Conferencia de prensa
Unha conferencia de prensa,[1] tamén chamada roda de prensa,[2] é un acto de índole informativa planificado ben sexa por unha persoa, unha institución ou unha organización, ao que están convidados os medios de comunicación para que dean información do que alí ocorra.
A orixe da práctica da conferencia de prensa ocorreu nos Estados Unidos no ano 1913.[3] O presidente Woodrow Wilson deu lugar a 57 encontros entre ese ano e 1916. Porén, algúns autores indican que optou por unha política de contar o menos posíbel en tales rodas de prensa.[4]
As conferencias de prensa adoitan estar organizadas por institucións, partidos políticos, sindicatos e grupos empresariais, que son os que teñen maior poder para convocalas. Tamén teñen potestade para convocalas todos aqueles grupos ou movementos sociais que pretendan dar a coñecer á opinión pública algún tema. Utilizan este método así mesmo as entidades organizativas e promotoras de distintas actividades para faceren chegar os seus programas aos cidadáns e as personalidades recoñecidas (futbolistas, cantantes, actores).
A roda de prensa aquire este nome dado que a palabra roda procede da latina rota. Dentro das súas diferentes acepcións, a que máis se adecúa é a de "círculo ou reunión de individuos", xunto co concepto de prensa, o cal se refire ao "conxunto de xornalistas ou publicacións".[5]
Ademais do poder de difusión co que contan as rodas de prensa e a heteroxeneidade dos entrevistadores, a roda de prensa supón unha situación de asimetría entre entrevistador e entrevistado. O suxeito que responde ten a obriga de facelo co fin de non provocar un contexto de violencia.[6] Os medios de comunicación non acuden indiscriminadamente a todas as convocatorias senón que seleccionan as que consideran máis interesantes ou importantes.
As expresións roda de prensa e conferencia de prensa adoitan considerarse sinónimas, pero non hai que confundir esta última co discurso ou charla. A conferencia de prensa está relacionada cunha dinámica de comunicación unidireccional. Nela predomina a disertación. A roda de prensa tamén se trata dunha reunión con xornalistas para informarlos, pero cunha quenda de preguntas posterior. Nela sempre existe un diálogo.[7]
Procedemento xeral
[editar | editar a fonte]Polo xeral, unha roda de prensa convencional adoita seguir o seguinte esquema:[8]
- Procédese cunha benvida.
- Ten lugar unha breve exposición por parte dos que intervendrán.
- Dentro da quenda para preguntar, o encargado de outorgar as quendas de palabra será o director de comunicación ou coordinador da roda de prensa. Co propósito de identificar ao xornalista, este dá a coñecer o seu nome e o medio para o que traballa antes de formular a pregunta.
- Para finalizar, recompílanse os puntos fundamentais tratados no acto informativo. En última instancia, agradécese a asistencia e o labor realizado.
Os temas que se tratan nas rodas de prensa son moi variados e dependen dos intereses dos organizadores. Cando o xornalista acode á roda de prensa sabe de antemán os temas que se tratarán e, en moitas ocasións, entrégaselles por escrito un pequeno resumo co contido do acto.
Aspectos técnicos
[editar | editar a fonte]Á hora de abordar unha correcta elaboración dunha conferencia ou roda de prensa, deben terse en conta certos aspectos técnicos tales como:[9]
- Elementos visuais: pancartas de mesa ou de parede que simbolicen o motivo de dita conferencia ou roda de prensa ou o logotipo da organización que a acolle. Este aspecto visual é útil tamén para as fotografías ou vídeos.
- Servizos a medios non asistentes: no caso de aqueles medios que non puideran acudir á roda de prensa, o xefe de comunicación encargarase de envialles información.
- Outros aspectos técnicos: en ocasións dase unha aglomeración de micrófonos sobre a mesa, o que dificulta unha imaxe adecuada e o son. Para evitar este contratempo, tomas de son para cámaras e emisoras deberán ser facilitadas polo xefe de prensa. Este, ademais deberá outorgar un espazo concreto para as cámaras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ conferencia de prensa no Dicionario da RAG.
- ↑ roda, 3ª acep. no Dicionario da RAG
- ↑ Corrientes, Revista. "Abuso con las ruedas de prensa". revistacorrientes.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2021. Consultado o 9 de decembro de 2022.
- ↑ Clarenc, Claudio Ariel (2011). Nociones de Cibercultura Y Periodismo (en castelán). Lulu.com. ISBN 978-1-2577-9365-5. Consultado o 9 de decembro de 2022.
- ↑ "Definición de rueda de prensa". Definición de (en castelán). Consultado o 9 de decembro de 2022.
- ↑ Salerno, Paula (2016). "Las conferencias de prensa de Cristina Fernández de Kirchner: estrategias que rigen la dinámica interactiva". Exlibris (en castelán) 0 (5): 463–474. ISSN 2314-3894. Consultado o 9 de decembro de 2022.
- ↑ Yanes Mesa, Rafael (2010). "La rueda de prensa como género en la comunicación política" (PDF). Biblioteca Virtual Universal. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de agosto de 2021.
- ↑ Vacas, Alfredo Arceo (2012). El portavoz en la comunicación de las organizaciones: fundamentos teórico-prácticos (en castelán). Universidad de Alicante. ISBN 978-84-9717-229-5. Consultado o 9 de decembro de 2022.
- ↑ Segundo Moya-Hiniesta, Fernando. "Sistemática de la rueda de prensa en el marco de la integración entre gabinetes y medios de comunicación" (PDF).