Casa da Moeda da República Checa
Casa da Moeda da República Checa –Česká mincovna– | |
---|---|
Serie circulante anual da da Casa da Moeda da República Checa cunha medalla que amosa a súa marca de ceca | |
Tipo | Sociedade privada por accións |
Fundación | 1993 |
Matriz | Monetica[1] |
Localización | Jablonec nad Nisou República Checa. |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas, medallas, produtos de investimento etc. |
Número de empregados | 85 |
Na rede | |
https://ceskamincovna.cz/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda da República Checa (en checo: Česká mincovna) é a compañía privada checa que se encarga en exclusiva da produción de moedas do sistema da coroa checa, en circulación nese país.
A ceca estableceuse en 1993, logo da disolución da antiga República de Checoslovaquia, xa que a Casa da Moeda de Kremnica, que se ocupaba da cuñaxe da coroa checoslovaca, estaba situada en Eslovaquia.[2]
A compañía
[editar | editar a fonte]A Casa da Moeda da República Checa continúa unha longa tradición de cuñaxes en territorio checo. Desde a súa fundación foi o provedor exclusivo de moedas circulantes para ese país, consonte as necesidades do Banco Central da República Checa, así como de moedas conmemorativas para o coleccionismo e o investimento.[3]
En paralelo, a compañía desenvolveu a súa liña propia doutros produtos, como medallas, fichas privadas para diversas institucións etc., ademais dos cuños, as matrices e diversas ferramentas necesarias para o proceso de cuñaxe, coa excepción dos discos sobre os que se cuñan as moedas de circulación, que se importan de fábricas estranxeiras.[3]
O Goberno checo privatizou a compañía en 2009, e pasou a estar controlada pola empresa checa Jablonex Group.[4] Un ano máis tarde, en 2010, a ceca foi adquirida polo consorcio checo-suízo Monetica, propiedade do empresario checo Karel Zubek, e da compañía de moedas suíza AV Amera Vermoegensbeteiligungs AG.[5]
Produtos principais
[editar | editar a fonte]- Moedas checas. A maior parte da produción da ceca checa compóñena as moedas emitidas polo Banco Central da República Checa, tanto para a súa circulación como conmemorativas, correspondentes ao sistema da coroa checa.[6]
- Moedas estranxeiras. Česká mincovna tamén se encarga de todo o proceso de produción de moedas circulantes e conmemorativas por encarga doutros países, entre os que cabe salientar Luxemburgo, Moldova, Armenia, Venezuela ou o Líbano.[7]
- Medallas. A ceca checa mantén un plan anual de emisión de medallas conmemorativas, que conta coa participación de prestixiosos artistas nacionais, particularmente pintores e escultores, e tamén de artistas novos a través de certames e concursos. Estas medallas elabóranse tanto en aliaxes e metais básicos como en metais preciosos, sobre todo en prata e en ouro e, excepcionalmente, en platino.[8]
Marcas de ceca
[editar | editar a fonte]Desde a súa creación en 1993, a Casa da Moeda da República Checa vén utilizando tres marcas de ceca como indicación da orixe das moedas e medallas que elabora.[9]
- “b“ minúscula coroada: utilízase nas moedas de curso legal destinadas á súa circulación e tamén nalgunhas medallas elaboradas en metais básicos. A orixe desta marca de ceca está en paralelo coa da propia empresa. A Casa da Moeda da República Checa fundouse o 1 de xullo de 1993 como unha división autónoma da sociedade anónima Bižuterie a.s., na localidade de Jablonec nad Nisou. A marca de ceca foi deseñada polo escultor Jiří Dostál a partir da inicial do nome desa compañía.[9]
- Monograma "ČM" (cunha liña superior): utilízase para as moedas conmemorativas e as medallas elaboradas en metais preciosos ou dotadas dunha calidade artística especial. Česká mincovna utiliza este monograma (baseado nas súas iniciais) desde 1994 como marca de ceca nas súas moedas e medallas cuñadas en prata, ouro e platino, que ademais van acompañadas dun certificado coas súas características técnicas.[9]
- Monograma “ČM" (cunha coroa): esta marca de ceca grávase nunha variedade de produtos (incluídas medallas) elaborados en metais nobres de creación exclusiva da propia compañía.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Českou mincovnu koupilo česko-švýcarské konsorcium Monetica". En Hobby Filatelie Numismatika. 7 de abril de 2010.
- ↑ "Czech Mint" Mints of the World.
- ↑ 3,0 3,1 "Company Profile Arquivado 08 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". Ceska Mincovna.
- ↑ Starck, J. (2014). "Young, private Prague Mint honors coinage tradition, modern themes Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.". En Coin World. 8 de agosto de 2014.
- ↑ "Českou mincovnu koupilo česko-švýcarské konsorcium Monetica". En Hobby Filatelie Numismatika. 7 de abril de 2010.
- ↑ "Czech Coins Arquivado 16 de maio de 2021 en Wayback Machine.". Ceska Mincovna.
- ↑ "Coin Mintage for Foreign Countries Arquivado 08 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". Ceska Mincovna.
- ↑ "Czech Mint Medals Arquivado 08 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". Ceska Mincovna.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 "Czech Mintmarks Arquivado 21 de setembro de 2016 en Wayback Machine.". Ceska Mincovna.