Carlos I de Romanía
Carol I de Romanía, nado o 20 de abril de 1839 e finado o 10 de outubro de 1914, foi un príncipe alemán, elixido Domnitor ou príncipe de Romanía en abril de 1866 tralo derrocamento de Alexandru Ioan Cuza (Alexandre Xoán Cuza), e rei o 26 de marzo de 1881. Foi o primeiro rei da dinastía Hohenzollern-Sigmaringen, que gobernaría o país até a proclamación da república en 1947.
Durante o seu reinado dirixiu persoalmente as tropas romanesas na Guerra Ruso-Turca, tomando o mando das tropas ruso-romanesas no sitio de Pleven. Grazas a esta guerra Romanía logrou plena autonomía do Imperio Otomán (Tratado de Berlín de 1878). Entón Romanía viuse obrigada a renunciar a favor do Imperio Ruso aos tres distritos do sur de Besarabia, mais recibiu en troques o norte de Dobruia. Ampliou o seu territorio ao adquirir o sur de Dobruia de Bulgaria en 1913. A vida política interna, aínda dominada polas grandes familias de terratenentes, organizados nos partidos rivais Liberal e Conservador, foi marcada por dous levantamentos campesiños: un no sur de Valaquia, en abril de 1888, e outro no norte de Moldova, en marzo de 1907.
Casou con Isabel de Wied en 1869, da que tivo unha filla, María, morta con apenas tres anos.
A falta de descendencia directa de Carlos deixaba ao seu irmán Leopoldo sucesor ao trono. En outubro de 1880 Leopoldo rexeitou o seu dereito a favor do seu fillo Guillerme, quen á súa vez rexeitou oito anos despois a favor do seu irmán máis novo, o futuro rei Fernando.
A primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]Coa tensión crecente tralo asasinato do herdeiro ao trono austrohúngaro pola intención cada vez máis clara de Austria-Hungría de utilizar este como escusa para axustar contas con Serbia, Carlos atopouse nunha posición cada vez máis complicada.[1] As súas preferencias persoais e unha longa alianza secreta (Tripla Alianza), debida á antipatía cara a Rusia, ligaban ao país aos Imperios Centrais.[1] Durante a década anterior a 1914, con todo, este sentimento antirruso quedara relegado ante a sensación de hostilidade cara a Austria-Hungría, que defendera a postura búlgara durante as Guerras dos Balcáns e contiña unha abundante minoría romanesa discriminada en Transilvania.[2]
No crucial consello real do 3 de agosto de 1914 foi practicamente o único en defender a declaración de guerra a Rusia, mentres todos menos un dos membros da reunión defendían o mantemento da neutralidade romanesa na guerra.[2] Carlos aceptou case sen resistencia a postura do consello.[2] Declarou aos representantes austrohúngaros e alemáns que el permanecía fiel á alianza pero que non podía desenvaiñar a espada en contra do parecer do pobo. Para entón Carlos estaba enfermo de morte e sufría constantes presións da súa familia e achegados para declarar a guerra a Rusia, mentres que os responsables políticos avogaban cada vez máis forte por atacar Austria-Hungría.[3]
En setembro, cando a axitación a favor da entrada de Romanía na guerra ao lado da Entente chegou ao máximo, solicitou secretamente a Alemaña que azuase a Bulgaria a ameazar a Romanía para arrefriar os ánimos dos belicistas.[3] Anteriormente solicitara a cesión de parte da Bucovina e reformas internas en Transilvania para tranquilizar á opinión pública romanesa, sen éxito.[3] Pesimista ante a situación, chegou a suscitarse a abdicación e o exilio, pero non chegou a poñelos en práctica.[3]
Carlos morreu o 10 de outubro de 1914, facilitando a posterior entrada en guerra de Romanía ao lado da Entente xa que o novo rei, Fernando I, inexperto e indeciso, deixou a política exterior do país en mans do primeiro ministro profrancés, Ion I. C. Brătianu.[4]
Distincións honoríficas
[editar | editar a fonte]- Soberano Gran Mestre da Orde da Estrela de Romanía (Reino de Romanía, 22/05/1866).
- Soberano Gran Mestre (e fundador) da Orde da Coroa (Reino de Romanía, 14/03/1881).
- Soberano Gran Mestre (e fundador) da Orde de Carol I (Reino de Romanía, 10/05/1906).
- Cabaleiro da Suprema Orde da Santísima Anunciación (Reino de Italia, 1878).
- Cabaleiro Gran Cruz da Orde dos Santos Mauricio e Lázaro (Reino de Italia, 1878).
- Cabaleiro Gran Cruz da Orde da Coroa de Italia (Reino de Italia, 1878).
- Cabaleiro de II Clase da Orde de San Xurxo (Imperio Ruso).
- Cabaleiro Gran Cruz da Orde de Luis (Gran Ducado de Hesse-Darmstadt).
- Cruz ao Mérito Militar de I Clase (Imperio Austrohúngaro).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Torrey (1998), p. 9
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Torrey (1998), p. 10
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Torrey (1998), p. 13
- ↑ Torrey (1998), p. 17
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos I de Romanía |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Torrey, Glenn L. (1998). Romania and World War I (en inglés). Center for Romanian Studies. p. 400. ISBN 9789739839167.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Predecesor: Alexandru Ioan Cuza |
Rei de Romanía 1866-1914 |
Sucesor: Fernando I |