Carballo, Taboada
Carballo | |
---|---|
Casa do Concello | |
Concello | Taboada[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 42°42′45″N 7°45′07″O / 42.71256443, -7.75181257 |
Poboación | 796 hab. (2014) |
Entidades de poboación | 5[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Tomé do Carballo é unha parroquia do concello de Taboada na comarca de Chantada, na provincia de Lugo. Segundo o IGE en 2014 tiña 796 habitantes (364 homes e 432 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 849 habitantes. Alberga a capital municipal.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Atópase no centro xeográfico do concello, nunha planicie dominada por pastos e bosques autóctonos e de piñeiro e de eucalipto en menor medida. Está atravesada polo río da Anguieira, que deita as súas augas no Toldao, o cal tamén atravesa a parroquia de Carballo nu Lugar da Puricela.
Historia
[editar | editar a fonte]Debe o seu nome ao centenario Carballo de Ramos, situado na leira homónima, no extremo sur da vila de Taboada, catalogado como árbore senlleira pola Xunta de Galicia[2].
No seu extremo oriental está o monte da Medela, que dá nome a un lugar próximo, e que con toda probabilidade ten soterrada unha mámoa, a cal tería un grande dominio visual.
A parroquia está atravesada por unha antiga calzada romana, que unía Braga con Lugo, que seguiu sendo utilizada como camiño real até a actualidade. No lugar da Puricela, consérvanse catro miliarios de época romana.[3] Esta vía toma varios nomes no seu paso pola vila, como Rúa Real, Rúa de Riazón ou Rúa de Laxelas. Parte deste trazado, arredor do cal apareceron algunhas aldeas que logo serían integradas na vila, solaparíase coa Avenida de Lugo, construída a mediados do século XIX, e que conforma hoxe en día a principal vía de comunicación.
No lugar de Relás foi construído un pazo pertencente á familia dos Taboada, de titularidade privada e en bo estado de conservación.
En 1898, os seus límites territoriais foron ampliados polo norte debido ao desenvolvemento da vila de Taboada, capital municipal dende a constitución do concello no 1840. A súa fronteira coa parroquia de Bembibre desprazouse cara ao norte desde o río da Anguieira, que atravesa a vila pola metade, aproximadamente até o cruzamento da Avenida de Lugo coa Rúa dos Condes de Taboada.
A parroquia acadou un notábel desenvolvemento nas primeiras décadas do século XX, debido, entre outros, á súa favorable situación xeográfica e a albergar os xulgados do partido xudicial de Chantada. Nestes anos construíuse a casa de Manuel Rigueira, de estilo modernista (1919), e a igrexa parroquial (1920) sobre un templo anterior.
A denominación da vila como Taboada non se fixo maioritaria até avanzado o século XX. Até entón era coñecida como San Tomé ou San Tomé do Carballo, como reflicte a documentación de entón.[4]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Carballo, Taboada.
-
Carballo de Ramos
-
Casa de Manuel Rigueira (1919).
-
Igrexa parroquial (1920), construída sobre unha capela anterior.
-
Pía bautismal
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Carballo
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Carballo no concello de Taboada (Lugo) | |
---|---|
Carude | A Medela | A Puricela | Relás | Taboada |
Parroquias de Taboada
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
- ↑ "Árbores senlleiras de Galicia".
- ↑ Sobrado Vázquez, Xoán Manuel (2009). O trazado da vía romana Lucus Augusti-Aquis Querquennis na provincia de Lugo. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares.
- ↑ Fariña Jamardo, X. (1990). Os concellos galegos (parte específica). Fundación Barrié de la Maza.