Centro Superior Bibliográfico de Galicia
O Centro Superior Bibliográfico de Galicia (CSBG) foi un organismo creado pola lei 14/1989,[1] do 11 de outubro, de bibliotecas, e que en 2011 foi incorporado á Biblioteca de Galicia.
As súas funcións eran a de ser a cabeceira do Sistema Bibliotecario de Galicia, así como a de conservar e difundir o patrimonio bibliográfico do país.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A lei 16/1885 de patrimonio histórico español ordena a creación do Catálogo colectivo de patrimonio bibliográfico español por parte da Administración do estado en colaboración coas Comunidades autónomas. Dado que o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 sinala que os poderes públicos deben conservar e acrecentar o patrimonio histórico, o Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico de Galicia iníciase en 1986, tras asumir a creación dun centro catalogador dependente do Centro de Coordinación Bibliotecaria de Galicia creado polo decreto 313/1986.
Evolución
[editar | editar a fonte]Posteriormente, coa lei 14/1989 de Bibliotecas de Galicia, nace o CSBG asumindo as responsabilidades bibliográficas do proxecto do Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico de Galicia, así como as funcións de Biblioteca Nacional (de Galicia).
Na data da súa fundación, e dado que non existía aínda un edificio para albergar todos os fondos do CSBG, a Xunta fixo un convenio coa Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela para que os conservaran en réxime de depósito e os clasificaran para cando se crease o edificio da Biblioteca de Galicia.
O CSBG naceu practicamente sen colección retrospectiva, e pensouse en facer copias dalgúns materiais, ademais de permitir a consulta e difusión dos fondos que estaban dispersos en distintos centros. Grazas ás novas tecnoloxías apareceron novas técnicas de conservación, e facilitouse a súa difusión. Porén, antes de dixitalizar algúns documentos microfilmáronse, pero aínda así tomouse a decisión de dixitalizar. Fixéronse 500.000 imaxes de prensa antiga galega, e a súa difusión, así como a das bases de datos do propio Centro ou das bibliotecas nodais fíxose a través da Autoestrada Galega da Información (Galiciana).
Respecto ao edificio, o Centro Superior ocupou un inmóbel anexo ao actual edificio do Parlamento de Galicia, que ocupaban os catalogadores que levaban a cabo o Catálogo colectivo. Os seus principais inconvenientes era que carecía de dependencias para o depósito de libros e que non permitía prestar atención directa ao público.
En 1996, días despois do pasamento do ilustre polígrafo Xosé Filgueira Valverde, o Centro Superior Bibliográfico de Galicia pasou a denominarse Centro Superior Bibliográfico de Galicia Xosé Fernando Filgueira Valverde.[2]
Finalmente, coa creación en 2011 da Biblioteca de Galicia, o CSBG pasou a integrarse nesta institución.
Funcións
[editar | editar a fonte]As funcións do Centro Superior eran as seguintes:
- Recoller, conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia.
- Recibir un exemplar das obras producidas en Galicia, e ter preferencia nos reasentamentos ou depósitos de fondos procedentes doutras bibliotecas.
- Reunir e conservar a produción en galego e outras linguas realizada fóra de Galicia pero der especial interese para a mesma.
- Exercer, en nome da Xunta de Galicia, a xestión do depósito legal e a propiedade intelectual.
- Elaborar e difundir a información bibliográfica da produción galega, retrospectiva e actual.
- Elaborar e ser depositario do Catálogo colectivo.
- Contar cun sistema de consulta do catálogo xeral, accesíbel desde os distintos centros do sistema de bibliotecas.
- Colaboración e intercambio con outros sistemas de bibliotecas nacionais ou estranxeiros.
Polo decreto 24/1995 de centros bibliotecarios engadíronse a estas funcións:
- Ser o núcleo de información bibliográfica, de automatización, de normalización de procesos técnicos, de plans de catalogación centralizada ou compartida, e de información, asesoría e formación profesional.
- Centro de calquera actividade colectiva ou de carácter xeral da rede de bibliotecas galegas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Lei 14/1989 Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine., do 11 de outubro, de bibliotecas. Parlamento de Galicia.
- ↑ Decreto 357/1996 DOG. nº 190, de 27 de setembro de 1996.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Buján Núñez, José Daniel (2000): "El Centro Superior Bibliográfico de Galicia", Boletín de la ANABAD 50 (3-4): 259-270. Ver texto completo en PDF en Dialnet (en castelán).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- CSBG (en castelán), (en galego)
- Del Centro Superior Bibliográfico a la Biblioteca de Galicia en Biblogtecarios (en castelán)
- Biblioteca de Galicia (en castelán)
- Biblioteca de Galicia
- CidadedaCultura.org