Carlos de Valois
Carlos de Valois, nado en Vincennes o 12 de marzo[1] de 1270[2] e finado en Nogent-le-Roi o 16 de decembro de 1325, foi o terceiro fillo de Filipe III de Francia e de Isabel de Aragón. Fundou a Casa de Valois rama segundoxénita da Dinastía dos Capetos, a que ocuparía o trono de San Lois coa morte do seu sobriño Carlos IV e o ascenso do seu fillo máis vello, como Filipe VI de Francia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi armado cabaleiro aos 14 anos e investido como Rei de Aragón polo legado do Papa Martiño IV en 1284, quen declarou a Cruzada Aragonesa. Os seus dereitos sustentábanse no sangue real da súa nai. Ao mesmo tempo, o seu pai convertíao en Conde de Valois. Xamais puido ocupar o trono aragonés e renunciou ao título en 1295, nos termos do Tratado de Anagni.
Foi tamén conde de Anjou, de Maine e de Perche (tras o seu matrimonio en 1290) con Margarida de Anjou-Sicilia; do seu segundo matrimonio obtivo o título de Emperador titular de Constantinopla, (1301–1308), que ostentaría até a morte da súa muller, Catarina de Courtenay. casou en terceiras nupcias (1308) con Mahaut de Chatillon-Saint-Pol. Dos seus tres matrimonios tivo abundante descendencia.
Loitou en Italia en defensa do Papa en 1301, comandou dúas expedicións en Aquitania en nome do seu irmán Filipe IV (1268 e 1314), foi candidato a coroa do Sacro Imperio. Á morte do seu irmán, opúxose ao centralismo do seu sobriño, Lois X, encabezando á nobreza (1314–1315). Faleceu en Nogent-le-Roi e foi enterrado na igrexa dos Xacobinos de París.
Matrimonios e fillos
[editar | editar a fonte]Contraeu matrimonio por primeira vez en 1290 con Margarida de Anjou-Sicilia (1274–1299), filla do rei Carlos II de Nápoles e María de Hungría. Deste matrimonio naceron:
- Isabel de Valois (1292–1309), casada co duque Xoán III da Bretaña.
- Filipe de Valois (1293—1350), primeiro rei da Casa de Valois, co nome de Filipe VI.
- Xoana de Valois (1294–1342), casada co conde Guillerme III de Hainaut, con quen tivo oito fillos.
- Margarida de Valois (1295–1342), casada con Guy de Châtillon, conde de Blois; tiveron fillos.
- Carlos de Valois (1297–1346), conde de Alençon e de Perche, casado en primeiras nupcias con Xoana de Joigny coa que non tivo descendencia, e en segundas coa infanta castelá María de la Cerda, con quen tivo varios fillos.
- Catarina de Valois (1299), morreu nova.
En 1302 casa novamente con Catarina de Courtenay (1274–1308), emperatriz titular de Constantinopla. Tiveron catro fillos:
- Xoán de Valois (1302–1308), conde de Chartres.
- Catarina de Valois (1303–1346), emperatriz titular de Constantinopla, casada con Filipe I de Anjou, príncipe de Tarento, co que tivo cinco fillos.
- Xoana de Valois (1304–1363), casada co conde Roberto III de Artois, con quen tivo cinco fillos.
- Isabel de Valois (1305–1349), abadesa de Fontevrault.
Finalmente, en 1308, casou con Mahaut de Châtillon-Saint Pol (1293–1358), filla de Guy de Châtillon, Conde de Saint Pol, coa que tivo catro fillos:
- María de Valois (1309–1332), casada co duque Carlos de Calabria, tiveron fillos.
- Isabel de Valois (1313–1388), casada co duque Pedro I de Borbón, con quen tivo sete fillos.
- Branca Margarida de Valois (1317–1348), casada co emperador Carlos IV, con quen tivo dúas fillas.
- Lois de Valois (1318–1328), Conde de Chartres.
Devanceiros
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo a xenealoxía de Charles de Valois no sitio Medieval Lands
- ↑ Segundo a crónica de Saint-Denis (EX Brevi Chronico ecclesiæ S. Dionysii) : « Cette même année 1270, au cours du Quadragésima, naissance de Charles, fils du roi Philippe et de sa première épouse ». Recueil des historiens de la France, tome XXIII, p.145
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Petit, Joseph (1900). Charles de Valois (en francés). Paris: A. Picard.
- Favier, Jean (1978). Philippe le Bel (en francés). Paris: Fayard.
- Bouillet, Marie-Nicolas; Chassang, Alexis (1878). "Charles de Valois". Dictionnaire universel d’histoire et de géographie (en francés).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Wikimedia Commons alberga unha categoría multimedia sobre Carlos de Valois.
- «Carlos de Valois, o home que quixo ser rei desesperadamente», en historia-nostra.com (en francés).