Saltar ao contido

Contactor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contactor AC

O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático. Ten unha única posición de traballo, xa que permanece accionado unicamente mentres recibe enerxía eléctrica. Cando deixa de recibila, retorna á súa posición orixinal.

Composición

[editar | editar a fonte]

O contactor está composto por diversos elementos, tales como os contactos principais, os contactos auxiliares e o circuíto electromagnético.

Os contactos principais son aqueles a través dos cales se alimenta ao accionador ou motor e que permiten a circulación de grandes intensidades de corrente, de aí que se denominen tamén contactos de potencia. Intégranse no circuíto de potencia.

Os contactos auxiliares son os que se utilizan para o sistema de control ou mando. Poden ser normalmente abertos, NA (manteñen ausencia de contacto entre os seus extremos ou bornes cando o contactor está en repouso), ou cerrados, NC, que funcionan de forma inversa aos anteriores. Tanto uns como outros, permiten o paso de correntes de baixa intensidade, que son as empregadas no circuíto de mando. Intégranse no circuíto de mando.

O circuíto electromagnético está composto dun electroimán, que acciona, simultaneamente, os contactos principais e os auxiliares.

Dito electroimán, á súa vez, está formado por unha bobina, un circuíto magnético.

O circuíto magnético está composto dunha culata ou parte fixa e dun martelo ou parte móbil, que será o elemento atraído pola bobina cando esta recibe enerxía eléctrica.

Outros compoñentes do contactor son a carcasa, que serve de envolvente exterior, e o resorte, que ten a función de facer retornar o martelo á súa posición de repouso cando se desconecta a alimentación eléctrica na bobina.

Características dun contactor

[editar | editar a fonte]

Endurancia eléctrica

[editar | editar a fonte]

Defínese como o número medio de manobras en carga que os contactos de forza poden efectuar sen mantemento. A endurancia eléctrica depende da categoría de emprego, da corrente e da tensión asignada de emprego.

Endurancia mecánica

[editar | editar a fonte]

Defínese como o número medio de ciclos de manobras en baleiro, (é dicir, sen corrente nos contactos principais) que o contactor pode efectuar sen fallos mecánicos.

Potencia consumida

[editar | editar a fonte]

A potencia dependerá do electroimán que se utilice. É un dato importante que cómpre ter en conta no deseño do sistema automático cando a cantidade de contactores é elevada.

Alimentación eléctrica

[editar | editar a fonte]

Un contactor pode ser alimentado con CC ou en CA, dependendo das súas características construtivas.

Tensión de alimentación

[editar | editar a fonte]

En función das características do sistema, poderase elixir un contactor con diferentes tensións de alimentación. As máis habituais son 24V, 48V, 110V e 230V.

Contactores electrónicos

[editar | editar a fonte]

Os contactores electrónicos son equipos que xorden como resultado da evolución da tecnoloxía electrónica. Son equipos nos que o accionamento non se fai de forma electromecánica senón electrónica. De aí que neles desaparezan compoñentes como o circuíto electromagnético e non haxa partes móbiles para a conexión e desconexión dos circuítos de mando e potencia. Os contactores electrónicos son tamén denominados contactores de estado sólido. Empréganse en aplicacións especiais, como regulacións, alta frecuencia de manobras etc.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]