Saltar ao contido

Carbúnculo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carbúnculo
Clasificación e recursos externos
Lesión na pel causada polo carbúnculo.
ICD-10A22
ICD-9022
DiseasesDB1203
MedlinePlus001325
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O carbúnculo[1] (tamén coñecido como carbuncho,[2] solda[3] ou ántrax,[4] aínda este último termo é tamén sinónimo de furunculose por Staphylococcus aureus) é unha doenza contaxiosa, aguda e grave, que pode afectar a todos os homeotermos e entre eles ó home, causada por Bacillus anthracis, un bacilo grampositivo, anaeróbico facultativo e esporoxénico que se atopa no chan.[5] A severidade do carbúnculo no home varía segundo o modo de contaxio e a velocidade do tratamento; o carbúnculo cutáneo, a manifestación máis común da doenza presenta unha mortalidade baixa. En troques, o carbúnculo pulmonar é letal na maioría dos casos. As esporas de B. anthracis investigáronse como axentes de guerra biolóxica, e foron empregadas nos ataques con carbúnculo nos Estados Unidos de 2001.

Etioloxía

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Bacillus anthracis.

O axente causante do carbúnculo é a bacteria Bacillus anthracis, un microorganismo esporoxénico que pode ficar no ambiente durante moitos anos. A célula é grande, entre 1 e 8 µm en lonxitude, e 1 e 1,5 µm de ancho. As esporas teñen un tamaño de aproximadamente 1 µm µm.[6] As esporas son moi resistentes; para a súa destrución, requírese a ebulición durante 10 minutos, o autoclave a 120 °C °C ou o forno a 160 °C  durante 6 minutos.[7]

Fotografía con microscopio electrónico do Bacillus anthracis no bazo dun mono. As bacterias, con forma de bastón, amósanse a carón dun glóbulo vermello.

Epidemioloxía

[editar | editar a fonte]

Reservorios

[editar | editar a fonte]

Existe un reservorio animal representado polos animais doentes ou os cadáveres de animais mortos polo proceso, e un reservorio extraanimal, telúrico e máis importante dende o punto de vista epidemiolóxico, integrado polos terreos contaminados a partir dos excrementos e secrecións dos animais doentes. Estes animais liberan grandes cantidades de bacterias polo sangue eliminado por boca, nariz e ano. En contacto co osíxeno ambiental, as bacterias esporulan e contaminan o terreo circundante onde poden pervivir durante décadas con plena capacidade xerminativa. Estas esporas presentes no chan poden pasar á súa forma vexetativa e multiplicarse se existen as condicións edafolóxicas e climáticas óptimas (terreos calcáreos ou alcalinos ricos en materia orgánica e unha temperatura entre 30 e 35 °C) transformándose así o terreo no que se coñece como «área incubadora». O organismo sobrevive nas capas superficiais do chan, normalmente até uns 6 cm de profundidade, polo cal non se adoitan atopar en terreos ben drenados e de uso intenso para a agricultura.[8]

Fotografía con microscopio electrónico de esporas de Bacillus anthracis.

Mecanismo de transmisión

[editar | editar a fonte]

A transmisión en animais prodúcese normalmente por inxestión. Os herbívoros poden infectarse ó inxerir esporas vehiculadas en plantas e pasto ou beber auga con en suspensión. Os gromos adoitan producirse en épocas de choivas fortes, inundacións ou secas. Os carnívoros adóitanse infectar tras a inxestión de carne contaminada procedente de animais infectados, mentres que os preeiros e as moscas poden esparexer a doenza logo de alimentarse de refugallos e depositar pingas de vómito nas plantas. As picaduras por moscas tamén poden contribuír a espallar a doenza, aínda que este xeito de transmisión é máis raro.[9]

En humanos pódese producir un contaxio cutáneo ó contactar con animais infectados ou os seus produtos contaminados (pelello, la e sangue), ben directamente pola súa manipulación ou indirectamente vehiculado por diversos insectos hematófagos. Este é o xeito máis corrente de transmisión. Asemade, é posible o contaxio tras inhalar esporas; este xeito de contaxio está asociado a procesos como curtir peles ou o tratamento da la. Tamén se pode producir o contaxio por inhalación, dixestivo tras consumir carne procedente de animais infectados; o consumo de leite non semella transmitir a doenza, e a transmisión de persoa a persoa é moi rara.

Existe distinta susceptibilidade á infección en función da especie afectada. As especies máis sensibles son os ruminantes, tanto salvaxes como domésticos, mentres que os carnívoros, súidos e equinos manifestan unha sensibilidade intermedia. Dentro desta sensibilidade intermedia podemos tamén incluír ó xénero humano. As aves son consideradas practicamente como refractarias á doenza, podendo este feito estar en relación coa súa alta temperatura corporal.[10]

Esta doenza atópase diseminada por todo o mundo, sendo especialmente frecuente en certas rexións de África, Asia e Oriente medio e o sueste europeo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carbúnculo.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para carbuncho.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para solda.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ántrax.
  5. Parlamento Europeo. "Boletines terminológicos y normativos.Boletín nº 32 - Ántrax/carbunco". Arquivado dende o orixinal o 23 de xaneiro de 2012. Consultado o 10 de abril de 2017. 
  6. "Bacillus anthracis". 
  7. "Ántrax-Carbunco". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2012. Consultado o 10 de abril de 2017. 
  8. Grupo de Ecopatología de la Fauna Silvestre de Andalucía. "Carbunco bacteridiano" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de abril de 2012. Consultado o 10 de abril de 2017. 
  9. Organización de las Naciones Unidas para la Agricultura y la Alimentación. "El carbunco en los animales". Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2018. Consultado o 10 de abril de 2017. 
  10. "Ántrax (Carbunco)" (4). doi:10.4067/S0716-10182001000400008.