Carlos II o Magnánimo
Carlos II de Alençon[1], tamén coñecido como Carlos II o Magnánimo, nado en 1297 e finado o 26 de agosto de 1346, era o segundo fillo de Carlos I de Valois e de Margarida de Anjou, e polo tanto irmán do rei de Francia Filipe VI de Francia. Foi conde de Perche, Chartres e Alençon.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fixo as súas primeiras armas en Güiena baixo o mando do seu pai e mostrou no seu primeiro cerco un gran valor que o levou ata unha temeridade cega (1324).
Á morte do seu pai, o 16 de decembro de 1325, o seu irmán Lois de Valois recibiu o condado de Chartres, o condado de Alençon e as terras de Châteauneuf-en-Thymerais e Carlos as terras de Champrond e Senonches e o condado de Perche, segundo un acordo de distribución feito polo seu pai o 20 de maio de 1314; pero á morte de Luís os condados de Chartres e Alençon e o señorío de Chateauneuf-en-Thymerais pasaron ao seu irmán máis vello Filipe VI de Francia que os cedeu a Carlos en abril de 1329.
Participou na batalla de Cassel (1328) e na conquista de Saintes (1330). O seu irmán Filipe converteuse en rei de Francia en 1328, pero o rei Eduardo III de Inglaterra reclamou a coroa e negouse a pagar o tributo. Filipe VI nomeouno tenente xeneral do Reino e enviouno a cubrir unha rebelión en Saintes, fomentada polos ingleses, e tomou varias fortalezas, incluída a propia Saintes.
Despois interveu en Cambrai en 1339 e en Tournai en 1340. O duque Xoán III da Bretaña morreu en 1341 e estalou a guerra de sucesión entre a súa sobriña Xoana de Penthièvre, apoiada polos franceses, e Xoán II de Montfort, apoiado polos ingleses. Filipe VI deulle a fortaleza de L'Aigle que confiscara a Xoán de Montfort.
Participou na batalla de Crécy (26 de agosto de 1346 ), onde comandou a vangarda e na que morreu.
Matrimonios e fillos
[editar | editar a fonte]En abril de 1314 casou con Xoana, condesa de Joigny, que faleceu o 24 de setembro de 1336, sen descendencia.
En decembro de 1336 casou en segundas nupcias con María de la Cerda (c. 1319 - 19/11/1379), chamada María de Castela, señora de Lunel, filla de Fernando de Castela (1275-1322), señor de La Cerda, e de Xoana Núñez chamada "la Palomilla" (A Pombiña 1286-1351), señora de Lara. María de la Cerda quedara viúva do seu primeiro matrimonio con Carlos de Évreux (1305-1336), conde de Étampes. Coñecense polo menos seis fillos da unión de Carlos de Alençon e María de la Cerda:
- Carlos III de Alençon (1337 - 1375), conde de Alençon, despois arcebispo de Lión.
- Filipe de Alençon (1339 - 1397), elixido bispo de Beauvais pero non foi consagrado, despois arcebispo de Rouen e logo cardeal.
- Pedro II o Nobre (m. 1404), conde de Alençon, Perche e Porhoët.
- Isabel (m. en Poissy o 3 de setembro de 1379), monxa no priorado de San Luís en Poissy.
- Roberto (m. 1377), conde de Perche (1367), que casou con Xoana de Rohan en 1374 e tiveron un fillo, Carlos (que morreu novo, antes de seu pai).
- Isabela (nada postumamente despois do 26 de agosto de 1346).
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos II o Magnánimo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Patrick Van Kerrebrouck, Nouvelle histoire généalogique de l'auguste maison de France, vol. 3 : Les Valois, Patrick van Kerrebrouck, 1990, pp. 412-5.
- Georges d'Heylli, Les tombres royales de Saint-Denis - Histoire et nomenclatures des tombeaux, extraction des cercueils royaux en 1793 - Ce qu'ils contenaient - Les Prussiens dans la basilique en 1871, edición de 1872.