Casilda de Antón del Olmet
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1871 Huelma, España |
Morte | século XX |
Actividade | |
Ocupación | escritora |
Familia | |
Irmáns | Luis Antón del Olmet Fernando de Antón del Olmet |
Casilda de Antón del Olmet y López de Haro, nada en Huelva o 21 de febreiro de 1871 e finada en Madrid o 8 de xuño de 1954, foi unha poeta, ensaísta e dramaturga española de finais do século XIX e principios do XX.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De familia culta e de posición económica desafogada, creceu nun ambiente humanístico e cultural que lle permitiu viaxar, facilitou a súa esmerada educación e desenvolveu a súa afección pola literatura. Compartía esta última cos seus irmáns: Fernando de Antón del Olmet, Marqués de Dosfuentes (diplomático e poeta) e Luis Antón del Olmet (escritor, xornalista e político). Porén, segundo algunhas fontes non tería relación algunha con este último.[1]
Viaxou a Madrid na súa mocidade e instalouse alí, onde accedeu aos círculos políticos e intelectuais do momento. A súa traxectoria literaria comezou na lírica a través de composicións poéticas publicadas en diarios do seu tempo como La Época e La Correspondencia de España. Neses xornais tamén colaborou con artigos de costumes. A súa presenza é manifesta, amais, en publicacións andaluzas do seu tempo, especialmente na revista La Alhambra (Granada). Nela publicou unha ducia de poemas, así como crónicas e artigos de costumes.[2]
Con todo, o primeiro libro que levou a imprenta foi a obra teatral En conciencia: comedia dramática en tres actos y en prosa (1901). Foi estreada con anterioridade á súa publicación no Teatro Español de Madrid o 20 de abril dese ano. Supuxo un gran fracaso teatral, que a propia autora achacou ao feito de representarse inmediatamente despois de Electra de Benito Pérez Galdós.[3] Conta a historia dun mozo que casa cunha muller á que, por avaricia, odian a nai e a irmá do protagonista. Estas só esperan dela un dote que nunca chega. A escasa acollida da obra empuxou a Casilda de Antón a abandonar a dramaturxia e centrarse na poesía e o ensaio.
Precisamente, o ano seguinte publica o ensaio-memoria El servicio doméstico: memoria sobre la necesidad de fundar una sociedad de señoras para la protección y moralidad de la sirviente, como medio de evitar un contingente a la trata de blancas. O proxecto foi enviado á Comisión de Reformas Sociales e deixa constancia da situación de abandono de moitas mulleres dedicadas ao servizo doméstico na España da época. Propón 14 recomendacións, entre elas a creación dunha casa de acollida e a instauración de asistencia médica e de pensións de xubilación para as traballadoras. Así mesmo, estabelece sancións para elas en caso de faltas e esquecementos, que poderían supor a expulsión do sector.
Nas seguintes décadas Casilda de Antón obtivo certa sona coas súas composicións en verso, especialmente tras publicar Cancionero de mi tierra (1917) e Nuevo cancionero (1929). Estes recompilaban diversos poemas, algúns dos cales xa apareceran en diarios da época.
Foi Dama da Real Maestranza de Cabalaría de Zaragoza e condecorada coa Medalla desa cidade.
En 1931, poucos meses antes da proclamación da Segunda República Española e de aprobarse o sufraxio feminino en España, edítase o seu libro Feminismo cristiano. Nun conxunto de ensaios en forma de artigos xornalísticos trata o feminismo desde un punto de vista tradicional, moralizante e relixioso. O diario ABC destácao nunha recensión:
[os artigos están] empapados de profunda socioloxía e do amor ao desgraciado [...]. Esta obra consolida a fama que xa gozaba Casilda de Antón del Olmet como escritora de bo estilo e de inspiración feliz.[4]
En 1942 publicouse o seu último poemario, Cien sonetos.[5] Finou en Madrid o 8 de xuño de 1954.[6]
Trazos temáticos e estilísticos
[editar | editar a fonte]Por idade, estivo asociada á Xeración do 27 e ás Sinsombrero. Porén, o seu estilo literario e os seus principios ideolóxicos están moi distantes dos desas artistas.
A súa poesía é de corte tradicionalista e dominan os retratos paisaxísticos cheos de nostalxia, espontaneidade e sentimento.[7] Emprega metros clásicos como o soneto, o romance e a copla.
A súa única obra teatral publicada, En conciencia (1901), tivo mala acollida por parte do público. A crítica rexeitou a arquitectura e estrutura dramática da obra, así como o escaso desenvolvemento psicolóxico dos seus personaxes.Canto aos seus ensaios, predominan os artigos de opinión moi marcados polo tradicionalismo, a moral católica e un ton didáctico que rexeita a igualdade entre homes e mulleres.
A muller debe ser, non a rival do home, senón a súa compañeira. Pero como debe educarse á muller para que sexa unha digna compañeira do home? Á muller hai que facela, ante todo, boa; o seu corazón debe ser modelado para as virtudes cívicas, inculcándolle o sentimento do honor e da xustiza, ao par que a dozura e sacrificio; a súa vontade para o ben debe ser robustecida, a fin de que sexa dona dos seus propios actos; unha vontade débil ou mal encamiñada é o produto dunha moralidade descoidada.[8]
Obras
[editar | editar a fonte]Teatro
[editar | editar a fonte]- En conciencia: comedia dramática en tres actos y en prosa (1901). Madrid, Imprenta R. Velasco.
Poesía
[editar | editar a fonte]- Cancionero de mi tierra (1917). Prólogo de Pedro de Novo y Colsón, Madrid, Pueyo.
- Nuevo cancionero (1929). Soneto-prólogo de Pedro Novo e F. Chicarro. Madrid, Pueyo.
- Cien sonetos (1942). Madrid, Augusto Boné.
Ensaio
[editar | editar a fonte]- El servicio doméstico: memoria sobre la necesidad de fundar una sociedad de señoras para la protección y moralidad de la sirviente, como medio de evitar un contingente a la trata de blancas (1902). Madrid, Ambrosio Páez.
- Vida ejemplar de una Hija de María: Notas biográficas acerca de la Señora Domiciana Epifania Gómez de la Majada (1929). Madrid, Pueyo.
- Feminismo cristiano (1931). Madrid, Pueyo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hormigón (1997: 203)
- ↑ Ramírez (2000: 57)
- ↑ "Antón del Olmet, Casilda (1871-?)". MCNBiografias.com (en castelán).
- ↑ Diario ABC, venres 10 de xullo de 1931, edición da mañá, Madrid, p. 44.
- ↑ Merlo (2010)
- ↑ "Esquela". ABC (en castelán) (Madrid). 25 de xaneiro de 1955. p. 47. Consultado o 6 de agosto de 2023.
- ↑ "CASILDA ANTÓN DEL OLMET". Poetas Andaluces (en castelán).
- ↑ Feminismo cristiano (1931). Madrid, Pueyo. p. 33
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casilda de Antón del Olmet |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- CARRASCO, Raphäel (1994). La prostitution en Espagne: de l'époque des rois catholiques à la IIe République (en francés). Besançon: Presses Univ. Franche-Comté. ISBN 9782251605265.
- HERRERO MEDIAVILLA, Víctor (1990). Índice Biográfico de España, Portugal e Iberoamérica (en castelán). K. G. Saur. ISBN 9783598320620.
- Hormigón, Juan Antonio, ed. (1997). Autoras en la Historia del Teatro Español (1500-1994) (en castelán) 2. Madrid: Publicaciones de la Asociación de Directores de Escena de España.
- JIMÉNEZ FARO, Luzmaría (1996). Poetisas españolas. Antología general (en castelán) 2. Madrid: Torremozas. ISBN 9788478391745.
- Merlo, Pepa, ed. (2010). Peces en la Tierra. Antología de mujeres poetas en torno a la Generación del 27 (en castelán). Fundación José Manuel Lara. ISBN 9788496824607.
- Merlo, Pepa, ed. (2022). Con un traje de luna. Diálogo de voces femeninas de la primera mitad del siglo XX (en castelán). Sevilla: Fundación José Manuel Lara. ISBN 9788417453794.
- RAMÍREZ GÓMEZ, Carmen (2000). Mujeres escritoras andaluzas del siglo XX (1900-1950) (en castelán). Sevilla: Universidad de Sevilla. Secretariado de publicaciones. ISBN 9788447205608.