DeLorean Motor Company
DeLorean Motor Company | |
---|---|
Fundación | 24 de outubro de 1975 |
Disolución | 26 de outubro de 1982[1] |
Localización | Detroit, Míchigan, Estados Unidos |
Fundador | John DeLorean |
Industria | Automóbil |
Produtos | Automóbiles |
Número de empregados | +2500 (1981) |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A DeLorean Motor Company (DMC) orixinal foi unha empresa fabricante de automóbiles estadounidense fundada polo executivo da industria automotriz John DeLorean en 1975.[2] O único modelo que fabricou é o coche deportivo DMC DeLorean, con carrozaría que posúe paneis de aceiro inoxidábel e portas de abertura vertical de á de gaivota.
A DMC tivo unha curta e turbulenta historia, que terminou en quebra en 1982. Preto do final, nun intento desesperado de obter os fondos necesarios para a supervivencia da empresa, John DeLorean foi filmado aceptando diñeiro para formar parte do tráfico de drogas e foi levado a xuízo, aínda que máis tarde foi absolto dos cargos presentados na súa contra tras descubrirse que caera nunha trampa policial.[3]
O único modelo que fabricou saltou á fama despois de aparecer na coñecida triloxía de Back to the Future como o automóbil transformado en máquina do tempo polo excéntrico científico "Doc" Emmett Brown, malia que a compañía xa deixara de existir denantes de estrearse a primeira película da triloxía.
Historia
[editar | editar a fonte]John DeLorean fundou a DeLorean Motor Company en Detroit, Míchigan, o 24 de outubro de 1975.[4] DeLorean era un enxeñeiro moi coñecido por crear o primeiro muscle car, o Pontiac GTO,[4] e chegou a ser a persoa máis xove en converterse en executivo de General Motors.[5] Despois de deixar GM en abril de 1973, el decidiu crear o seu propio coche.
Inicialmente, DeLorean planeou construír a súa fábrica na República de Irlanda, mais o entón Ministro de Industria e Comercio dese país, Desmond O'Malley, decidiu non apoiar o proxecto.[6] Un acordo en Porto Rico estivo a piques de ser pechado cando DeLorean aceptou unha oferta de última hora da Industrial Development Agency de Irlanda do Norte.[6] O goberno británico estaba moi interesado en crear empregos en Irlanda do Norte para reducir a violencia nas rúas e o alto desemprego (que oscilaba entre o 30 e o 40% nalgunhas localidades).
A construción da fábrica de DMC, con seis edificios e 61.000 m², comezou en outubro de 1978 e foi concluida en 16 meses; foi construída por Farrans McLaughlin & Harvey.[6] Unha pista de probas tamén foi construída ao lado da fábrica. A empresa era oficialmente coñecida como DMCL (DeLorean Motor Company, Ltd). As instalacións estaban localizadas en Dunmurry, no condado de Antrim (Irlanda do Norte). A produción do DMC DeLorean estaba programada para comezar en 1980, pero algúns problemas de enxeñaría e orzamento fixeron que a produción comezase a principios de 1981. Os traballadores da fábrica eran xeralmente inexpertos: algúns mesmo nunca traballaran iñantes de unirse á empresa.[6] Iso contribuíu á xeración de queixas sobre problemas de calidade nos DeLorean e ao posterior establecemento dos QAC (Quality Assurance Centers), onde unha parte dos problemas de calidade dos coches eran corrixidos iñantes de seren entregados aos concesionarios.[6] Os problemas incluían os alternadores e a colocación dos paneis da carrozaría e das portas de á de gaivota.[6]
A falta de demanda e os excedentes no orzamento comezaron a afectar ao fluxo de diñeiro de DMC a finais de 1981.[6] A empresa estimou unhas vendas de entre 10.000 e 12.000 unidades ao ano,[6] porén, dos 7.500 coches producidos en 1981 vendeu soamente 3.000.[7] En resposta ao déficit da empresa, un plan de reestruturación foi elaborado onde unha nova "DeLorean Motors Holding Company" sería formada, que á súa vez se convertería na controladora corporativa de DMC e cada unha das súas subsidiarias: DeLorean Motor Cars Limited (fabricante), DeLorean Motor Cars of America (distribuidor nos Estados Unidos) e DeLorean Research Partnership (empresa de investigación e desenvolvemento).[6] DMC tamén procurou máis apoio financeiro, mais fallou no seu intento. A empresa foise a bancarrota o 26 de outubro de 1982,[8] poucos días despois do arresto do seu fundador e presidente, John DeLorean, con cargos de tráfico de drogas.[9]
Despois da quebra de DMC, en novembro de 1982 a empresa estadounidense Consolidated International (arestora coñecida como Big Lots) comprou os coches restantes non vendidos, os coches parcialmente montados e tamén o inventario de pezas non utilizadas que tiñan ficado na fábrica e nos Estados Unidos.[10] A fábrica de DMC foi pechada a finais de 1982,[11] despois de que a última unidade do DMC DeLorean fose ensamblada o 24 de decembro daquel ano.[12]
A fábrica de DMC acabou sendo ocupada polo fornecedor automotriz francés Montupet, que comezou a fabricar cabezas do motor de aluminio para motores de automóbiles nas instalacións de Dunmurry en 1989.[13] Dende a adquisición de Montupet en 2015, a fábrica empregaba a máis de 600 persoas.[14] As instalacións son actualmente operadas como Montupet UK, unha subsidiaria da empresa Linamar Corporation.[15]
A actual DMC
[editar | editar a fonte]En 1995, o mecánico e empresario Stephen Wynne nado en Liverpool (Inglaterra)[16] fundou a actual DeLorean Motor Company situada en Humble, Texas, para arranxar e restaurar vehículos DeLorean. Dous anos despois, en 1997 adquiriu o inventario de pezas restantes[17][18] e a marca rexistrada do logotipo "DMC" estilizado da DeLorean Motor Company.[19][20]
En 2007 DMC Texas anunciou que podería fabricar novos DeLorean, feitos cun 80% de pezas orixinais e un 20% de pezas novas.[21]
Após a aprovación da Lei de fabricación de vehículos de baixo volume en decembro de 2015, DMC Texas anunciou que planeaba producir réplicas de automóbiles DeLorean e anticipou a produción de aproximadamente 50 vehículos por ano durante seis anos cun prezo retallista estimado de US $ 100000.[22] Porén, DMC Texas atopou obstáculos como a reprodución de pezas (xa que non hai máis dispoñíbeis no inventario) e atopar un provedor de motores.[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "DeLorean Motor Files Bankruptcy - The New York Times". Nytimes.com. 26 de outubro de 1982. Consultado o 21 de agosto de 2020.
- ↑ Claire Suddath (19 de abril de 2012). "The DeLorean's Time Leap". Bloomberg Businessweek.
- ↑ Times Wire Services (December 17, 1986). "DeLorean Acquitted of All Criminal Finance Charges". Los Angeles Times.
- ↑ 4,0 4,1 John DeLorean Reinvented The Dream Car. Then He Totaled It. www.forbes.com.
- ↑ John Z. DeLorean, Father of Glamour Car, Dies at 80. www.nytimes.com.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 The Company. www.deloreanmuseum.org.
- ↑ Lamm, John (2003). DeLorean Stainless Steel Illusion, p. 130.
- ↑ "DeLorean Motor Files Bankruptcy". The New York Times. 26 de outubro de 1982..
- ↑ DeLorean, automobile executive, arrested in drug smuggling case (20 de outubro de 1982). The New York Times. Consultado o 19 de maio de 2021.
- ↑ Consolidated gets DeLorean Motor Co. assets. www.upi.com.
- ↑ Five things you might not know about DeLorean Motor Company. www.scotsman.com.
- ↑ DeLorean FAQ - Historic Information - DeLorean Production Numbers. www.dmcnews.com. Consultado o 20 de agosto de 2020.
- ↑ Montupet set for expansion as company is sold for £629m. www.belfasttelegraph.co.uk.
- ↑ Bright future at old DeLorean plant in Belfast. www.irishtimes.com.
- ↑ Canada's Linamar buys French auto parts maker Montupet. www.reuters.com.
- ↑ "Back to the future as DeLorean goes electric". BBC News. 1 de abril de 2012.
- ↑ Marc Noordeloos (23 de novembro de 2008). "Stephen Wynne, CEO of The De Lorean Motor Company". Automobile. Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 20 de novembro de 2021.
- ↑ CNET (16 de abril de 2015). You can still buy a brand new DeLorean, straight from the factory. YouTube.
- ↑ Inicio de DeLorean Motor Company.
- ↑ "Where did you get all those parts?". Delorean (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 31 de agosto de 2020.
- ↑ "El mítico DeLorean 'regresa al futuro". El País.
- ↑ Brand-New DeLorean Replicas Are on the Way. www.roadandtrack.com. Consultado o 17 de setembro de 2020.
- ↑ Low Volume Production of DeLorean Cars Arquivado 07 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. www.delorean.com. Consultado o 17 de setembro de 2020.