Saltar ao contido

Castro de São Lourenço

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Castro de São Lourenço
ConcelloEsposende, Portugal
DistritoNorte
PaísPortugal
Id. catálogoDecreto 1/86, DR 2, de 3 de xaneiro de 1986
Cronoloxía
Datas de ocupaciónséculo III a.C. a século IV d.C.
Períodos de escavación1985 ata a actualidade.
Estado actualVisitable. En proceso de escavación
Véxase tamén
Castros de Portugal

O Castro de São Lourenço é un castro da Idade de Ferro, pertencente á Cultura castrexa e que se atopa no monte do mesmo nome, ao Norte de Esposende, preto de Vila Chã, no norte de Portugal. Sitúase a unha altura de 200 metros sobre o nivel do mar.

Este castro está catalogado como Imóvel de Interesse Público polo Decreto 1/86, DR 2, de 3 de xaneiro de 1986.

As escavacións

[editar | editar a fonte]

Este castro presenta distintos períodos de ocupación e de formas diferentes. Por esta causa os arqueólogos dividiron o seu estudo en sectores, para tratar de comprender mellor as diferenzas.

As intervencións arqueolóxicas continúan na actualidade, e foron iniciadas no ano 1985. Están dirixidas polo profesor Doutor Carlos Alberto Brochado de Almeida, da Faculdade de Letras da Universidade do Porto, coa colaboración de mozos voluntarios oriúndos das escolas do concello de Esposende e de diversas universidades portuguesas e europeas. A Cámara municipal presta apoio loxístico aos traballos.

Os sectores

[editar | editar a fonte]

As intervencións fixéronse por todo o monte de São Lourenço e divídense por sectores: A, C, CV, D, E, N, M1, M2 e T.

O sector C (camiño de aceso á capela) tería sido habitado entre o século III-II a. C. até ao cuarto século da nosa era. As casas son circulares ou semirrectangulares, téndose conservado algunhas paredes, no seu interior, revocadas e pintadas en cores branca ou amarela e presentando un rodapé cincento. O chan cubríase con xabre ben amasado e ben calcado. As casas circulares tiñan o tellado en forma cónica, con cubertas elaboradas con elementos vexetais, en tanto que as edificacións mais alongadas tiñan o tellado formado por unha ou dúas augas. No centro de cada casa acendíase o lume ou fogueira.

Na época da romanización, comezou a ser utilizado no tellado a tégula e o imbrex (tella), que viñeron substituír a cobertura vexetal ata o momento utilizada.

Pola necesidade de aumentar o espazo de cada casa, os seus habitantes comezaron a engadirlle unha especie de vestíbulo, que os arqueólogos chaman de "cangrexo", pola forma que recorda ao animal. Pola necesidade de separación de familias que vivían en casas contiguas, construíron muros que separaban as casas en núcleos habitacionais, as coñecidas como "Casas patio". Entre as diversas casas da mesma familia, o chan entre as casas podería estar cuberto por laxas e ser utilizado como secadoiro de cereais ou froitos, ademais de proporcionarlles unha maior comodidade, formando rúas estreitas.

Sector CV

[editar | editar a fonte]

O Sector CV (camiño vello), xa máis preto da actual capela de São Lourenço na encosta Norte, presenta as casas en socalcos de cotas diferentes, sendo eses socalcos soportados por muros de reforzo.

Neste sector foron restauradas algunhas casas para tentar mostrar a forma orixinal destas construcións. As casas restauradas corresponden a casas da época do cambio de era (do século I a. C. ao I d. C.)

Con respecto ao sector D, sitúase á entrada do castro, no inicio do camiño de acceso á capela. Alí se atopa a muralla castrexa e romana, que posteriormente foi refeita en época medieval para a protección das xentes que habitaban o castro.

Sectores E e A

[editar | editar a fonte]

O sector E (escalinata) e o Sector A (acrópole), un no lado norte e o outro no lado sur da escaleira que da acceso á capela, presentan vestixios de ocupación e cimentos de casas circulares. Estes locais terían sido ocupados xa na época castrexa polos habitantes que utilizarían o cumio deste monte, para vixiar a costa litoral e o río Cávado, así como para se defenderen, en épocas posteriores, de ataques dos viquingos e mouros que en diversas ocasións asolaron a rexión.

É de notar que desde este lugar é posíbel observar quilómetros e quilómetros da costa marítima. Foi por esta razón que nos séculos XII e XIII se construíu unha muralla en pedra neste monte que serviu como unha especie de "castelo".

O sector T (tesouro) foi un dos mais escavados. Atópase no pequeno vale que dá acceso á antiga pedreira, que se atopa no medio da costa, cuxo camiño de acceso acabou por destruír unha parte deste sector. Aquí foron atopadas cerámicas de diversas épocas e contextos culturais, sendo as pezas máis destacadas as cerámicas gregas, do século IV a. C., atopada no sector T. Tamén se atopou un tesouro de moedas romanas en prata (denarios), pertencentes á época de Augusto e de Tiberio

Sectores M1 e M2

[editar | editar a fonte]

Os sectores M1 e M2 (mar) atópanse no medio da costa e están formados por dous núcleos habitacionais formados por casas circulares e semirrectangulares, con laxas que cobren o camiño entre as habitacións. Aquí foi atopado outro tesouro de moedas, pertencentes á época da República Romana.

O material atopado

[editar | editar a fonte]

O material arqueolóxico exhumado nas diversas intervencións arqueolóxicas realizadas atópanse baixo o coidado dos Servizos de Arqueoloxía da Cámara Municipal de Esposende, estando o máis significativo exposto no Museu Municipal de Esposende, na cidade de Esposende.

De entre ese material, pódense atopar milleiros de anacos de cerámicas indíxenas, moitos deles ricamente decorados, cerámicas romanas, de produción local e importadas, destacando as terra sigillatas e as famosas ánforas, e entre as máis importantes as famosas Haltern 70, chegadas desde os lugares máis afastados do Imperio Romano.

Vidros, moedas e utensilios (puntas de lanza, fouces etc.) usados en diversas actividades, en ferro ou bronce, así como fíbulas (fibelas) e alfinetes (Actus) de cabelo, están patentes nas diversas vitrinas, onde están expostos os materiais.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ALMEIDA, Carlos Alberto Brochado de e NEIVA, Manuel Albino Penteado, "O Castro de S.Lourenço Vila Chä-Esposende", Boletim Cultural de Esposende, VOL. 2, Câmara Municipal de Esposende, Esposende, 1982.
  • ALMEIDA, Carlos A. Brochado e CUNHA, Rui M. Cavalheiro da, "O Castro de S. Lourenço. Vila Chã–Esposende", Ed. Câmara Municipal de Esposende, Esposende, 1997.
  • ALMEIDA, Carlos A. Brochado, "Povoamento Romano do Litoral Minhoto entre o Cávado e o Minho - Esposende", Inventario arqueolóxico correspondente ao volume IV da tese de Doutoramento defendida polo autor na Facultade de Letras da Universidade do Porto, o 22 de outubro de 1997. Boletim cultural de Esposende, vol. 20, Câmara Municipal de Esposende, Esposende, 1998.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]