Chamavi
Os Chamavi son unha tribo xermánica que, durante a maior parte da súa historia, estivo situada na ribeira norte do baixo Rin, na rexión hoxe chamada Hamaland (territorio dos Hamavi), na provincia neerlandesa de Overijssel. No século I aparecen citados na Germania de Tácito.
Orixe
[editar | editar a fonte]Tácito di (35) que os Chamavi se desprazaran ao territorio dos Bructeri. En canto ao motivo destes xa non estaren alí, o texto latino está redactado de tal xeitto que non revela moitos detalles:
- pulsis Bructeris ac penitus excisis vicinarum consensu nationum...
- expulsados os Bructeri e case destruídos por unha alianza de pobos veciños...
como ese mesmos veciños se converteron nos posteriores francos salios, o "consensus" mencionado é o primeiro exemplo coñecido de concertación entre eles.
Estas pasaxes de Tácito suscitan unha cuestión: se Hamaland é o antigo territorio dos Bructeri, onde estaban os Chamavi con anterioridade? Unha resposta é que ocupaban a chaira litoral no norte (os xermanos desprazáronse case invariabelmente de norte a sur). Hai moitos lugares chamados Hamm, incluíndo probabelmente unha cidade moderna, Hamburg. O nome pode provir do equivalente xermánico de Chamavi.
A mellor etimoloxía deriva Ham- do Xermánico común *haimaz, "fogar", do indoeuropeo *tkei-, "asentar", de onde o sufixo toponímico alto alemán -heim. A forma ham-, "asentamento", parece provir do Xermánico do Mar do Norte, tal como o obtemos do neerlandés e francés. O -avi, unha terminación de adxectivo, posteriormente evolucionou a -au noutros topónimos, pero foi eliminado neste. Chamavi neste derivado podería significar "homes dos asentamentos". Cando e en que sentido foron tal cousa é algo que se perde na prehistoria.
Movemento Rin arriba
[editar | editar a fonte]Os Annales de Tácito contan unha historia aparentemente contraditoria (13.55). para manteren ocupados aos soldados romanos da baixa Xermania, os seus comandantes enviáronnos ao Rin, a terras baleiras, para traballaren nunha canle. Debido a unha disputa cos comandantes romanos de Belgica, os soldados foron retirados, pero os frisios enviaron homes para ocupar o territorio. Os romanos expulsáronnos. Os Ampsivarii apoiaron a súa causa. Reclamaron a terra que fora ocupada polos Chamavi, seguidos polos Tubantes e os Usipetes. Por qué estaba baleira a terra dos Chamavi? Sabemos que posteriormente estaban aquí como francos.
Tolomeo dános a resposta indirectamente. Na súa obra Geographia (2.10), cóntanos que os Kamauoi (latinizados como os Camavi) estaba próximos aos Chaerusci, que en Tácito estaban na Baixa Saxonia preto de Hannover, ou quizais Turinxia e Anhalt. Aparentemente, algúns Chamavi abandonaron as súas terras para situárense río arriba. Descoñecemos as razóns. Os romanos mantiveron o control militar desas terras, pero os xermanos reclamaban os seus dereitos sobre elas.
Outros dous pobos de Tolomeo portan un nome en *haimaz: os Chaemae e os Banochaemae. Non hai motivo para asumirmos que estes eran os Chamavi, aínda que a identificación non pode ser excluída. Tolomeo trátaos como pobos distintos.
Cos francos salios
[editar | editar a fonte]Cando aparecen os Chamavi, a historia atópaos en relación cos salios. Nalgún momento despois de Tolomeo as terras baixas próximas e no que noutrora foi o Zuider Zee, nunha rexión agora ocupada polos neerlandeses (dos que quizais sexan os seus devanceiros), ficou ocupada por un pobo chamado os Salii ("o pobo da auga salgada"), sen dúbida por medio dun simple cambio de nome. Probabelmente había elementos tanto dos frisios como dos Chamavi, xunto a un feixe de piratas bátavos. Convertéronse nunha entidade política distinta e inmediatamente empezaron a perturbar a rexión, volvéndose problemáticos para os romanos. Case sempre os atopamos asociados cos Chamavi.
O nome de francos asignóuselles aos salios xa desde a súa entrada na historia. Os Panegyrici Latini, unha serie de doce discursos pronunciados na honra dos emperadores romanos, describe os esforzo de Constancio I Cloro, pai de Constantino I o Grande, para pacificar os francos, que eran considerados distintos dos Chamavi. Estes"Panegyrici" atribúense normalmente a Eumenio, "magister memoriae" (secretario privado) de Constancio, con nome de compromiso de pseudo-Eumenio, para a autoría da dita obra.
Conflito cos últimos emperadores de Roma
[editar | editar a fonte]A finais do século III Constancio, tal e como nos contan os "Panegyrici", tivo que expulsar os francos de Belgica unha e outra vez, e mesmo pensou en solucións de exterminio. Deixando estar no seu sitio aos francos pacíficos, deportou aos soldados capturados e aos seus familiares aos que chamaron laeti, cara a terras baldeiras na Borgoña, onde traballaron a terra e serviron ao exército romano. Sabemos que entre eles estaban os Chamavi porque coñecemos un asentamento (Ch)amavorum. Estes francos ascenderon a cargos superiores, ata o punto de chegaren a dominar o exército romano no Rin.
Algúns romanos chegaron a considerar francos aos Chamavi. Na Tabula Peutingeriana, que data nada menos que do século IV, hai unha breve nota escrita no espazo ao norte do Rin,
- Hamavi qui et Franci
- Os Hamavi, que tamén se chaman francos
Os Chamavi tamén constan no século V na Notitia Dignitatum como unha unidade militar romana. Moito antes, con todo, xa oímos falar deles nunha carta aos atenienses de Flavio Claudio Xuliano (Xuliano o Apóstata, pois volveu do cristianismo ao paganismo). Nela di que obrigou aos salios a pediren a paz e que tirou aos Chamavi da Galia.
A historia completa cóntanola Amiano Marcelino (17.8-9). As dúas tribos sabían que estaban onde se supuña que non estaban, pero aparentemente esperaban non entrar en combate. Cando Xuliano se aproximou coas súas forzas, enviaron emisarios pedindo a paz a cambio de regresaren a casa e de que lles permitisen permanecer alí. Xuliano despediunos con garantías pero sen unha resposta definida e daquela seguiu en segredo aos emisarios ata a localización dos seus exércitos, que atacou contando co factor sorpresa. Algúns dos Chamavi resultaron mortos e outros foron encadeados; o resto fuxiu cara ao seu país, para máis tarde enviaren emisarios a Xuliano en posición submisa. Desta vez aceptouse a paz. Os Chamavi tiveron que pagar tributos en gran, pero probabelmente non se chegou a efectuar ningún debido aos problemas polos que despois pasaron os romanos.
O seu esvaecemento na Historia
[editar | editar a fonte]A vida continuou así para os Chamavi. Temos indicios da súa lingua na Lex Salica, un corpus de leis redactado no século V polos mesmos salios. Nun manuscrito hai escritas glosas en antigo saxón. Gregorio de Tours tamén fai mención dos o Chamavi como unha parte dos francos. O nome e a unidade probaron unha perdurabilidade fóra do común: a Lex Chamavorum Francorum é coñecida desde o século IX, e foi oficial en tempos de Carlomagno. Despois disto desaparecen da súa provincia mesturándose coa nova poboación de Holanda. A idade dos estados tribais estaba a rematar na Europa occidental.