Saltar ao contido

Cheísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zonas de cheísmo en verde.
Zonas de teísmo en amarelo.

O cheísmo é un fenómeno dialectal da lingua galega que se caracteriza pola ausencia do pronome átono te e polo uso de che en función de complemento directo, ademais das súas funcións habituais.[1][2].

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Este fenómeno atópase na área lingüística fisterrá (Santiago, Fisterra, Barbanza e parte do Salnés), onde se emprega che tanto como dativo como acusativo.[3]

Caso Forma estándar Formas do cheísmo
Acusativo
te
che
Dativo
che
che
Reflexivo
te
te

Como recoñecer e evitar o cheísmo?[editar | editar a fonte]

Aínda que o preferible sería facelo de oído, hai uns cantos sistemas posibles, que se ben non son perfectos, poden axudar a reducir considerabelmente o número de erros. Entre estes sistemas podemos distinguir os dous seguintes:[3]

Pasando a pasiva[editar | editar a fonte]

Para pasar unha oración a pasiva temos que coller o O.D. da activa e convertelo en suxeito da pasiva:

  • Collín mazás > As mazás foron collidas por min.

Pois ben, se unha frase, ao pasala a pasiva, ten como suxeito "ti", na activa hai que pór "te" (porque a un obxecto directo "te" lle corresponde un suxeito "ti" na pasiva), mentres que, se ten como suxeito na pasiva calquera elemento que non sexa unha segunda persoa de singular (ti), haberá que poñer "che", dado que o O.D. da activa non pode ser a segunda persoa que indica o persoal "te". Exemplos:

  • Chamei(¿te/che?) > Ti fuches chamada por min > Chameite
  • Busquei(¿te/che?) o libro > O libro foi buscado por min > Busqueiche o libro

Dirixindo a oración a "el" ou "ela" en vez de a "ti"[editar | editar a fonte]

Se non sabemos se empregar "te" ou "che" nunha frase como

Esperei____ na rúa a ti,

non temos máis que recompoñer a frase dirixíndoa a unha terceira persoa en vez de a unha segunda:

Esperei ____ na rúa a el

e colocar no espazo indicado o pronome adecuado ("o", "lo", "no" ou "lle"). Se escollemos "no", estamos ante un O.D. e, se escollemos "lle", ante un O.I. A solución será espereino na rúa, e, dado que utilizamos o pronome de O.D. na oración superior, teremos que pór "te" porque é o pronome que indica tal función sintáctica: espereite na rúa:

Espareino na rúa a el > Espareite na rúa a ti

Se o resultado na frase dirixida a el fose "lle" teriamos que empregar na frase dirixida a ti "che":

busqueille o libro a el > busqueiche o libro a ti.

Do mesmo xeito, pode pasar que un mesmo verbo poida admitir os dous casos, polo que o devandito contraste na terceira persoa repítese na segunda. Por exemplo, con levar:

Leveino no coche > Leveite no coche
Leveille un agasallo > Leveiche un agasallo

Fenómenos similares[editar | editar a fonte]

O fenómeno do cheísmo, tal como se describe para a lingua galega, é relativamente único debido ás súas particularidades lingüísticas. En xeral, o cheísmo, entendido como a substitución de "te" por "che" en funcións de obxecto directo, é específica do galego, particularmente nas áreas onde se observa este fenómeno dialectalmente. Con todo, hai fenómenos similares noutras linguas e dialectos.

  • Portugués

No portugués brasileiro, a pronuncia do fonema "t" varía significativamente segundo a rexión. En moitas partes do Brasil, especialmente no suroeste (como en São Paulo e Río de Xaneiro), o "t" seguido de "i" ou "e" pronúnciase como [tʃ], que soa similar ao "che" galego. Por exemplo, "Ela te ama" (ela ámate) pode soar como "Ela che ama".[4] [5] Esta variación fonética pode facer que pareza, na fala rápida, que non se distingan os pronomes "te" e "che", xa que ambos se pronuncian cun son parecido. Non obstante, este fenómeno é fonético e non unha substitución gramatical de pronomes como no caso do cheísmo galego.

Os dicionarios de galego reintegracionista tamén recollen o fenómeno do mesmo xeito que os da normativa oficial do galego, xa que, aínda que o reintegracionismo fai mención a unha ortofonía que propón o seseo como estándar, é principalmente referido á ortografía.[6]

  • Asturleonés: Esta lingua románica tamén presenta algúns fenómenos de variación pronominal semellantes aos do galego, aínda que o fenómeno exacto do cheísmo non é documentado do mesmo xeito.[7]
  • Lingua catalana: Existen variantes dialectais históricas onde se poden observar usos diferentes dos pronomes átonos, pero novamente, non exactamente o cheísmo tal como se observa no galego.[8]


Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Definición de Cheísmo". Real Academia Galega. Consultado o 2024-06-10. 
  2. "Definición de Cheísmo". Digalego. Consultado o 2024-06-10. 
  3. 3,0 3,1 "Curso de lingua galega/O persoal/Átono/Uso de te e che". Wikibooks. Consultado o 2024-06-10. 
  4. Barbosa, Plínio A.; Albano, Eleonora C. (2004). "Brazilian Portuguese". Journal of the International Phonetic Association 34 (2): 227–232. ISSN 0025-1003. 
  5. O ⟨ch⟩ galego-portugués, como en "cheo" [ˈt͡ʃeo], que deu en portugués "cheio", é un fonema etimolóxico /t͡ʃ/ conservado no galego e xuntado com /ʃ/ na maioria dos dialectos. Na maioría dos dialectos no portugués do Norte de Portugal e en varios do Centro, a súa pronuncia é similar á galega (chamar [t͡ʃɐˈmaɾ]). O uso en Portugal está diminuíndo por causa da influencia da lingua estándar (ás veces chamado 'padrão lisboeta' ou 'do eixo Coímbra-Lisboa'), e con iso sendo substituído por [ʃ]. Na maioría de variantes brasileiras, o ⟨t⟩ é pronunciado como o ⟨ch⟩ galego, por exemplo en "presente" [pɾe̞ˈzẽ̞t͡ʃ].
  6. "Cheísmo". Estraviz. Consultado o 2024-06-10. 
  7. García Arias, Xosé Lluís (2008). "La dialeutoloxía nel dominiu llingüísticu ástur". Lletres asturianes: Boletín Oficial de l'Academia de la Llingua Asturiana (97): 7–23. ISSN 2174-9612. 
  8. Badia i Margarit, Antoni M. (1984). Gramàtica històrica catalana. València : E. Climent. ISBN 978-84-7502-111-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]