Celtworld
Celtworld | |
---|---|
Tipo | parque de atraccións |
Data de fundación | 1992 |
País | Irlanda |
[ editar datos en Wikidata ] |
Celtworld foi un parque temático irlandés que actuaba a súa vez como centro de interpretación do patrimonio aberto en maio de 1992 e pechado en setembro de 1995 por dificultades económicas. O parque estaba situado en Tramore, no Condado de Waterford, a unha hora e medio de traxecto en coche ata Cork. Cunha área operativa de aproximadamente 10.100 m², Celtworld só acadou o 50% dos 270.000 visitantes anuais prognosticados polos investidores cesando por iso actividades. Xa non quedan elementos do parque na súa localización orixinal, tras o peche o parque deu paso ao auditorio "South" con capacidade para 2.200 espectadores. A partir do 2020 o auditorio foi reconvertido nun hipermercado Aldi.
Historia
[editar | editar a fonte]Funcionarios locais do Ministerio para as Artes, Patrimonio e a Gaeltacht (en gaélico An tAire Ealaíon, Oidhreachta agus Gaeltachta) propuxeron, en 1989, a idea dun resort turístico composto por Celtworld e un parque acuático cuberto Splashworld para compensar polos períodos estivais con forte choiva no condado e para competir coa atracción turística da fábrica de cristal da vila veciña, a Waterford Crystal, na vila de Waterford, que atraía a maioría do turismo americano naquela época.
O proxecto recibíu máis de 4.5 millóns de libras, aproximadamente a metade de fondos públicos, 1.81 millóns £ da Unión Europea, en concepto de actuación como un centro de interpretación do patrimonio e do folclore irlandés. A organización turística pública South East Regional Tourism Organisation aportou 1.31 millóns £ adicionais. Tres grupos privados centraron a maioría da contribución do monto restante, o conglomerado de enxeñaría inglés Kentz Corp. Ltd. coa súa división para a construción Vectravision engadiu 1.5 millóns £, hipotecas bancarias sumaron outras 600.000 £ e o esquema de investidores Business Expansion Scheme (BES) 250.000 £.
O custe da construción acadou os 5.7 millóns de libras a un prezo aproximado de 110 £ por metro cadrado, o que, coa inflación, sitúa ao parque como o proxecto de construción máis caro do país ata 1992, así reportado pola investigación posterior aberta pola Unión Europea.[1]
Áreas temáticas
[editar | editar a fonte]O Director Xeral do parque Jim Tuohy defendía que estaba a acontecer un fenómeno de comprensión en Europa polo que os celtas xa non eran vistos como irlandeses senón como "a base da maioría das civilizacións europeas" o que situaría ao parque como a ponte entre a cultura do país e as veciñas nacións europeas.
A investigadora Amy Hale describe a área temática de Celtworld como unha enorme cúpula cun deseño similar a un centro comercial ou un ximnasio moderno. A cúpula estaba decorada cun mural de parede do lendario artista irlandés Jim Fitzpatrick, experto no folclore celta e autor da mundialmente famosa pintura bicolor do Che Guevara de 1968, a obra representaba dúas batallas dos Fianna, guerreiros celtas, parte da mitoloxía irlandesa. [2]
A ruta a través do parque era un circuíto pechado onde cada atracción daba paso só á seguinte, nesta orde :
1. Atrio : Escadas ascendentes de acceso onde os visitantes podían ver de cerca a arte de Fitzpatrick.
2. Dark Ride : Tras o atrio os visitantes camiñaban nun labirinto con baixa iluminación, con arte nas paredes que contaban a historia da batalla entre o heroe Lugh e o xigante Balar cun só ollo que enxendraba destrución ao ser aberto, ao seguir avanzando na atracción os visitantes eran sorprendidos por un animatrónico dun ollo que baixaba do teito, final da batalla mitolóxica.
3. Teatro en movemento : O auditorio rotatorio máis grande de Europa en 1992, a atracción incluía novedosos engadidos para a época, como gráficos por ordenador, láseres, hologramas e animatrónica. Cun show de 25 minutos os visitantes podían asistir a unha das seguintes obras de xeito aleatorio :
- A historia da feticeira Cessair co pobo Fir Bolg narrada no Lebor Gabála Érenn
- A loita entre os Fir Bolg e os Tuatha Dé Danann
- A infancia de Cú Chulainn
- A Táin Bó Cúailnge
- O heroe Fionn mac Cumhaill contra unha banda de Fianna
4. Otherworld : Ao saír do teatro os asistentes visitaban a exposición interactiva Celtic Otherworld. Esta área incluía cuestionarios sobre a obra vista na atracción anterior, información sobre mulleres na mitoloxía irlandesa, pedras ogham, Aos Sí, unha réplica do Libro de Kells de 18.000 £ e unha árbore artificial con cabezas humanas animatrónicas con son sincronizado coas súas partes mecánicas.
5. Tenda de agasallos
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Investigation into Celtworld is nearly complete". The Irish Times. Consultado o 16-11-2024..
- ↑ "A 3-D Interactive Celtic Experience: Mixed Messages in Ireland's Celtworld". Amy Hale, Journal Article. Consultado o 16-11-2024..