Saltar ao contido

Cerdeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cereixeira»)
Cerdeira

Prunus avium en Bilder ur Nordens Flora, de Carl Axel Magnus Lindman, 1917-1926.
Clasificación científica
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Rosales
Familia: Rosaceae
Subfamilia: Amygdaloideae
Tribo: Amygdaleae
Xénero: Prunus
Subxénero: Cerasus
Sección: Cerasus
Especie: P. avium
Nome binomial
Prunus avium
L., 1755 [1]
Cerdeiras en flor en Kyoto, Xapón.

A cerdeira ou cereixeira[1] (Prunus avium L.[2]) é unha árbore caducifolia que pertence á familia das Rosaceae e ao xénero Prunus (como as amendoeiras, os pexegueiros, as ameixeiras, e os albaricoqueiros). A froita da cerdeira, a cereixa, é redonda de cor encarnada máis ou menos escura (nas especies cultivadas pode chegar ao amarelo crema ou a case negra), de sabor doce ou lixeiramente amargo[3]. As variedades silvestres como a cerdeira brava, típica das fragas e ribeiras galegas, tamén se incluirían nesta mesma especie.

Un lugar poboado de cerdeiras é un cereixal. Porén, no oriente de Lugo, no Bierzo occidental e no occidente de Asturias, esta palabra úsase para nomear á cerdeira[4].

A guindeira (Prunus cerasus L.[5]) é parecida á cerdeira. Distínguese dela polo seu menor porte, por ter as follas máis pequenas e polas froitas de sabor amargo e cor encarnada brillante.

As dúas especies son orixinarias de Europa e de Asia occidental. Existen grandes hortas comerciais desde a Península Ibérica até Anatolia e as cerdeiras cultívanse até Gran Bretaña e o sur de Escandinavia. En América do Norte as doces cultívanse sobre todo no oeste e as ácidas na rexión dos Grandes Lagos.

Tamén unha especie silvestre de América do Norte, o capulín ou cerdeira de Virxinia (Prunus virginianus), produce unhas froitas agres pero de olor agradábel que se usan en México e Estados Unidos nos confeitos e outras comidas doces.

As cerdeiras plántanse moitas veces polas súas flores que aparecen na primavera. Unhas variedades ornamentais teñen os estames transformados en pétalos adicionais, así que non dan froitas senón que se cultivan só polo seu valor decorativo. En especial, a flor da cerdeira xaponesa, 桜 (sakura), é un símbolo nacional celebrado na festa anual Hanami.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Esténdese por gran parte de Europa e pode acadar latitudes moi ao norte do continente. Aínda que se cre que a súa orixe se sitúa no Cáucaso e zonas circundantes, evidencias arqueolóxicas e subfósiles indican que é nativa doutras partes de Europa como as zonas centro e noroeste.

En Galiza adoita atoparse como árbore acompañante en bosques deciduos como touzas, fragas e bosques de ribeira. Abrangue, sobre todo, zonas de montaña da Galiza oriental onde existe un maior número de poboacións. No resto da comunidade autónoma áchase en forma de árbores illadas ou pequenas mouteiras. Amosa preferencia por zonas frescas e sombrías, nas proximidades de canles de ríos e nos fondos de val, amais de zonas de montaña[6].

Descrición

[editar | editar a fonte]

É unha árbore de crecemento medio e de gran volume, acadando entre 25–30 m de altura. Ten un fuste recto, coa casca lisa e anelada, de tonalidade avermellada. A copa é ampla, piramidal, máis ou menos alongada, formada por pólas diverxentes, erecto-patentes, inermes. É caducifolia; as follas son simples, aovadas a oblongas, coa marxe crenada ou dentada, lixeiramente acuminadas, e miden entre 7 e 12 cm de lonxitude e 3 a 5 de ancho. A face é glabra, e o envés liso ou pubescente. Preséntanse fasciculadas, ao extremo de franzas curtas; o pecíolo ten uns 5 cm de lonxitude, con dúas glándulas avermelladas na base do limbo.

As flores aparecen cando a árbore aínda non regromou, ou simultaneamente coas follas, de abril a maio no hemisferio norte. Son brancas, de entre 2 e 3 cm de diámetro; mostran cinco sépalos e outros tantos pétalos brancos obovados. Os estames son múltiples. As flores forman feixes (umbelas), formados por 2 a 6 unidades, en cuxa base hai unha coroa de brácteas. P. avium non se autopoliniza (aínda que se desenvolveron variedades especificamente a ese fin); a tarefa lévana a cabo as abellas. O estigma é receptivo dende a apertura da flor, e libera pole polo menos durante dous días.

O froito é unha drupa de cor vermella negrexada, máis ou menos clara, ou excepcionalmente amarela. Ë globosa ou lixeiramente oblonga; o endocarpo (carabuña) é esférico e liso. Madura cedo no ano, de sabor lixeiramente acedo nas variedades bravas, é moi prezado fresco e en conserva.

A madeira da cerdeira é densa, dura, pesada e de gran fino; apréciase en ebanistaría.

A carabuña ou óso contén cianuro de hidróxeno no seu interior, polo que a súa semente é altamente tóxica.

P. avium é bastante resistente, e naturalízase sen dificultade en bosques claros. É vulnerábel á seca e ás xeadas primaverais; medra mellor en áreas temperadas con invernos definidos. Presenta requirimentos de frío para unha axeitada durmancia e inicio da nova estación de crecemento. Estes requirimientos de frío son moi variábeis, segundo os cultivares: desde 500 a 1 300 horas de frío.[7] Os maiores produtores de cereixas a efectos comerciais son Rusia, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Francia e España.

Existen cultivares de cerdeira destinados a efectos ornamentais, con pólas pénsiles e flores dobres; son comúns en Europa e no Xapón.

Os froitos, polo seu sabor doce e as súas propiedades dixestivas, consómense directamente ou en marmelada. Tamén se usan, por fermentación, para facer o viño de cereixas. O kirsch é un licor de cereixa silvestre que se obtén por destilación.

A tisana feita cos rabos das cereixas ou das guindas emprégase na medicina tradicional polas súas propiedades diuréticas.

A madeira das cerdeiras é dura e de cor castaña clara, e úsase para a fabricación de mobles, aínda que ten o inconveniente da tendencia que ten a se curvar.

Tipos de cerdeiras

[editar | editar a fonte]

Amais da cerdeira común salientada, pódense distinguir tres variedades de cerdeiras na Península Ibérica[3]:

  • Cerdeira brava ou silvestre, coñecida cos nomes científicos Prunus avium variedade avium L., Prunus cerasus variedade actinia L. ou Prunus cerasus avium variedade sylvestris Ser.[8]. Ten o froito máis pequeno, de cor encarnada escura e sabor amargo.
  • Outra que se cultiva, de nome científico Prunus avium variedade duracina L. ou Prunus cerasus variedade duracina L.[8]. Ten o froito máis grande cá común, de cor encarnada clara ou amarela avermellada e sabor doce.
  • Cereixeiro, de nome científico Prunus avium variedade juliana L. ou Prunus cerasus variedade juliana L.[8]. Tamén é cultivada, de cor negra ou negra púrpura, tamaño maior cá común e sabor doce.

Existen outras árbores do xénero Prunus que, aínda que propiamente non se poden considerar cerdeiras, son moi semellantes como o pau de san Gregorio (Prunus mahaleb L. e Prunus padus L. subespecie padus). (ver artigo Prunus).

Xenética

[editar | editar a fonte]

Esta especie é habitualmente diploide; a autoesterilidade prodúcese por un xene, coñecido como s. Se o alelo do xene é contido no xogo de cromosomas do pole é igual a algún dos alelos presentes na flor femia, a fertilización non se produce. A produción de xenes s modificados que non presentan esta reacción leváronse a cabo recentemente, e existen cultivares autopolinizantes.[9]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Prunus avium foi descrita por Carl von Linné e publicado en Flora Suecica, Editio Secunda Aucta et Emendata 165, no ano 1755.[10][11]

  • Prunus cerasus var. avium L.

Homotípicos

[editar | editar a fonte]
  • Cerasus avium (L.) Moench
  • Prunus cerasus subsp. avium (L.) Hook.f.
  • Prunus cerasus var. avium L.

Heterotípicos

[editar | editar a fonte]
  • Cerasus avicularis Dulac
  • Cerasus dulcis (L.) G. Gaertn. & al.
  • Cerasus duracina (L.) DC.
  • Cerasus hortensis Mill.
  • Cerasus juliana (L.) Delarbre
  • Cerasus nigra Mill.
  • Cerasus nigricans (Ehrh.) Borkh.
  • Cerasus varia (Ehrh.) Borkh.
  • Prunus duracina (L.) Sweet
  • Prunus juliana (L.) Gaudin
  • Prunus nigricans Ehrh.
  • Prunus varia Ehrh.
  • Cerasus avium subsp. duracina (L.) Janchen
  • Cerasus avium subsp. juliana (L.) Janchen
  • Prunus avium subsp. duracina (L.) Schübl. & G.Martens
  • Prunus avium subsp. juliana (L.) Schübl. & G.Martens
  • Prunus avium subsp. sylvestris (Ser.) Schübl. & G. Martens, nom. illeg.[12]

Nome común

[editar | editar a fonte]

Zreixeira, zreixal, xinxeira, xereixeira, guindeira, cireixón, cireixel, cireixeira, cireixal, cirdeira, cerreixón, cereixeiro, cereixeira, cereixal e cerdeira[13].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Cereixeira é unha forma menos recomendábel segundo a Real Academia Galega
  2. Nomes vernáculos de Prunus avium Arquivado 18 de setembro de 2016 en Wayback Machine. na web floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)
  3. 3,0 3,1 Características do xénero Prunus Arquivado 17 de outubro de 2013 en Wayback Machine. en floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)
  4. Dicionario de dicionarios da Universidade de Vigo. Véxanse as definicións nos dicionarios de Elixio Rivas Quintas e de Bernardo Acevedo e outros.
  5. Nomes vernáculos de Prunus cerasus Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. na web floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)
  6. "A cerdeira de orixe galega para o uso forestal" (PDF). Consellaría do Medio Rural. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de outubro de 2016. Consultado o 29 de setembro de 2016. 
  7. Sozzi, Gabriel O. (outubro de 2008). Árboles frutales. Ecofisiología, cultivo y aprovechamiento. 1ª reimpresión. Buenos Aires: Facultad de Agronomía. p. 53. ISBN 950-29-0974-7. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Homotípicos e heterotípicos de Prunus avium Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. na web floraiberica.es do Real Jardín Botánico de Madrid. (en castelán)
  9. Thompson, M (1996). "Flowering, Pollination and Fruit Set". Cherries: Crop Physiology, Production and Uses. Wallingford: CAB International. ISBN 0-85198-936-5. 
  10. Cerdeira en Trópicos
  11. [https://web.archive.org/web/20190210184933/http://www.theplantlist.org/tpl/record/tro-27801088 Arquivado 10 de febreiro de 2019 en Wayback Machine. Arquivado 10 de febreiro de 2019 en Wayback Machine. Cerdeira en PlantList] Arquivado 10 de febreiro de 2019 en Wayback Machine./
  12. Sinónimos en The Euro+Medit Plantbase Project
  13. "Cerdeira (Prunus avium L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]