Saltar ao contido

Corredor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corredor parcialmente pechado en Estevesiños, Monterrei.

O corredor é o espazo exterior dunha casa, abeirado pola cuberta e con varanda pola parte de fóra, que percorre a fachada principal[1]. É moi típico no noroeste peninsular, especialmente nas vivendas galegas, sobre de todo nas áreas de montaña e nos climas máis continentais, mantendo a multifuncionalidade da solaina, pero non a súa riqueza estética[2].

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Patín de acceso á vivenda na rúa do forno en Santiago de Albarellos, Monterrei, (Ourense).

A casa labrega galega adoita contar cun elemento singular, o modo de solucionar o acceso ao primeiro andar polo exterior, especialmente nas comarcas orientais e meridionais. A solución máis sinxela e primitiva é unha escaleira exterior de pedra sen pasamáns, paralela á fachada da casa, que desemboca na porta da vivenda, ben directamente, ben a través dunha plataforma de pedra a xeito de pequeno descanso, chamada patamal ou patín[3].

Evolución, construción e usos

[editar | editar a fonte]

A evolución dos patamais requiría unha maior amplitude, onde se puidesen realizar diferentes funcións, por iso apareceu nas fachadas frontais das casas galegas unha gran cantidade de tipos de balconadas exteriores, na maior parte dos casos cubertas, denominadas corredores (en madeira) ou solainas (máis evoluídas, en pedra), en función das súas características.

O corredor, solución que se estende por toda a área das serras orientais e por gran parte das provincias de Ourense e Pontevedra, aparece orixinado pola evolución do patamal, dando lugar a un balcón cuberto pola prolongación do tellado e con piso de madeira que ocupa unha parte ou a totalidade da fachada principal do edificio. Xaquín Lorenzo explica que "o corredor serve pra moitos usos que facilitan a vida no campo; niles ponse a secal-a roupa cando chove; alí maduran as primeiras espigas de millo, secan as fabas, consérvanse os cabazos... Serve de obradoiro pra arranxar ferramentas, pra fiaren as mulleres, pra enredaren os nenos... ...No corredor recébense as visitas no vran, orgaízanse seraos nas noites quentes, falan as rapazas cos seus mozos...Alçí toman o sol os vellos no inverno, e o fresco no vran; cántanse os Reises polo Aninovo e dependúranse as colchas de lá pra honrar o paso dos santos nas procesións...E o corredor é tamén un elemento de outo valor estético: en moitos sitios unha videira prantada ó pe dun esteo rube por il e prende as súas varas por entre os balagustos do corredor, enchéndoo de verdor e enfeitizándoo cos seus acios".[4]

O corredor está totalmente construído en madeira, contando con boa variedade de apoios que van desde a prolongación das trabes que sosteñen o taboado do andar, até a utilización de ménsulas de pedra insertas no muro denominadas canzorros, ademais doutras múltiples solucións, como a dunha trabe exterior apoiada no patín e mais nun muro normal á fachada principal, ou á colocación de tantas columnas de pedra como sexan precisas en función das súas dimensións. A cuberta, porén, apóiase en esteos de madeira máis ou menos traballados.

A solaina

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Solaina.
Gran solaina no Pazo de Trasariz, en Vimianzo (A Coruña).

A solaina é outra evolución do patín, usualmente construída de pedra e sobre canzorros ou piares, percorre a fachada máis soleada da casa, albergando usos produtivos e outros non tanto. É abondosa nas áreas costeiras, especialmente nas casas máis ricas ou que querían aparentar selo, e constitúe o elemento máis representativo da casa e o seu espazo máis polivalente. A solaina ten varanda de pedra ou galería de vidro, e está orientada de xeito que lle dá o sol gran parte do día[5]. É común en casas podentes, casa grandes e pazos.

A galería

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería (arquitectura).

A galería é un elemento da arquitectura culta que consiste nun corredor cerrado con vidreiras, que dá ao exterior da casa e sobresae ás veces do muro[6]. Pódese entender como resultado da evolución e a adaptación de varias solucións técnicas diferentes empregadas na construción de obxectos de diferente natureza, especialmente os corredores da arquitectura popular, pero tamén como resultado da confluencia destas técnicas nun ambiente urbano caracterizado pola bonanza económica da clase dominante e pola intervención de técnicos de formación académica. Emprégase en boa parte do norte peninsular, en especial na arquitectura galega dos séculos XIX e XX. Logo, a solaina ou o corredor, pódense considerar antecedentes da galería.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definición en Portal das Palabras da RAG - http://www.portaldaspalabras.org/buscador?palabra=corredor&sinom=0&homonimo= Arquivado 02 de marzo de 2014 en Wayback Machine.
  2. Caamaño Suárez, M. A casa popular. Museo do Pobo Galego, Fundación Caixa Galicia. A Coruña, 1999. ISBN 84-88508-19-0.
  3. Del Llano, Pedro (2006). Arquitectura popular en Galicia. Razón e construción. A Coruña: Xerais. p. 85. ISBN 84-9782-462-8. 
  4. Lorenzo, X. Historia de Galicia. Ed. Nós. Buenos Aires, 1962.
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2014. Consultado o 02 de marzo de 2014. 
  6. Definición en Portal das Palabras da RAG- http://www.portaldaspalabras.org/buscador?palabra=solaina&sinom=0&homonimo= Arquivado 02 de marzo de 2014 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]