turismogrove.mobi.
  15. turismogrove.movi.
  16. "Las pintadas afean la fachada de la capilla de las conchas de A Toxa" (La Voz de Galicia, 8.08.2015).
  17. "A Toxa acoge la boda del año" (Faro de Vigo, 28.11.1996).
  18. "Suspenden las misas previstas en la capilla de A Toxa por el mal estado del edificio" (La Voz de Galicia, 16.05.2020).
  19. Aínda non aprobado, a marzo de 2022.
  20. Resolución de 14 de maio de 1991 pola que se ordena a publicación das normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (DOG nº 135, de 16 de xullo de 1991, px. 6635).
  21. Comitán de las Flores (en castelán).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992, 185.
  • La Voz de Galicia e Faro de Vigo

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]