Constance Ortmayer
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de xullo de 1902 Nova York, Estados Unidos de América |
Morte | 15 de maio de 1988 (85 anos) Morristown, Estados Unidos de América (pt) |
Actividade | |
Ocupación | escultora, artista |
Descrito pola fonte | Directory of Southern Women Artists |
Constance Ortmayer, nada en Nova York o 19 de xullo de 1902 e finada en Morristown, Tennessee, o 15 de maio de 1988, foi unha escultora e deseñadora de moedas estadounidense.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Constance Ortmayer naceu en 1902 en Nova York, filla de Mildred Cerny e do litógrafo Rudolph Joseph Ortmayer. Cursou o seu ensino secundario na New York High School entre 1914 e 1916. Descubriu o seu talento artístico na escola de verán Bryn Mawr e posteriormente formouse en escultura na súa cidade natal.[2][3]
En 1927 viaxou a Europa para continuar a súa formación na Academia de Belas Artes de Viena, en Austria,[4] en cuxa Escola Superior de Arte estudou entre 1930 e 1932, para acadar un mestrado en Belas Artes, contando entre os seus mestres os escultores Franz Plunder e Josef Müllner.[2] Logo da súa graduación en Viena, Ortmayer visitou os grandes centros artísticos europeos, en países como Austria, Alemaña, Francia, Bélxica, Italia, Inglaterra, Noruega, Suecia e Dinamarca.[3]
Ao seu regreso aos Estados Unidos foi asesora técnica de escultura na Sección de Pintura de Escultura do Departamento do Tesouro, en Washington, encargada dos elementos artísticos dos edificios públicos.[2][3]
En 1937 renunciou ao seu posto na Sección de Pintura e Escultura e incorporouse ao cadro docente do Rollins College, de Winter Park, Florida.[4] Ortmayer ensinou Escultura nesta institución académica, primeiro como instrutora (1937-1941), logo como profesora adxunta (1941-1944), despois como profesora asociada (1944-1947) e finalmente como profesora titular, ata 1868, cando se xubilou,[2] para dedicar máis tempo á actividade creadora e ao coidado da súa nai anciá. No Rollins College, ademais do seu labor docente, achegou a súa creatividade artística deseñando a base do Monumento á Paz, en 1938.[3]
Entre outras entidades eruditas e artísticas, Ortmayer formou parte da National Sculpture Society, do Florida Artist Group, da Florida Federation of Art e da Orlando Ceramic Society. [3]
Constance Ortmayer faleceu en Morristown, Tennessee, o 15 de maio de 1988.[3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Ortmayer recibiu ao longo da súa traxectoria artística o premio Anna Hyatt Huntington, pola súa obra Aprilis, o premio de arquitectura Henry O. Avery, por The Bather, e un premio ao mérito pola mellor obra da Federación de Arte de Florida. En 1947, o Rollins College concedeulle a súa condecoración de honra.[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Entre os seus traballos pódense destacar dous baixorrelevos para senllas oficinas do Servizo Postal dos Estados Unidos: Arcadia, para a oficina de Arcadia, Florida, e Alabama Agriculture, para a oficina de Scottsboro, Alabama.[5] Tamén é salientable a súa escultura The Spirit of the Theatre, para o teatro Anne Russell do Rollins College.[3]
A Ortmayer encomendóuselle tamén o deseño da moeda de medio dólar de prata conmemorativa do Centro Musical de Cincinnati, emitida en 1936,[4] que lle valeu a representación permanente da American Numismatic Society, de Nova York.[3] Inicialmente, a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, desautorizara o deseño proposto por Ortmayer para esta moeda,[6][7] mais finalmente foi aprobado pola Casa da Moeda dos Estados Unidos, cunha representación do músico Stephen Foster no anverso e unha alegoría feminina da música, tanguendo unha lira, no reverso.[2][8][9]
Ademais, Ortmayer creou unha medalla para a Academia de Ciencias de Florida e numerosos premios para o Rollins College,[4] como as medallas Hamilton Holt, William Fremont Blackman, George Morgan Ward, Roy E. Crummer e Jubilee.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Hermon A. MacNeil". Smithsonian American Art Museum.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Constance Ortmayer (1902-1988)". En Price Davis, A.; Emerson, J.S. (2015). Páxinas 163-167.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 García, A. "Constance Ortmayer (1902-1988): Renowned Artisan and Professor of Sculpture". Rollins College (Lib.rollins.edu).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Smith, P. (2012).
- ↑ "Alabama Agriculture". En Price Davis, A.; Emerson, J.S. (2015). Páxina 163.
- ↑ Flynn, K. (2008). The Authoritative Reference on Commemorative Coins 1892-1954. Kyle Vick, Roswell. Páxina 266.
- ↑ Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3. Páxina 182.
- ↑ "Cincinnati Music Center Half Dollar". United States Mint.
- ↑ Starck, J. (2010).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Constance Ortmayer |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Price Davis, A.; Emerson, J.S. (2015). New Deal Art in Alabama. McFarland & Co., Jefferson. Páxina 163. ISBN 978-0-7864-9829-1
- Smith, P. (2012). "Ortmayer, Constance". En American Numismatic Biographies. Páxina 319.
- Starck, J. (2010). "Cincinnati Music Center Coin Designer Has Varied Career". En Coin World. 29 de marzo. Páxinas 56, 58, 80.