Saltar ao contido

Coco (personaxe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coco[1] (Grover no orixinal inglés) é un dos máis populares personaxes creados por Jim Henson. Aparece no programa Sesame Street (emitido en Galicia nos anos oitenta do século XX en español pola Televisión Española) e é moi coñecido polos seus esforzos para ensinar aos cativos a diferenza entre "lonxe" e "preto", para o que recorre a se afastar e a se achegar acotío á cámara e ás carreiras até que cae esgotado ao chan.

Coco é posibelmente o personaxe máis versátil do programa. Ademais de a si mesmo interpreta o papel do superheroe Supercoco, muppet análogo a Clark Kent que é quen de voar cando está vestido co seu traxe (composto por un casco de armadura e unha capa coa letra G) mais non é quen de aterrar suavemente, pois o resto dos personaxes sempre din o mesmo cando chega, ollando cara a arriba: "É un paxaro? É un avión? É... [óuvese un estrondo ao se estrelar Supercoco contra o chan] Supercoco!!!". Outro papel que interpreta é o do Shériff Coco, un shériff do vello oeste que soluciona conflitos ao lombo da súa inseparábel besta Fred the Wonder Horse (a egua Jaca Paca na versión en castelán), a cal ten moito máis siso ca el.

É un dos personaxes que aparece como imaxe do parque Port Aventura.

  1. Coco é o nome como se coñece o personaxe en Galicia, a partir da emisión do programa Sesame Street na súa versión en castelán nos anos oitenta do século XX (Barrio Sésamo)