Chousa Nova
Tipo | dolmen | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Abades, España | |||
| ||||
A Chousa Nova ou Chousa Nova 1 (hai dous túmulos máis na zona) é un túmulo megalítico situado na parroquia de Abades (Silleda), atopado e escavado durante as obras de construción da liña do Renfe AVE entre Ourense e Santiago. A cámara interior do dolmen non fora espoliada, estaba intacta e mantivérase co enxoval funerario. Foi o segundo dolmen atopado intacto no noroeste peninsular. As probas por Carbono-14 deron para a Chousa Nova unha datación que a sitúan como un dos dolmens máis antigos de Galiza.[1]
Características
[editar | editar a fonte]As probas de carbono-14 deron datas ao redor do 4350 a. C., máis antigas que o dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños ou Forno dos Mouros en Toques.
A Chousa Nova ten tres estadíos. O primeiro corresponde a unha serie de gabias baixo o monumento e de función descoñecida. A gabia perimetral actual está a uns 8 metros ao redor do túmulo e é similar á de Dombate ou á doutros monumentos megalíticos británicos.
A cámara está formada por cinco lousas graníticas. A capa da cámara era unha grande lousa de 2.950 kg de peso.[2] Estaba crebada en tres anacos, un deles achado na mesma posición de cando romperan e os outros dous dentro da cámara.
No interior do monumento atopáronse os obxectos do enxoval. Un colar con 35 contas, algunhas de ámbar, e outras de varisicita, posiblemente dunha veta da provincia de Zamora, semellando estar sobre un peito humano. É o segundo colar atopado in situ en Europa. Unha aixada posta próxima á cabeza, preto da man un cicel e un gastado afiador baixo os pés. A aixada e o cicel, que estaban novos, interprétanse como un símbolo de luxo e posición social.
Escavación
[editar | editar a fonte]As obras do AVE pasan polo túmulo de Chousa Nova. O túmulo como tantos outros en Galiza non estaba escavado, tiña unha estrada ao carón que danara parte da masa, un poste eléctrico sobre ela e estaba nunha zona de explotación agrícola e forestal. Tiña evidentes signos de violación.[Cómpre clarificar] A escavación foi dirixida por María José Bóveda, do Gabinete de Arqueoloxía e Xestión de Patrimonio durante as obras do AVE.
Ao retirar as pedras da coiraza atopáronse variedades cromáticas con terras de diferentes cores. As terras foran dispostas de xeito intencionado como tentando xuntar a súa obra coa natureza. O túmulo ten dúas fases de construción: a edificación do propio monumento (coa capa á vista) e a ampliación do perímetro do monumento e soterrado de todo o monumento.
Reconstrución
[editar | editar a fonte]Tras a escavación, o proxecto trocou a inicial trincheira para o paso do AVE por un falso túnel sobre o que se reconstruíu A Chousa Nova. As lousas do monumento foron gardadas durante case dous anos nunha nave en Silleda. A reconstrución foi supervisada arqueoloxicamente e situouno exactamente no mesmo lugar. Trocouse o camiño que cortara parte da mámoa afastándoo e movéronse os postes eléctricos. O espazo está valado, sinalizado e musealizado, libre xa de uso agrícola e forestal. Hai paneis explicativos do monumento, da escavación e dos traballos de reconstrución. O monumento está tal como se sabe foi construído. Os tres anacos da lousa da capa foron pegadas e están á vista; unhas pedras de balastro ferroviario marcan os límites da construción. Moi preto da zona hai dous túmulos máis sen escavar.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Os segredos dun dolmen intacto", artigo na web do Consello da Cultura Galega.
- ↑ Turismo de Silleda, a Mámoa de Chousa Nova
- ↑ Túmulo da Chousa Nova na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Infográfico sobre o dolmen de Chousa Nova e con fotos orixinais da escavación (PDF)
- "Os segredos dun dolmen intacto", artigo de Manuel Gago Mariño no blog Capítulo 0, 28 de marzo de 2012.
- "Variscita y ámbar en el neolítico gallego. Análisis arqueométrico del collar del túmulo 1 de Chousa Nova, Silleda (Pontevedra, España)" (en castelán)