Carl Snoilsky
Retrato e sinatura de Carl Snoilsky (1877) | |||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | Carl Johan Gustaf Snoilsky. 8 de setembro de 1841 Estocolmo. | ||||||||||||||
Morte | 19 de maio de 1903 (61 anos) Estocolmo. | ||||||||||||||
Lugar de sepultura | Cemiterio de Solna. | ||||||||||||||
Cargos | |||||||||||||||
Período | 1891 – 1903 | ||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||
País de nacionalidade | Sueco. | ||||||||||||||
Educación | Universidade de Uppsala. | ||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||
Campo de traballo | Bibliotecoloxía e Swedish poetry (en) | ||||||||||||||
Ocupación | Escritor, diplomático, bibliotecario e numismático. | ||||||||||||||
Membro de | |||||||||||||||
Lingua | Sueco. | ||||||||||||||
Obra | |||||||||||||||
Obras destacables · Diker. · Nya diker. · Sonnetter. · Svenska bilder. | |||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||
Cónxuxe | Ebba Snoilsky. | ||||||||||||||
Pais | Nils Snoilsky e Sigrid Snoilsky | ||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||
1902: Premio Letterstedt de tradución. | |||||||||||||||
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Obálky knih, Dicionario Enciclopédico Granat | ||||||||||||||
Lista
|
Carl Johan Gustaf Snoilsky, nado en Estocolmo o 8 de setembro de 1841 e finado na mesma cidade o 19 de maio de 1903,[1] foi un diplomático e poeta sueco, o máis salientable dos primeiros realistas. A súa vida e a súa obra exerceron unha grande influencia no dramaturgo Henrik Ibsen, en particular na súa obra Rosmersholm.[2]
Snoilsky foi tamén un reputado numismático, e presidiu a Sociedade Numismática Sueca desde 1891 ata a súa morte. Tamén foi membro da Academia Sueca.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe, primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Snoilsky naceu en 1841 en Estocolmo, fillo da condesa Sigrid Banér, pintora, e de Nils Snoilsky, xuíz de paz e conde camarlengo.[3][4]
Canto ás súas orixes familiares, Carl Snoilsky asegurou ter como antepasado un pastor protestante de Carniola, Eslovenia, que se facía chamar Labacus.[5] Tal afirmación, popularizada en Eslovenia polo poeta Anton Aškerc, non foi plenamente probada, mais é verosímil. Ese nome asociouse ao reformador protestante carniolano Johann Snoilshik.[6]
Carl Snoilsky cursou os seus estudos primarios na Escola Klara e a educación secundaria no Stockholms lyceum, e en 1860 ingresou na Universidade de Upsala, onde comezou os estudos de Diplomacia, que abandonou para comezar a traballar no Ministerio de Asuntos Exteriores sueco.[7]
Carreira literaria e numismática
[editar | editar a fonte]Xa en 1861, baixo o pseudónimo de Sven Tröst, comezou a imprimir uns poemas, e de camiño converteuse nun dos personaxes centrais da brillante sociedade literaria da capital sueca. En 1862 publicou unha colección de poemas titulada Orchideer ("Orquídeas").[7]
Durante 1864 e 1865 estivo en Madrid e en París en misións diplomáticas. Foi en 1869 cando compilou por primeira vez os seus poemas baixo o título de Dikter ("Poemas"), xa non con pseudónimo, senón co seu nome real. A partir dese momento, Snoilsky situouse entre os poetas contemporáneos máis eminentes do seu país.[7] O seu libro Sonnetter ("Sonetos"), de 1871,[8] aumentou a súa notoriedade.[9]
Durante o seguinte lustro, Snoilsky abandonou a poesía e dedicouse de cheo ao seu traballo no Ministerio de Asuntos Exteriores, así como ao estudo da numismática e ao coleccionismo de moedas.[9] Desde 1891 ata o seu falecemento foi o presidente da Sociedade Numismática Sueca.[10][11]
En 1876 retomou a creación poética e publicou unha tradución de baladas de Goethe, pola que foi recoñecido en 1902 co premio Letterstedt de Tradución.[12] No propio 1876 foi nomeado conservador dos arquivos (Expeditionssekreterare) e xefe do departamento político do Ministerio de Asuntos Exteriores, e en 1878 foi ascendido a director adxunto (kansliråd), e sucedeu o bispo Paul Genberg como un dos dezaoito membros da Academia Sueca.[9][13]
Mais en 1879 renunciou a todos os seus cargos e marchou repentinamente a Florencia coa condesa viúva Ebba Piper —de solteira baronesa Ruuth—, con quen casou en 1880.[9]
Snoilsky publicou en 1881 un volume de Nya Dikter ("Novos poemas"). Outros volumes de Dikter apareceron en 1883, en 1887 e en 1897. Na década de 1880 publicou tamén poemas como Savonarola en 1883 e Hvita frun ("A Dama Branca") en 1885. En 1886 compilou os seus poemas de tema nacional en Svenska bilder (cunha segunda edición en 1895), que se converteu nun clásico sueco.[9]
En 1891 regresou a Estocolmo e foi nomeado bibliotecario principal (Överbibliotekarie) da Biblioteca Real de Suecia, cargo que ocupou ata o seu falecemento en Estocolmo o 19 de maio de 1903.[1][3][9]
Os seus poemas foron recompilados novamente, baixo o título de Samlade dikter ("Colección de poemas"), en cinco volumes publicados entre 1903 e 1904.[9]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha listaxe dos poemarios de Snoilsky, accesibles en liña:
- (1869). Dikter. Selegmanns, Estocolmo.
- (1871). Sonnetter. Selegmanns, Estocolmo.
- (1881). Nya Dikter 1879-1880. Beligmann, Estocolmo.
- (1883). Dikter. Germandts, Estocolmo.
- (1886). Svenska bilder. Seligmanns, Estocolmo.
- (1887). Dikter. Seligmanns, Estocolmo.
- (1897). Dikter. Seligmanns. Estocolmo.
- (1903-1904). Samlade Dikter I (1903);.II (1903); III (1903); IV (1903); V (1904). H. Gebers, Estocolmo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Westrin, Th. (1917). Páxina 131.
- ↑ Glavan, M. (2019). "Henrik Ibsen in Carl Snoilsky". En Stati inu obstati: revija za vprašanja protestantizma (en esloveno). Vol. 29. Nº 19. Xuño. Páxinas 164-166.
- ↑ 3,0 3,1 Lewan, B. (2006).
- ↑ Warburg, K. (1905). Páxina 15.
- ↑ Glavan, M. (2019).
- ↑ Glavan, M. (2019). "Janž Znojilšek: verski in slovstveni reformator" ["Janž Znojilšek: un reformador literario e relixiosos]. En Stati inu obstati: revija za vprašanja protestantizma (en esloveno, inglés e alemán). Vol. 29. Nº 19. Páxina 227.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Chisholm, H. (ed.) (1911). Páxina 294.
- ↑ Véxase "(1871)" en "Publicacións".
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 Chisholm, H. (ed.) (1911). Páxina 295.
- ↑ "SNF:s ordföranden genom tiderna". Svenska Numismatiska Föreningen (Numismatik.se).
- ↑ Wahlquist, G. (2004).
- ↑ "Letterstedtska priset för översättningar". Litteraturbanken.se
- ↑ "Snoilsky, Carl". Svenska Akademien (Svenskaakademien.se).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chisholm, H. (ed.) (1911). "Snoilsky, Carl Johan Gustaf". En Encyclopædia Britannica. Vol. 25. 11ª ed. Cambridge University Press. Páxinas 294-295.
- Glavan, M. (2019). "Carl Snoilsky (1841-1903)". En Stati inu obstati: revija za vprašanja protestantizma (en esloveno). Vol. 29. Nº 19. Xuño. Páxinas 161-164.
- Gosse, E. (1914). "Carl Snoisky 1841-1903". En Portraits and Sketches. C. Scribner's Sons, Nova York. Páxinas 227-240.
- Lewan, B. (2006). "Carl J G Snoilsky". En Svenskt biografiskt lexikon. Vol. 32. Páxina 605.
- Wahlquist, G. (2004). Carl Snoilsky. Skalden som samlade mynt och böcker. Kungl. myntkabinettet / Svenska numismatiska föreningen. ISSN 0282-4396
- Warburg, K. (1905). Carl Snoilsky. Hans lefnad och skaldskap. Hogo Gebers Förlag, Estocolmo.
- Westrin, Th. (1917). "Snoilsky, 4. Karl (Carl) Johan Gusatf". En Nordisk familjebok. Vol. XXVI. Páxinas 131-135.