Carmen Cerdeira
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Carmen Cerdeira Morterero 27 de setembro de 1958 Ceuta, España |
Morte | 2 de agosto de 2007 (48 anos) Ceuta, España |
Causa da morte | cancro |
Eurodeputada | |
Representa: Partido Socialista Obrero Español 20 de xullo de 1999 – 19 de xullo de 2004 Lexislatura: V lexislatura do Parlamento Europeo Circunscrición electoral: España Electa en: eleccións ao Parlamento Europeo de 1999 | |
Senadora de España | |
1989 – 1993 | |
Substituto na Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa | |
Representa: España 2 de maio de 1988 – 21 de marzo de 1990 | |
Senadora de España | |
1986 – 1989 | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Sevilla |
Actividade | |
Lugar de traballo | Estrasburgo Bruxelas |
Ocupación | política, avogada |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (1990–1993) |
Familia | |
Parentes | Clemente Cerdeira Fernández, avó paterno |
María del Carmen Cerdeira Morterero, nada en Ceuta o 27 de setembro de 1958 e finada ibídem o 2 de agosto de 2007, foi unha política española pertencente ó PSOE. Foi delegada do goberno en Ceuta, eurodeputada, senadora, concelleira e avogada.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seo dunha familia de gran tradición republicano-socialista. O seu pai, Clemente Cerdeira García de la Torre, foi un histórico do socialismo da cidade, o seu avó paterno Clemente Cerdeira Fernández foi un dos diplomáticos máis activos da Segunda República para abortar o golpe militar de 1936 desde a retagarda africana, e o seu avó materno, Justo Morterero Felipe, membro de FETE-UXT, foi asasinado polos falanxistas ó comezo da guerra civil en Écija (provincia de Sevilla). Era, asemade, bisneta de Joaquín García de la Torre y Almenara, alcalde de Ceuta na década de 1920, sobriña-neta de David Valverde Soriano, alcalde republicano de Ceuta asasinado en 1937, e de Emilio Millán Rivero, asasinado trala guerra civil pola súa militancia socialista.
Licenciouse en Dereito pola Universidade de Sevilla, e foi profesora-titora de Dereito Civil do Centro Asociado da UNED de Ceuta (1981-1985), localidade onde exerceu de avogada. Nunca chegou a darse de baixa no Colexio de Avogados de Ceuta, xa que o exercicio da avogacía foi unha das súas grandes paixóns xunto á familia e a política.
Afiliada ao PSOE e á UXT, nas eleccións municipais de 1983 foi elixida concelleira de Ceuta, a súa cidade, pola lista socialista encabezada por Francisco Fraiz, sendo durante devandita lexislatura tenente de alcalde. Non chegou a finalizar o seu mandato xa que sería elixida senadora da III Lexislatura (1986/1989), repetindo na seguinte (IV Lexislatura 1989/1993). Unha das iniciativas máis salientables presentadas por Cerdeira ante o Pleno do Senado foi a proposición de lei para a reforma do Código Civil en aplicación do principio de non discriminación por razón de sexo en 1989. Dende o Senado, foi membro das Asembleas Parlamentarias do Consello de Europa e da UEO (1990/1993).
No XXXIV Congreso Federal do PSOE (1997) foi elixida secretaria de movementos sociais na candidatura encabezada por Joaquín Almunia, desde onde desenvolveu unha serie de iniciativas que finalmente cristalizarían durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en materia de igualdade, como o apoio ás persoas homosexuais, e transexuais.
Tras a súa etapa no Senado, foi designada asesora executiva do Ministerio de Xustiza, sendo nomeada en 1994 Delegada do Goberno en Ceuta, a segunda vez que dita responsabilidade ostentábaa unha muller despois de María de Eza no século XVI, da que cesaría tras as eleccións xerais gañadas polo PP en 1996. A crise máis complexa que tivo que xestionar durante o seu mandato foi a revolta dun grupo de inmigrantes de outubro de 1995 nas Murallas Reais do Ángulo, que se saldou con decenas de feridos e o axente da Policía Nacional Antonio Arrebola Alcántara, grave por ferida dunha bala que partira dunha arma oficial do calibre 9.
Nas Eleccións Europeas de 1999 (e até 2003) foi elixida deputada ao Parlamento Europeo polo seu partido, sendo membro da Comisión de Liberdades, Xustiza e Asuntos de Interior.
En 2004 foi nomeada presidenta da Sociedade Estatal para a Acción Cultural Exterior (SEACEX), responsabilidade que mantería até o seu falecemento.
Faleceu o 2 de agosto de 2007 ós 48 anos de idade na súa cidade natal por mor dun cancro que padecía dende había varios anos.
Premio Carmen Cerdeira
[editar | editar a fonte]En 2013 o PSOE creou a nivel federal o premio Carmen Cerdeira, para recoñecer o labor desenvolvido por organizacións, institucións e persoas que se distinguiron na defensa dos dereitos civís, a promoción da igualdade de trato e a non discriminación, concedéndose ese ano ó expresidente do goberno José Luis Rodríguez Zapatero.[4]
Premios
[editar | editar a fonte]- 2003 Premio María de Eza.
- 2015 Premios Adriano Antinoo Mención Honorífica con carácter póstumo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Premio María de Eza".
- ↑ Rubiales, Amparo (27 de outubro de 2008). "In memorian: Carmen Cerdeira". El Pueblo (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2013. Consultado o 28 de marzo de 2018.
- ↑ "Carmen Cerdeira, una incesante luchadora apasionada por la política". El Mundo.
- ↑ "Primera edición del Premio “Carmen Cerdeira”".