Saltar ao contido

Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comité Consultivo Cidadán
sobre a Moeda
Citizens Coinage Advisory Committee
Logotipo do
Departamento do Tesouro dos EEUU


Información xeral
Formación 23 de abril de 2003
Precedentes Citizens Commemorative Coin Advisory Committee (CCCAC)
Xurisdición Estados Unidos
Sede central 801 9th Street, NW
Washington, D.C. 20220
Estados Unidos de América Estados Unidos.
Director Lawrence Brown
Axencia sup. Departamento do Tesouro
Sitio web
www.ccac.gov

O Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda (en inglés: Citizens Coinage Advisory Committee —CCAC—) é un órgano consultivo creado en 2003 no seo do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos, para asesorar o seu secretario acerca das cuestións relativas á moeda.

Este comité substitúe o anterior Comité Consultivo Cidadán sobre Moedas Conmemorativas (Citizens Commemorative Coin Advisory Committee —CCCAC—).

Lawrence Brown foi nomeado o 30 de xaneiro de 2022 como presidente do Comité.[1]

Creación

[editar | editar a fonte]

O Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda foi creado polo Congreso dos Estados Unidos en virtude da Lei Pública 108-15, do 23 de abril de 2003, coa finalidade de asesorar o secretario do Departamento do Tesouro acerca dos temas e dos deseños de todas as moedas e medallas oficiais emitidas nos Estados Unidos.[2][3]

Neste sentido, o Comité representa imparcialmente os intereses dos coleccionistas numismáticos e da cidadanía estadounidense.[3]

Funcións

[editar | editar a fonte]

Consonte a lei pola que se creou, ao Comité asígnanselle tres funcións principais:[2][4]

  • Asesorar o secretario do Tesouro sobre os temas e os deseños tanto das moedas circulantes como das emitidas para o coleccionismo ou para o investimento en metais nobres, así como das medallas oficiais.
  • Asesorar o secretario do Tesouro en relación cos acontecementos, as persoas e os lugares que deben conmemorarse nas moedas conmemorativas.
  • Formular recomendacións con respecto ás tiraxes que deben ter as moedas conmemorativas recomendadas.

Logo de cada reunión do Comité, o secretario do Tesouro é informado mediante carta dos acordos tomados no encontro.[4] Ademais, o CCAC publica informes anuais destinados tanto ao secretario do Tesouro como á Comisión de Servizos Financeiros da Cámara de Representantes e á Comisión de Banca, Vivenda e Asuntos Urbanos do Senado.[5]

Composición

[editar | editar a fonte]

O Comité está composto por 11 membros nomeados polo secretario do Tesouro, que responden aos seguintes perfís:[2][6]

  • Sete persoas son propostas directamente polo secretario do Tesouro:
    • Unha persoa con recoñecemento nacional e internacional no ámbito numismático, pola súa formación e pola súa experiencia como conservador dunha colección numismática importante.
    • Unha persoa experta no ámbito das medallas ou da escultura.
    • Unha autoridade erudita na historia dos Estados Unidos.
    • Unha persoa experta en numismática
    • Tres persoas que representen os intereses da poboación xeral.
  • Os catro membros restantes son nomeados por recomendación do presidente da Cámara de Representantes e do líder da maioría na mesma cámara, e polos líderes da maioría e da minoría do Senado.
  1. "Secretary of the Treasury Appoints Dr. Lawrence Brown to Chair Citizens Coinage Advisory Committee". United States Mint. 28 de xaneiro de 2022.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Public Law 108-15 - APR. 23, 2003". Govinfo.gov
  3. 3,0 3,1 "Mission and Purpose of the CCAC". Citizens Coinage Advisory Committee.
  4. 4,0 4,1 "About Us". Citzens Coinage Advisory Committee.
  5. "CCAC Annual Reports". Citzens Coinage Advisory Committee.
  6. "Members". Citzens Coinage Advisory Committee.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]