Castro Candaz
Castro Candaz | |
---|---|
Parroquia | Pedrafita |
Concello | Chantada |
Provincia | Lugo |
Comunidade autónoma | Galicia |
Id. catálogo | GA27016021 |
Cronoloxía | |
Data da descuberta | ? |
Extensión estimada | 0,4 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
O Castro Candaz son os restos dun poboado castrexo e fortaleza medieval, situados entre as desembocaduras do río da Lama e o río Enviande no río Miño, na parroquia de Pedrafita (Chantada). Actualmente está asolagado polas augas do encoro de Belesar.
Historia
[editar | editar a fonte]Segundo o memorial nobiliario da casa de Camba, o Castro Candaz foi fundado polo cónsul romano Lucio Cambero, destinado en Lugo e vinculado familiarmente aos “montañeses de Galicia”, que loitaría xunto coa tribo dos aunonenses fronte a dúas lexións romanas mandadas polo emperador Traxano. Trala derrota, Lucio Cambero retírase ao castro.
Segundo Formoso Lamas, durante a segunda vaga de invasións normandas, estes superaron o Monte Faro e chegaron até Chantada, onde se erguera unha empalizada (Plantata). Tras arrasaren coa vila, os viquingos seguiron avanzando e os nobres da vila refuxiáronse en Castro Candaz, custodiado pola familia dos Erice ou Eriz. onde recibiron a axuda das tropas do rei Ramiro I de Asturias.
Durante a idade media posiblemente o castro estivo vinculado a algún tipo de porto que atravesara o Miño por esta banda.
A fortaleza foi destruída en gran parte durante a Gran guerra irmandiña. Pouco despois foi reconstruída pola familia dos Taboada, que en 1474 escriben unha carta ao bispo de Lugo pedindo permiso para construír en Castro Candaz unha ermida, para poderen asistir á misa sen afastarse da fortaleza[1].
En tempos recentes a área foi modificada para construír socalcos nas que plantar vide, modificando a arquitectura da zona.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]O castro está situado nun promontorio rodeado por auga por todas partes agás polo oeste, con tres chairas como defensa natural. Ao gran patio central accédese por unha rampla, e tras el accédese ao antigo castelo, cunha plataforma circular na zona superior, rodeada de murallas circulares concéntricas, unha delas de 2,10 m de alto. Consérvanse os cimentos da torre, se ben varias dependencias da zona oriental están derrubadas. A comezos do século XX conservábanse dúas paredes do antigo castelo, que formaban un ángulo recto cun ancho de 1,88 m e 5 m de longo.
Os muros, murallas e estancias están construídos con xistos, se ben hai pezas de granito reutilizadas, como algún lintel en fiestras ou bases de portas.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Fiestra con pedras de granito.
-
Porta con pedras de granito.
-
Foxo da muralla.
-
Vista da torre.
-
Vista da torre.
-
Vista aérea do 2015.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Díaz-Castroverde Lodeiro, X. L.: Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada. Séculos XV-XVIII.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castro Candaz |
A Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- De la nobleza de la casa de Camba y sus principios, y fundación del castillo de Castrocandaz, solar de Cambas y Taboadas de Galicia, 2012.
- Formoso Lamas, M.: Apuntes para la historia de Chantada.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha Arquivado 01 de setembro de 2013 en Wayback Machine. na web do concello de Chantada.
- Castro Candaz na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- "Castro Candaz: o corazón mergullado da historia mitolóxica de Galicia", artigo de Manuel Gago Mariño no blog Capítulo 0, 26 de outubro de 2010.
- "Atención: aberto o paso cara Castro Candaz", artigo de Manuel Gago Mariño no blog Capítulo 0, 3 de xuño de 2011.