Carlos I de Romanía
Carol I de Romanía, nado o 20 de abril de 1839 e finado o 10 de outubro de 1914, foi un príncipe alemán, elixido Domnitor ou príncipe de Romanía en abril de 1866 tralo derrocamento de Alexandru Ioan Cuza (Alexandre Xoán Cuza), e rei o 26 de marzo de 1881. Foi o primeiro rei da dinastía Hohenzollern-Sigmaringen, que gobernaría o país até a proclamación da república en 1947.
Durante o seu reinado dirixiu persoalmente as tropas romanesas na Guerra Ruso-Turca, tomando o mando das tropas ruso-romanesas no sitio de Pleven. Grazas a esta guerra Romanía logrou plena autonomía do Imperio Otomán (Tratado de Berlín de 1878). Entón Romanía viuse obrigada a renunciar a favor do Imperio Ruso aos tres distritos do sur de Besarabia, mais recibiu en troques o norte de Dobruia. Ampliou o seu territorio ao adquirir o sur de Dobruia de Bulgaria en 1913. A vida política interna, aínda dominada polas grandes familias de terratenentes, organizados nos partidos rivais Liberal e Conservador, foi marcada por dous levantamentos campesiños: un no sur de Valaquia, en abril de 1888, e outro no norte de Moldova, en marzo de 1907.
Casou con Isabel de Wied en 1869, da que tivo unha filla, María, morta con apenas tres anos.
A falta de descendencia directa de Carlos deixaba ao seu irmán Leopoldo sucesor ao trono. En outubro de 1880 Leopoldo rexeitou o seu dereito a favor do seu fillo Guillerme, quen á súa vez rexeitou oito anos despois a favor do seu irmán máis novo, o futuro rei Fernando.
A primeira guerra mundial
[editar | editar a fonte]

Coa tensión crecente tralo asasinato do herdeiro ao trono austrohúngaro pola intención cada vez máis clara de Austria-Hungría de utilizar este como escusa para axustar contas con Serbia, Carlos atopouse nunha posición cada vez máis complicada.[1] As súas preferencias persoais e unha longa alianza secreta (Tripla Alianza), debida á antipatía cara a Rusia, ligaban ao país aos Imperios Centrais.[1] Durante a década anterior a 1914, con todo, este sentimento antirruso quedara relegado ante a sensación de hostilidade cara a Austria-Hungría, que defendera a postura búlgara durante as Guerras dos Balcáns e contiña unha abundante minoría romanesa discriminada en Transilvania.[2]
No crucial consello real do 3 de agosto de 1914 foi practicamente o único en defender a declaración de guerra a Rusia, mentres todos menos un dos membros da reunión defendían o mantemento da neutralidade romanesa na guerra.[2] Carlos aceptou case sen resistencia a postura do consello.[2] Declarou aos representantes austrohúngaros e alemáns que el permanecía fiel á alianza pero que non podía desenvaiñar a espada en contra do parecer do pobo. Para entón Carlos estaba enfermo de morte e sufría constantes presións da súa familia e achegados para declarar a guerra a Rusia, mentres que os responsables políticos avogaban cada vez máis forte por atacar Austria-Hungría.[3]
En setembro, cando a axitación a favor da entrada de Romanía na guerra ao lado da Entente chegou ao máximo, solicitou secretamente a Alemaña que azuase a Bulgaria a ameazar a Romanía para arrefriar os ánimos dos belicistas.[3] Anteriormente solicitara a cesión de parte da Bucovina e reformas internas en Transilvania para tranquilizar á opinión pública romanesa, sen éxito.[3] Pesimista ante a situación, chegou a suscitarse a abdicación e o exilio, pero non chegou a poñelos en práctica.[3]
Carlos morreu o 10 de outubro de 1914, facilitando a posterior entrada en guerra de Romanía ao lado da Entente xa que o novo rei, Fernando I, inexperto e indeciso, deixou a política exterior do país en mans do primeiro ministro profrancés, Ion I. C. Brătianu.[4]
Distincións honoríficas
[editar | editar a fonte]Soberano Gran Mestre da Orde da Estrela de Romanía (Reino de Romanía, 22/05/1866).
Soberano Gran Mestre (e fundador) da Orde da Coroa (Reino de Romanía, 14/03/1881).
Soberano Gran Mestre (e fundador) da Orde de Carol I (Reino de Romanía, 10/05/1906).
Cabaleiro da Suprema Orde da Santísima Anunciación (Reino de Italia, 1878).
Cabaleiro Gran Cruz da Orde dos Santos Mauricio e Lázaro (Reino de Italia, 1878).
Cabaleiro Gran Cruz da Orde da Coroa de Italia (Reino de Italia, 1878).
Cabaleiro de II Clase da Orde de San Xurxo (Imperio Ruso).
Cabaleiro Gran Cruz da Orde de Luis (Gran Ducado de Hesse-Darmstadt).
Cruz ao Mérito Militar de I Clase (Imperio Austrohúngaro).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Torrey (1998), p. 9
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Torrey (1998), p. 10
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Torrey (1998), p. 13
- ↑ Torrey (1998), p. 17
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos I de Romanía |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Torrey, Glenn L. (1998). Romania and World War I (en inglés). Center for Romanian Studies. p. 400. ISBN 9789739839167.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Predecesor: Alexandru Ioan Cuza |
Rei de Romanía 1866-1914 |
Sucesor: Fernando I |