Saltar ao contido

Teoría de control

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Control de procesos»)

O control de procesos ou teoría de control é unha disciplina baseada na enxeñaría e as matemáticas que procura manter o estado dun proceso nun rango específico. O estado de referencia é o valor ou o rango de valores desexado dunha ou varias variables que forman parte do proceso. Cando o proceso se desvía do estado de referencia, os controladores manipulan as entradas do proceso para corrixir a desviación. É a rama da teoría de sistemas que trata do xeito de conseguir o cambio de comportamento dun sistema por medio de accións externas.[1]

Un exemplo

[editar | editar a fonte]

Quentar unha sala cun radiador é un proceso que ten o obxectivo de achegarse e manter unha temperatura definida. A temperatura sería a variable controlada. A temperatura desexada, por exemplo 20 °C, sería a referencia ou máis comunmente o setpoint. O estado do radiador, por exemplo o grao de apertura da válvula que permite á auga quente fluír a través do radiador, é a variable manipulada xa que é a que recibe as accións de control.

Lazo aberto

[editar | editar a fonte]

A maneira máis sinxela de levar a cabo o control da temperatura sería simplemente axustar a válvula a un grao de apertura, e polo tanto deixar pasar un caudal de auga quente fixo. Este tipo de control pode abondar se a temperatura do exterior non varía moito. Non obstante, se un día vai moito máis frío ou moito máis calor no exterior a temperatura da sala pode resultar demasiado baixa ou elevada. Este tipo de controlador chámase de lazo aberto (ou open-loop) xa que a medida da variable a controlar (a temperatura da sala) non inflúe na variable controlada (a válvula que determina o caudal de auga). Malia súa simplicidade, úsase raramente xa que non permite compensar os cambios que poden actuar na sala, como unha variación da temperatura do exterior.

Lazo pechado

[editar | editar a fonte]

Nun sistema de lazo pechado (ou closed-loop), un sensor mide o estado do sistema (a temperatura da sala) e fornece a información ao controlador, que axusta o control (a posición da válvula) para manter a sala no estado desexado (achegar a temperatura da sala á temperatura de referencia). Agora cando a temperatura exterior baixa, a diminución consecuente da temperatura da sala é medida e a posición da válvula ábrese para deixar pasar máis auga quente. A retroalimentación ou feedback permite ao controlador compensar os cambios na temperatura da sala. Este feedback representa un paradigma central no control de procesos: o control afecta o estado do sistema que, ao mesmo tempo, é medido para alterar o control.

Lazo pechado e lazo aberto

[editar | editar a fonte]

Os controladores de lazo pechado presentan as seguintes vantaxes en comparación cos de lazo aberto:

  • eliminación de perturbacións
  • posibilidade de estabilizar procesos inestables
  • sensibilidade reducida ás variacións de parámetros
  • máis eficacia para se achegar ao estado de referencia

Notas

  1. "control; acepción 5.4". DIGALEGO. Consultado o 2023-07-01. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]