Citroën Visa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Citroën Visa | |
---|---|
Marca | Citroën |
Fabricante | Citroën |
País | Francia |
Período | ╴1988 |
Produción | 1.254.390 |
Montaxe | Rennes, Francia Cerizay, Francia Vigo, Galicia Mangualde, Portugal Koper, Iugoslavia |
Configuración | |
Segmento | Segmento B |
Tren motriz | |
Motor | motor de gasolina e PSA XUD7/K (en) |
Dimensións | |
Distancia eixes | 2436 mm |
Lonxitude | 3690 mm |
Anchura | 1530 mm |
Altura | 1410 mm |
Peso | 870 kg |
Cronoloxía | |
[ Commons ] [ Wikidata ] |
O Citroën Visa é un automóbil de turismo que foi producido pola compañía francesa Citroën entre os anos 1978 e 1988. Veu complementar a gama tradicional de utilitarios da marca, dando relevo ó Ami 8, comercializado en España como Citroën 8, e foi máis tarde substituído polo Citroën AX.
Fabricación
[editar | editar a fonte]Inicio
[editar | editar a fonte]A súa xestación foi bastante accidentada. Nos albores da década de 1970 realizouse un primeiro prototipo que empregaba a plataforma do Fiat 127, que se desbotou en favor dun deseño integramente Citroën. Cando a empresa foi controlada pola Peugeot en 1974, o denominado VD (voiture diminuée, é dicir, auto pequeno) foi transformado para ser realizado sobre as bases técnicas do Peugeot 104, por razóns de racionalización empresarial.
O Visa foi lanzado no Salón de París de 1978, como un hatchback bicorpo de 5 portas e 3,7 metros de longo que utilizaba motores de dous cilindros, evolución dos empregados polo 2 CV e derivados, ou de catro, un moderno 1,1 litros de deseño Peugeot. O seu aspecto era moderno e aerodinámico, pero un tanto difícil de asimilar. No interior destacaba o cadro, cos comandos dispostos en satélites ós lados do volante. A súa utilidade e funcionalidade foron recoñecidas, así coma o seu bo comportamento e economía. Aínda que as cifras de vendas non foron brillantes, eran moi superiores ás do Citroën LN.
Super X
[editar | editar a fonte]Nun intento de incrementar o atractivo do modelo, Citroën lanzou en 1980 o Super X, cunha presentación enriquecida e un motor de 1,2 litros, máis potente. Mediado 1981 aparece o Visa II, unha evolución estética realizada por Heuliez, que foi mellor aceptado, aínda que non tanto como os modelos de máis éxito da súa clase. Lanzouse entón o Visa en España, producido na factoría viguesa da marca, en versións Especial e Club, con motor de 2 cilindros de 652 cc e 35 CV, Super E (1124 cc e 57 CV) e Super X (1219 cc e 64 CV). O Especial tiña un acondicionamento interior moi elemental, con goma no chan, tapicería plástica e un equipamento mínimo. O Club tiña recobrementos téxtiles, reloxo, pinas con tapacubos, proteccións plásticas nos laterais da carrozaría, e tiña dispoñibles os apoiacabezas nos asentos dianteiros, o espello retrovisor dereito ou un lava-limpa cristal traseiro. O Super E era similar, pero montaba unhas unhas rodas máis grandes. No Super X todo ese equipamento era de serie, e aparecían unhas singulares rodas Michelin TRX, que podían vir con pinas de aluminio, e máis unha instrumentación dotada de contavoltas. Algúns destes primeiros Visa vigueses tiñan teito de cristal practicable, e nos plásticos interiores había combinacións de cores -azul ou crema con negro, ou incluso azul con crema-.
GT
[editar | editar a fonte]En 1982, o Super X foi relevado polo GT, que estreaba un motor de 1360 cc con 80 CV e un cambio de 5 relacións. Mantiña as rodas TRX e viña cuns novos asentos anteriores, de formas máis cadradas, mentres o traseiro podía abaterse por metades. A tapicería tamén era nova, máis aparente e resistente, e tamén podía distinguirse por un beizo aerodinámico baixo a defensa anterior, un alerón de goma na popa e uns adhesivos sobre a carrozaría. Apareceron entón tamén unha versión comercial (co motor 1100 adaptado para gasolina normal) e o Super E5, con cambio de 5 velocidades. Os interiores pasaron a ser normalmente monocromos, estando dispoñibles o azul, o crema, o negro e un gris que terminou por facerse o habitual.
De cara a 1984 a gama foi reestruturada. Os 11E tiñan o motor 1100 en versión de 48 CV e o 11 RE o tradicional 57 CV. Agora toda a gama levaba asentos anteriores similares ós estreados polo GT. O RE era polo demais similar ó precedente Super E, con pequenos detalles a maiores coma o alerón posterior ou os asentos abatibles por partes. O E viña co equipo básico, pero con tapicería de tea, como tamén a variante con motor 2 cilindros, agora unha soa versión denominada simplemente Visa. Esa primavera foron incorporados tamén os diésel, cun motor de 1769 cc e 60 CV. Os diésel levaban uns aletíns de plástico sobre as rodas anteriores, porque a súa vía dianteira era máis ancha. Os acabados 17 D e 17 RD equivalían ós E e RE. Estes diésel, pioneiros no seu segmento, foron as versións de maior difusión nos últimos anos de produción do Visa. A seguinte novidade foi, uns meses despois, o 14 TRS, co motor 1360 nunha aforradora versión de 60 CV e un relativamente completo equipamento de confort (con alzavidros eléctricos dianteiros, fechaduras centralizadas ou espellos retrovisores con regulación desde o interior, entre outros elementos). Estreaba un novo cadro frontal, cunha instrumentación e comandos de aspecto convencional, que se incorporou en toda a gama, da cal desapareceu ó pouco tempo o GT.
GTI
[editar | editar a fonte]Xa mediado 1985 saíu o GTI, que tomou o motor e o tren anterior do Peugeot 205 GTI, dando lugar a unha alternativa válida entre os utilitarios máis deportivos. Tiña unha estética bastante diferenciada, con aletíns nas rodas anteriores e posteriores e máis outros aditamentos plásticos para facer máis agresiva a súa estampa, dupla óptica redonda dianteira, rodas sobredimensionadas en pinas de aluminio de novo deseño, asentos envolventes, volante, tapicería e unha moi completa instrumentación específica. Estaba dispoñible con todo o equipamento posible para os Visa.
En 1986 o GTI foi evolucionado, recibindo a versión de 115 CV do motor 1580 cc en lugar da primixenia de 105 CV. Tras o lanzamento do AX en 1987, a gama foi reducida (Challenger -unha das innumerables presentacións especiais do modelo, neste caso sobre a base do 11 E-, os diésel e o GTI) e a finais do 1988 desapareceu do mercado. Algunhas versións nunca foron difundidas na España, coma os deportivos Chrono e Trophée (93 CV e 100 CV), o Plen Air, un convertible que conservaba as catro portas e os seus marcos, e os 10 E/RE, con motor de 954 c.c. e 45 CV. Tamén merece mención a versión para competición 1000 Pistas, con tracción total e motor de 1440 cc cunha potencia de 112 ou 145 CV. O modelo fíxose cun palmarés en rallys de certa relevancia. En total, foron facturados máis de 1,2 millóns de unidades, que se liberaron basicamente ós mercados de Europa Occidental, do cono sur americano e do Magreb.
Modelos derivados
[editar | editar a fonte]Sobre a base do Visa existiu unha furgoneta derivada, a Citroën C15, lanzada no 1984, que logrou moito éxito. Pola mesma época saíu tamén o Citroën Axel (ou Oltcit), un auto fabricado na Romanía con claras similitudes co Visa, aínda que empregaba motores catro cilindros Citroën, diferentes suspensións...etc. En gran medida, foi o modelo que xa tiña case desenvolvido a Citroën antes de que Peugeot impuxese o emprego da plataforma do Peugeot 104. Tivo unha difusión reducida, principalmente en Europa Oriental. En España non chegou a ofertarse o Axel.