Saltar ao contido

Castiñeiro americano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castiñeiro americano

Aspecto xeral.
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Subfamilia: Quercoideae
Xénero: Castanea
Especie: C. dentata
Nome binomial
Castanea dentata
(Marshall) Borkh.,Theor. Prakt. Handb. Forstbot., 1, p. 741, 1800

Candeas e follas.
Ourizos (calibios) in situ.
Follas

O castiñeiro americano[1], Castanea dentata, é un castiñeiro (familia Fagaceae), que, como o seu nome indica, é nativo de América do Norte.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Son árbores que poden acadar os 30 m de altura, mais hoxe en día, por mor á destrución xeneralizada por fungos (Phytophthora infestans ou Alternaria solanii), só fican gomos multicaules duns 5–10 m. Ten casca de cor cinsenta, lisa cando é novo, sucada coa idade e coas franzas glabras. As follas, cun pecíolo de 8–40 mm, teñen un limbo estreitamente obovado a oblanceolado, de 9-30 por 3–10 cm, de base cuneada e marxes marcadamente aserrados, cos dentes triangulares, diminuíndo gradualmente deica o ápice. As flores masculinas organízanse en amentos erectos ou pénsiles coñecidos popularmente coma candeas. A inflorescencia feminina consta de 3 flores por cúpula. O froito é unha noz con calibio (ourizo) cuberto de espiños esencialmente glabras, con 4 valvas dehiscentes por 4 suturas irregulares. Hai 3 aquenios por froito, obovados, de 18-25 por 18–25 mm, aplanados nun ou ambos lados.[2]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

É unha especie nativa dos bosques caducifolios e mixtos dos Estados Unidos; florece en xuño-xullo a altitudes comprendidas entre o nivel do mar e 1200 m nos Estados orientais e do sur de Alabama, Connecticut, Delaware, Florida, Xeorxia, Illinois, Indiana, Kentucky, Luisiana, Maine, Maryland, Massachusetts, Míchigan, Mississippi, Missouri, Nova Hampshire, Nova Jersey, Nova York, Carolina do Norte, Carolina do Sur, Ohio, Pensilvania, Rhode Island, Tennessee, Vermont, Virxinia e Wisconsin; tamén en Ontario (Canadá)[2]

O castiñeiro americano foi unha das máis importantes árbores forestais do leste de América do Norte antes de 1930, cando as poboacións foron case destruídas polo chancro do castiñeiro, causado polo fungo introducido Cryphonectria parasitica.

Despois de 1930, os individuos foron na súa maioría rebentos que rara vez, ou nunca, producen sementes viábeis.

Os froitos secos, comestíbeis, eran un doce apreciado no leste dos Estados Unidos.

A madeira é lixeira, forte e resistente á descomposición, así que se utiliza amplamente para a construción, mobles e elementos decorativos. A casca úsase para curtir peles.

Nativos americanos utilizaron diversas partes da árbore con fins medicinais en forma dun xarope para a tose e para o tratamento da tose ferina, para problemas do corazón, e en forma de po para a pel irritada.[2]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Castanea dentata foi descrito primeiro por Humphrey Marshall como Fagus dentata (basiónimo) en Arbust. amer., 46 en 1785 e trasladado ao xénero Castanea por Moritz Balthasar Borkhausen en Theor. Prakt. Handb. Forstbot., 1: 741 en 1800

Etimoloxía
  • Castanea: nome xenérico que deriva do grego χάστανον e despois do latín castănĕa, -ae, nome do castiñeiro e da castaña (Virxilio, Bucolicas,1, 82), esta última tamén chamada castanea nux (Virxilio, Bucolicas, 2, 52), a noz do castiñeiro.[3] Tamén podería derivar de Castanaea, -ae ou Castana, -ae, cidade de Asia Menor ou, segundo outros, do nome armenio desta árbore.[4]
  • dentata: epíteto latino de sentido evidente, dentado.
Sinonimia
  • Castanea americana (Michx.) Raf.
  • Castanea sativa var. americana (Michx.) Sarg.
  • Castanea sativa var. pendulifolia Lavallée
  • Castanea vesca var. americana Michx.
  • Castanea vesca var. denuda Alph.Wood
  • Castanea vulgaris var. americana (Michx.) A.DC.
  • Fagus castanea var. dentata Marshall
  • Fagus dentata Marshall[5]
  1. Nome vulgar recomendado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC a través de Buscatermos - https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/buscas/busca.htm#24874684
  2. 2,0 2,1 2,2 Castanea dentata en Flora of North America
  3. Gaffiot F., Dictionnaire Latin-Français, p. 271, Hachette, Paris, 1934
  4. "Castanea en Flora Ibérica, RJB/CSIC, Madrid" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 08 de maio de 2014. 
  5. en The Plant List

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]