Conurbación do centro de Inglaterra
Coñécese como conurbación do centro de Inglaterra á gran rexión urbanizada de forma anular en torno aos Peninos. Este macizo fai ás veces de pulmón verde do conglomerado. Polo sur o continuo urbanizado únese, a través da área de Northampton, coa megalópole da rexión de Londres.
Características
[editar | editar a fonte]A xénese da conurbación do centro de Inglaterra é o resultado do desenvolvemento dunha sociedade eminentemente urbana como a británica. O Reino Unido é un dos máis urbanizados do mundo e o primeiro que naceu á calor da revolución industrial, na segunda metade do século XVIII e perante todo o XIX. A rexión onde todo este fenómeno comezou é xustamente a que conforma esta conurbación:
- ao noroeste o aglomerado que comparten Manchester e Liverpool, o porto da megalópole no mar de Irlanda;
- inmediatamente ao nordeste, o Yorkshire urbano entre Leeds e Sheffield;
- máis ao sur, as Midlands: primeiro Nottingham, Derby e Leicester; despois, sen solución de continuidade, cara ao suroeste aparece a grande área metropolitana de Birmingham, a segunda cidade do país, e ao noroeste desta, pechando o vasto anel urbano en torno aos Peninos, a área de Stoke on Trent, moi preto do sur de Manchester.
O desenvolvemento industrial temperán desta rexión provocou pronto moitos problemas que leva asociada a industrialización, polo que o século XX foi época dunha decadencia e unha dura reconversión que aínda non terminou para toda a área.