Dada Masiti
Nome orixinal | (ar) مانا ستي حبيب جمال الدين |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | década de 1810 Barawa, Somalia (pt) |
Morte | 15 de xullo de 1919 (99/109 anos) Barawa, Somalia (pt) |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Ocupación | poetisa, escritora |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, |
Mana Sitti Habib Jamaladdin (árabe: مانا ستي حبيب جمال الدين), nada en Barawa cara a década de 1810 e finada o 15 de xullo de 1919[1], foi unha poeta, mística e estudante do islam, máis coñecida como Dada Masiti ("Avoa Masiti"). Compuxo a súa poesía no dialecto bravanés da lingua suahili.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A súa familia, tanto por vía materna como paterna, tiña ascendencia do clan Ashraf Mahadali. A avoa materna da súa nai tamén pertencía á Ashraf de Ali Naziri, que tiña maior influencia na zona e era o maior dos dous subclans. Os Ashraf, cuxa liñaxe proviña do profeta Mahoma, establecéranse en Barawa a comezos do século XVII.[2]
O que se coñece dos primeiros anos de Dada Masiti sábese por tradición oral.[2] Segundo os seus parentes máis próximos, sendo adolescente foi raptada e levada a Zanzíbar co seu consentimento por un home que a familia dela rexeitara como posible pretendente. Fuxiron e casaron na illa Pate. A relación rompeuse pouco despois, e ela sufriu escravitude durante uns dez anos. Finalmente logrou escapar, e o seu curmán materno Omar Qullatten, que por entón residía en Zanzibar, rescatouna. A propia Dada Masiti parece confirmar esta versión dos acontecementos na súa poesía, xa que alude a que se deixara levar por atraccións mundanas e manifesta contrición e desexo de expiar as súas accións. Os seus poemas tamén mencionan a Omar Qullatten polo seu nome e solicitan repetidamente que Deus o bendiga. Dada Masiti nunca volveu casar e non tivo fillos.[2]
Dada Masiti comezou os seus estudos relixiosos co xeque Mohammed Janna al-Bahluli. Seguidora da Qadiriyya, a súa poesía demostra unha comprensión detallada do Corán e a Sunna. A poesía dedicada aos seus contemporáneos demostra que era respectada. O xeque Qasim Muhyiddin al-Barawi referiuse a ela como "un tesouro que debía ser celosamente preservado".[2] O seu poema máis famoso foi "Despois da vida, vén a morte: cando o xeque morre, ninguén debe chorar", composto para o seu amigo, o xurista e xeque Nureni Mohammed Sabir. Tamén compuxo "Shaikhi Chifa isiloowa", unha euloxía para o xeque Nurein Ahmed al-Sabir al-Hatimy.[3] Moitos dos seus contemporáneos comprometéronse a recordar a súa poesía, especialmente as mulleres. Os seus versos aínda figuran de xeito destacado nos anais poéticos de Barawa.[2]
Despois da súa morte, foi soterrada a carón da súa pequena casa en Barawa.[2] Cada ano celébrase na súa memoria unha ziyārah a modo de homenaxe.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Mohamed Kassim cita o seu ano de nacemento en 1219H (1804) e a súa data de defunción o 17 de shawal de 1339H (24 de xuño de 1921); véxase Kassim, M. (2001). "Dhikr Will Echo from All Corners: Dada Masiti and the Transmission of Islamic Knowledge". Bildhaan: International Journal of Somali Studies 2. pp. 104–120.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Vianello, A. (2012). "Dada Masiti". Dictionary of African Biography. Oxford University Press. pp. 150–151. ISBN 978-0-19-538207-5.
- ↑ John O. Hunwick; Rex Seán O'Fahey. The writings of the Muslim peoples of northeastern Africa. p. 68. ISBN 9789004109384.
- ↑ Berge, Lars; Taddia, Irma (2013). Themes in Modern African History and Culture. p. 75. ISBN 9788862923637.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Declich, F. (2001). "Sources on Islam Composed in the Vernacular: Somali Women's Religious Poetry". Islam in East Africa: New Sources. Rome: Herder. pp. 297–330.
- "Dhikr will Echo from All Corners: Dada Masiti and the Transmission of Islamic Knowledge" (en inglés).