Saltar ao contido

Coleman Griffith

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaColeman Griffith
Biografía
Nacemento22 de maio de 1893 Editar o valor en Wikidata
Guthrie Center, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte7 de febreiro de 1966 Editar o valor en Wikidata (72 anos)
Urbana, Estados Unidos de América (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
EducaciónGreenville University (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPsicologia esportiva (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpsicólogo Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Illinois en Urbana-Champaign
Chicago Cubs
Oregon University System (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor en Wikidata
Premios

Coleman Roberts Griffith, nado en Iowa o 22 de maio de 1893 e finado o 7 de febreiro de 1966, foi un psicólogo deportivo estadounidense. Considérase un dos fundadores da psicoloxía deportiva estadounidense.[1] Griffith estudou no Greenville College ata 1915, e despois estudou psicoloxía na Universidade de Illinois. Mentres estaba na Universidade de Illinois, Griffith creou o que afirmaba que era o primeiro laboratorio de psicoloxía deportiva nos Estados Unidos de América. Nesa época Griffith traballou estreitamente co equipo de fútbol americano da Universidade de Illinois, estudando como factores como as habilidades psicomotoras e personalidade variable relacionadas co rendemento e a aprendizaxe de habilidades atléticas. Debido a razóns financeiras, a investigación en laboratorios atléticos cesou finalmente, o cal levou a Griffith a converterse nun psicólogo deportivo co equipo de béisbol dos Chicago Cubs. Durante ese período cos Chicago Cubs, Griffith examinou os xogadores e completou unha serie de informes para Philip K. Wrigley, o propietario do equipo dos Chicago Cubs, e os resultados foron finalmente resumidos nun longo informe. As súas ideas foron acollidas con reticencia, pero axudou aos Cubs a ter éxito mentres estivo alí. Griffith acabou a súa carreira no departamento de educación na Universidade de Illinois ata a súa xubilación en 1961. Algunhas das principais contribucións de Griffith ao eido da psicoloxía deportiva viñeron das súas publicacións The Psychology of Coaching (1926)[2] e The Psychology of Athletics (1928).[3] Estas publicacións escribiunas durante o tempo que pasou Griffith na Universidade de Illinois e abranguían temas como se un adestrador debe ter coñecementos de atletismo, fisioloxía e psicoloxía para ter éxito. Gran parte das investigacións e publicacións de Griffith convertéronse nos alicerces do campo en rápido crecemento da psicoloxía deportiva e moitas das súas ideas aínda se usan hoxe.

Primeiros anos e educación

[editar | editar a fonte]

Nado en 1893 en Guthrie Center, Iowa, Coleman Griffith foi o primeiro de catro irmáns. Completou estudos de pregrao na Universidade de Greenville en Illinois en 1915, onde coñeceu á sua futura muller, Mary Louise Coleman.[4] Mentres estaba no Greenville College, Coleman foi delegado de clase de 1º ano, membro do grupo masculino, membro os equipos de béisbol e baloncesto, organizador de varios eventos ximnásticos.[4] Coleman recibiu o seu doutoramento (PhD) en psicoloxía en 1920 na Universidade de Illinois baixo a supervisión de Madison Bentley.[4] A súa tese trataba sobre o sistema vestibular da rata branca.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

En 1922 foi nomeado profesor axudante de cátedra, e fíxose xefe interino do departamento de psicoloxía da Universidade de Illinois durante o sabático de Bentley. Deu un curso de introdución á psicoloxía enfocado nos intereses dun atleta. Isto levouno a dar un curso titulado "Psicoloxía e atletismo" por primeira vez en 1923, o que finalmente o levou a preparar o seu primeiro libro de texto General Introduction to Psychology.[5] En 1927, despois de obter unha beca Guggenheim, Coleman estudou na Universidade de Berlín. Coleman foi posteriormente nomeado xefe da Oficina Institucional de Investigación.[4] Esta era unha oficina que recompilaba datos internos para o Presidente da Universidade, como as proporcións estudantes/profesores. Mantivo o seu posto ata 1944 e despois foi nomeado decano da Universidade de Illinois. Deixou este posto en 1953, e en 1956 foi nomeado xefa da Oficina de Información Estatística da Asociación Nacional de Educación. Xubilouse do departamento de educación de Illinois en 1962 e traballou desde entón no Sistema de Educación Superior do Estado de Oregón.[5]

Investigacións

[editar | editar a fonte]

Universidade de Illinois

[editar | editar a fonte]

Laboratorio de investigación atlética

[editar | editar a fonte]

En 1918 Griffith empezou a investigar informalmente factores psicolóxicos relacionados co baloncesto e o fútbol americano observando os equipos da Universidade de Illinois. Comprobou os tempos de reacción de xogadores de fútbol americano co aparello de tempo de reacción de Sanborn en 1920. O director de atletismo da universidade, George Huff, despois de ver estes estudos, axudou a convencer a universidade de crear o Laboratorio de Investigación Atlética. En 1925 Griffith foi nomeado director deste laboratorio acabado de crear. O laboratorio tiña dúas habitacións, un laboratorio psicolóxico e outro fisiolóxico. Tamén tiña un obradoiro e unha colonia de ratas. No laboratorio de Griffith investigou as habilidades psicomotoras, aprendizaxe, personalidade, e como afectaba a rotación ao equilibrio. Para estudar estas cousas, desenvolveu tests para medir o tempo de reacción, tensión muscular e relaxación, coordinación, aprendizaxe e alerta mental. Tamén entrevistou atletas e deseñou cuestión precisas para as entrevistas para aprender máis sobre estas experiencias atléticas durante a competición. O Laboratorio de Investigación Atlética pechou en 1932 debido á falta de apoio financeiro.[6]

Nos seus traballos con ratas Griffith estudou os efectos da rotación corporal constante sobre as ratas[7] e estudou se estes efectos podían herdarse.[8]

Equipos deportivos profesionais

[editar | editar a fonte]

O equipo de béisbol Chicago Cubs

[editar | editar a fonte]

En 1937 o propietrio dos Chicago Cubs, Philip K. Wrigley, ofreceu a Griffith un posto no equipo. Esta oferta incluía un orzamento para equipamento, e un laboratorio en Chicago. Wrigley cría que Griffith podía axudar ao equipo dándolle unha vantaxe psicolóxica.

Inicialmente, Griffith atopou a resistencia do director técnico Charlie Grimm, que non cría nos psicólogos e dixo aos xogdores que non escoitasen a Griffith. Durante a tempada de 1938, Griffith elaborou ducias de curtos informes para Wrigley nos cales fixo diversas suxestións para facer adestramentos prácticos máis similares ao xogo deportivo real. Por exemplo, suxeriu que a práctica do bateo estivese baseada completamente nos bates para que os bateadores puidesen gañar experiencia cambiando de estratexia co diferentes contas de golpeo da bóla. En xeral, quería que os xogadores afrontasen a práctica co mesmo esquema mental que eles teñen durante o xogo. Estas suxestións non foron aplicadas. Grimm sufriu certo tipo de "crise emocional" durante a tempada de 1938 e dimitiu como director técnico. Foi substituído polo receptor (catcher) Gabby Hartnett (que no futuro entraría no Salón da fama), cuxo heroico final de tempada, golpeando o famoso "Homer in the Gloamin'"[9] contra o equipo rival Pittsburgh Pirates, levou aos Cubs a ter un posto na Serie Mundial contra os New York Yankees.

Porén, Hartnett demostrou ser un tradicionalista do béisbol, e xa non estaba aberto ás ideas de Griffith como tampouco o estivera Grimm. Ao final da tempada de 1938, Griffith escribiu un informe de 183 páxinas para Wrigley, no cal describía a Hartnett como "incapaz de aprender". Porén, o éxito do equipo baixo o liderado de Hartnett ese ano, facía imposible que Wrigley o despedise, incluso se quixese facelo.

Griffith traballou a tempo parcial durante 1939, pero só escribiu catro informes curtos e continuou contando coa desconfianza da dirección técnica. Só escribiu un informe para o equipo en 1940 antes de que cesase o traballo de Griffith co equipo.[10]

Principais textos e publicacións

[editar | editar a fonte]

As grandes contribucións de Griffith ao campo da psicoloxía deportiva foron os seus libros The Psychology of Coaching (1926) e Psychology and Athletics (1928).

The Psychology of Coaching (1926)

[editar | editar a fonte]

O seu primeiro libro, The Psychology of Coaching, tiña como principal tema que o adestrador debe ter as cualidades dun atleta, fisiólogo e psicólogo. Todos os capítulos foron escritos para que fosen directamente útiles para os adestradores. No seu libro Griffith céntrase en temas como a importancia da formación de hábitos, e a "Moral", que é o que describe como un ambiente psicolóxico ideal no que os atletas poden adoptar e facer crecer nel características persoais e intelectuais en relación co atletismo. Segundo Griffith, a Moral é o obxectivo final da competición atlética e ten como resultado unha "personalidade e forza de vontade" que teñen éxito [11]

Psychology and Athletics (1928) e The Athletic Journal

[editar | editar a fonte]

Griffith expón as súas contribucións á psicoloxía deportiva na obra Psychology and Athletics (1928) así como na revista The Athletic Journal. Escribiu sobre problemas básicos e compoñentes psicolóxicos do rendemento atlético como habilidades, aprendizaxe, hábitos, atención, visión, emoción e tempo de reacción. The Athletic Journal, unha revista periódica fundada por John L. Griffith (non emparentado con el), tiña como obxectivo a psicoloxía para adestradores. A contribución de Griffith á súa revista foi a base coa que fundamentou Psychology and Athletics. As tres grandes obras de Griffith: Psychology of Coaching, Psychology and Athletics e as súas contribucións en The Athletic Journal, foron escritas durante a época en que estba investigando na Universidade de Illinois.[12]

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

O traballo profesional de Griffith en atletismo chegou ao seu fin despois da tempada dos Cubs de 1940. Catro anos despois converteuse no decano da Universidade de Illinois; porén, a súa permanencia neste posto rematou ao producirse un conflito co profesor de fisioloxía de Illinois Andrew Ivy. O desacordo procedía da afirmación de Ivy de ter descuberto unha cura para o cancro chamada "krebiozen". Este conflito na súa Universidade causou que Griffith se vise forzado a dimitir, aínda que continuou a traballar no Departamento de Educación ata 1961. Despois de retirarse deste posto Griffith trasladouse e conseguiu un novo posto no Sistema de Educación Superior do Estado de Oregón ata que morreu en 1966.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • 1922: An historical survey of vestibular equilibration, University of Illinois Press
  • 1923: General introduction to psychology, MacMillan
  • 1926: The Psychology of Coaching, Scribner's
  • 1928: The Psychology of Athletics, Scribner's
  • 1928: General Introduction to Psychology (revised edition), MacMillan
  • 1934: An Introduction to Applied Psychology, MacMillan
  • 1935: Introduction to Educational Psychology, Farrar & Rinehart
  • 1939: Psychology Applied to Teaching and Learning, Farrar & Rinehart
  • 1943: Principles of Systematic Psychology, University of Illinois Press

[6][10] [13] [14]

  1. Christopher, Green. "Psychology strikes out: Coleman R. Griffith and the Chicago Cubs". Researchgate. PubMed. Consultado o 14 de setembro de 2021. 
  2. Griffith, Coleman (1926). The Psychology of Coaching. 
  3. Griffith, Coleman (1928). The Psychology of Athletics. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Gould, Daniel; Pick, Sean (decembro de 1995). "Sport Psychology: The Griffith Era, 1920-1940". The Sport Psychologist 9 (4): 391–405. doi:10.1123/tsp.9.4.391. 
  5. 5,0 5,1 Green, Christopher (2003). "Psychology Strikes Out: Coleman R. Griffith and the Chicago Cubs". History of Psychology 6 (3): 267–283. PMID 14506818. doi:10.1037/1093-4510.6.3.267. 
  6. 6,0 6,1 Green, Christopher (abril de 2012). "America's first sports psychologist". Monitor on Psychology 43 (4): 22. 
  7. Griffith, Coleman R. (novembro–decembro de 1920). "The Effect upon the White Rat of Continued Bodily Rotation". The American Naturalist 54 (635): 524–534. JSTOR 2456346. doi:10.1086/279783. 
  8. Griffith, Coleman R. (15 de decembro de 1922). "Are Permanent Disturbances of Equilibration Inherited?". Science 56 (1459): 676–678. Bibcode:1922Sci....56..676G. PMID 17778266. doi:10.1126/science.56.1459.676. 
  9. "Homer in the Gloamin'" é un termo de béisbol. Foi un famoso home run realizado por Gabby Hartnett dos Chicago Cubs. A frase "Homer in the Gloamin'" foi creada por un reporteiro de Associated Press.
  10. 10,0 10,1 Kroll, Walter; Lewis, Guy (1970). "America's first sports psychologist". Quest 13 (1): 1–4. doi:10.1080/00336297.1970.10519669. 
  11. Miller, K. G. (1927). "Review of The Psychology of Coaching". Psychological Bulletin 24 (10): 608–609. doi:10.1037/h0066286. 
  12. Gould, Daniel; Pick, Sean (1995). "Sport Psychology: The Griffith Era, 1920-1940". The Sport Psychologist
  13. Dewsbury, Donald; Wertheimer, Michael; Benjamin, Ludy (2014). Portraits of Pioneers in Psychology VI. Psychology Press. pp. 151–159. 
  14. Miller, Karl G. (1927). "Review of The Psychology of Coaching". Psychological Bulletin 24 (10): 608–609. doi:10.1037/h0066286.