Saltar ao contido

Carmen Fernández Seguín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaCarmen Fernández Seguín
Biografía
Nacemento1905 Editar o valor en Wikidata
Coalloso, España Editar o valor en Wikidata
Morte1999 Editar o valor en Wikidata (93/94 anos)
Sandiás, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmaquis Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
FillosPerfecto de Dios Fernández, Camilo de Dios Fernández Editar o valor en Wikidata

Carmen Fernández Seguín nada en Coalloso en 1905 e finada en Sandiás en 1999, foi unha guerrilleira antifranquista galega.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia conservadora, pero cando coñeceu a Jesús de Dios, fundador do Partido Comunista de España (PCE) en Sandiás, politizouse e máis tarde casou con el e tiveron tres fillos, dous deles Perfecto e Camilo de Dios Fernández.[1] Fuxiron a Portugal cando se declarou a guerra civil española e Galicia quedou en mans dos rebeldes. Poucos días despois ela regresou a Galicia coa axuda de dous irmáns falanxistas, pero sufriu insultos, ameazas e a incautación da súa casa, utilizada como centro de detención.[2]

Rematada a guerra civil o seu marido volveu ocasionalmente a España, pero foi detido e condenado, falecendo poucos anos despois debido unha anxina de peito. Carmen Fernández seguiu o compromiso político do seu marido e, xunto cos seus fillos Camilo e Perfecto, foi enlace e subministradora de alimentos da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia.[2] Deu o salto á loita armada de xeito inesperado, cando tiña na casa varios guerrilleiros ceando e parou un camión da Garda Civil moi cerca deles. Tivo medo de ser detida ela e mais os seus fillos por axudar os guerrilleiros e decidiron fuxir. A súa actividade comezou mais por humanidade ca por ideoloxía, pero terminou sendo por convicción.[2]

En 1950, despois dunha serie de caídas nas filas guerrilleiras na que prenderon o seu fillo Camilo en Ourense,[3] e coa idea de establecer contacto cos grupos da zona co seu fillo, Perfecto de Dios, pensaron marchar a Madrid desde Ourense, e logo ao exilio. No entanto, o 16 de maio, en Chaherrero (Crespos, Ávila), o grupo foi descuberto e tras un tiroteo da Garda Civil, mataron a Perfecto[4] e detivérona a ela, que quedara xunto ao corpo do seu fillo morto.[5]

Carmen Fernández foi trasladada a Ourense e acusada de participar en varios atracos efectuados pola guerrilla na Limia e na queima da casa do cura de Couso de Salas. A causa militar nº 111/50 recollía que eses feitos era constitutivos do delito de formar partidas armadas dedicadas ao bandidaxe e o terrorismo, polo que o Fiscal Militar solicitou a pena de morte e a responsabilidade civil para pago de indemnizacións. Finalmente, o 27 de outubro de 1950 foi condenada a 30 anos de prisión maior e o embargo dos bens.[6]

Estivo 13 anos en diferentes cárceres e destacou pola súa actividade clandestina organizando celas comunistas en cárceres, colaborando con Mundo Obrero e realizando diferentes tipos de protestas e folgas. Durante anos mantivo correspondencia co seu fillo Camilo estando na cadea.[1]

O 23 de decembro de 1958 concedéronlle o indulto da sexta parte da pena total. Conseguiu a liberdade condicional o 13 de decembro de 1961.[6] Unha vez liberada regresou a Sandiás, onde nunca revelou as súas actividades fóra dun pequeno grupo de familiares. Morreu no ano 1999.[7]

  1. 1,0 1,1 "Camarada Camilo, guerrillero antifranquista". www.publico.es. 2017-06-15. Consultado o 2024-01-18. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Cejudo, Conchi (2019-05-12). "Perfecto de Dios, el guerrillero que soñó con liberar a España del fascismo". cadena SER (en castelán). Consultado o 2024-01-17. 
  3. Executive Order 9808 (1946). Oxford University Press. 2009-09-30. 
  4. Galicia, Partido Comunista de; Ciudadanía, Sociedad y. "Acto de entrega de los restos de Perfecto de Dios Fernández, guerrillero antifranquista gallego". Mundo Obrero (en castelán). Consultado o 2024-01-16. 
  5. "Exhumación Chaherrero - Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica". memoriahistorica.org.es. Consultado o 2024-01-17. 
  6. 6,0 6,1 Martínez Cerredelo, Edelmiro (2008). A Limia, 1931-1953 historia e memoria. Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso". ISBN 978-84-612-6855-9. 
  7. "A Perfecto de Dios le ejecutaron en 1950 con 19 años y un sindicato noruego le saca ahora de la fosa". Consultado o 18/01/2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]