Carl Peter Thunberg
Carl Peter Thunberg, nado en Jönköping, Suecia o 11 de novembro de 1743 e finado en Thunaberg, preto de Uppsala, o 8 de agosto de 1828, foi un explorador, médico, naturalista e botánico sueco, un dos dezasete apóstolos de Linneo.
Coñécese como o pai da botánica surafricana e o Linneo xaponés (polo estudo que realizou sobre a flora xaponesa).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Thunberg foi alumno de Linneo en Uppsala, en cuxa universiade obtén os títulos de doutor en medicina e en historia natural en 1767.
En 1770 deixa Suecia para ir a París, onde continúa os seus estudos nestas dúas disciplinas.
En 1771, durante unha viaxe aos Países Baixos, estuda os xardíns botánicos e os museos de Ámsterdam e de Leiden. Proponse ir visitar as colonias holandesas e o Xapón co fin de recoller espécimes para os xardíns botánicos holandeses. Parte en decembro de 1771 como médico a bordo dun buque da Compañía Holandesa das Indias Orientais. Chega á Cidade do Cabo e permanece tres anos na colonia holandesa para aprender holandés; o seu obxectivo era poder facerse pasar por holandés no Xapón, país daquela aberto soamente aos negociantes protestantes holandeses. Durante a súa estancia fai varias expedicións polo interior das terras, enfrontando a miúdo grandes perigos, co fin de recolectar espécímes de plantas e animais.
En marzo de 1775 Thunberg viaxa á illa de Xava e permanece en Batavia (hoxe Iacarta) durante dous meses. En agosto de 1775 chega á factoría da Compañía Holandesa das Indias Orientais situada na minúscula illa artificial de Deshima (120 m por 75 m) na baía de Nagasaki.[1] Alí Thunberg traballou como ciruxián (1775-1776). Como os outros holandeses desta factoría, case non tiña a posibilidade de ir a terra. Puido, porén, realizar algunhas investigacións botánicas. Co fin de obter máis espécímes, negocia cos seus intérpretes o intercambio de coñecementos da medicina occidental a cambio de novos espécímes vextais. A mediados de 1776 pode acompañar ao director da colonia holandesa nunha visita ao shōgun en Edo (o antigo nome de Toquio). Durante esta longa viaxe, pode colectar numerosas plantas.
Thunberg deixa Xapón en novembro de 1776. Despois dunha curta estadía en Xava, chega a Colombo, Ceilán (actualmente Sri Lanka ), en xullo de 1777. Nesta illa fai varias viaxes, en particular para visitar a colonia holandesa, pois nesa época a illa estaba baixo dominio neerlandés. Segue, naturalmente, as súas herborizacións.
En febreiro de 1778 Thunberg deixa Ceilán para ir a Ámsterdam. Durante esta viaxe detense durante dúas semanas ns Cidade do Cabo, e chega a Ámsterdam en outubro de 1778. De alí vai a Londres, onde se entrevista con Sir Joseph Banks. Ve a colección xaponesa do naturalista alemán Engelbert Kaempfer (1651-1716), que estivera, antes que el, en Deshima. Encóntrase tamén con Johann Reinhold Forster, que lle mostra as súas coleccións formadas na segunda viaxe de James Cook.
De volta a Suecia, en marzo de 1779, decátase da morte de Linneo, ocorrida un ano antes. Pronto substitúeo na universidade de Uppsala como profesor de medicina e de historia natural (1781).
Os resultados das súas investigacións aparecen baixo o título de Flora Japonica en 1784. Dá a coñecer numerosas novas especies co epíteto de japonica; a maioría procedían en realidade da China e se importaran ao Xapón para adornar os xardíns do país.
En 1788 publica o relato da súa viaxe baixo o título de Viaxes de C.P. Thunberg no Xapón polo Cabo da Boa Esperanza, as illas da Sonda etc.. O relato da sá estancia a Deshima é bastante escuro.
Completa a súa obra botánica co seu Prodomus plantarum en 1800, Iconos plantarum japonicarum en 1805 e Flora capensis en 1813. Fai aparecer numerosos artigos en varias publicacións científicoa suecas e doutros países. Noméaselle membro honorario de 26 sociedades científicas. Autor prolífico, atribúenselle 112 títulos.
Algunhas publicacións
[editar | editar a fonte]- Botánica
- Flora Japonica sistens plantas insularum Japonicarum: Secundum systema sexuale emendatum redactas ad XX classes, ordines, genera et species. 1784
- Prodromus Plantarum Capensium: quas in promontorio Bonæ Spei Africes. Uppsala, 1794
- Flora Capensis. 1807, 1811, 1813, 1818, 1820, 1823
- Icones plantarum japonicarum. 1805
- Entomoloxía
- Donationis Thunbergianae 1785 continuatio I. Museum naturalium Academiae Upsaliensis, pars III, 33-42 pp. 1787
- Dissertatio Entomologica Novas Insectorum species sistens, cujus partem quintam. Publico examini subjicit Johannes Olai Noraeus, Uplandus. Upsaliae, pp. 85–106, pl. 5. 1789
- D. D. Dissertatio entomologica sistens Insecta Suecica. Exam. Jonas Kullberg. Upsaliae, pp. 99–104. 1794
Epónimos
[editar | editar a fonte]Foron dedicados na súa honra os xéneros:
- Thunbergia Retz., da familia das Acanthaceae.
- Thunbergiella H.Wolff, da familia des Apiaceae.
- Thunbergianthus Engl., da familia das Scrophulariaceae.
Así mesmo, dedicáronselle máis de 250 especies vexetais e animais.
Abreviaturas
[editar | editar a fonte]- A abreviatura Thunb. emprégase para indicar a Carl Peter Thunberg como autoriade na descrición e na taxonomía en botánica.
- A abreviatura Thunberg emprégase para indicar a Carl Peter Thunberg como autoriade na descrición e na taxonomía en zooloxía.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A illa construíuse en 1634 por orde do shōgun Tokugawa Iemitsu, e orixinalmente acomodou a comerciantes portugueses. A Rebelión Shimabara de 1637, na que os cristiáns xaponeses (católicos) tomaron parte activa, foi abortada coa axuda dos protestantes neerlandeses. Despois de que os portugueses e españois como representantes de países católicos foran expulsados do Xapón en 1638, o shōgun ordenou á Compañía Holandesa das Indias Orientais transferir as súas operacións mercantís desde o porto de Hirado (onde estaban establecidos desde o 20 de setembro de 1609) a Deshima en maio de 1641.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carl Peter Thunberg |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Carl Peter Thunberg |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pelt, Jean-Marie (1999): "Avec Thunberg, cap sur le Cap!", en La Cannelle et le panda: les grands naturalistes explorateurs autour du Monde. París: Fayard. ISBN 978-2-213-60466-4.
- Walters, Michael (2003): A Concise History of Ornithology. New Haven, Connecticut, USA; Yale University Press. ISBN 0-300-09073-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biblioografía sobre C. P. Thunberg en Libris.