Manuel Daniel Varela Buxán
![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de marzo de 1909 ![]() Lamas, España ![]() |
Morte | 25 de setembro de 1986 ![]() Cercio, España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | escritor ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Maruxa Villanueva ![]() |
![]() ![]() ![]() |
Manuel Daniel Varela Buxán, nado en Lamas (A Estrada) o 2 de marzo de 1909 e finado en Cercio (Lalín) o 25 de setembro de 1986, foi un escritor e director teatral galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Salouzáns (Lamas) o 2 de marzo de 1909, fillo de solteira de Ángela Buján Vilela, xornaleira que procedía de Merlán (Palas de Rei). Aos tres anos levárono para O Carballal (A Estrada) canda Pilar Figueiras, quen o coidou. Foi á escola da Unión de Rubín. En 1919 a súa nai Ángela casou con Jesús Varela, traballaron de caseiros en Lamas e marcharon despois para Vinseiro. Establecéronse definitivamente anos máis tarde no lugar das Pallotas da parroquia de Cercio. Ese mesmo ano de 1919 Manuel trasladouse a Cádiz co seu padriño, quen tiña un fritidor de peixe, e ficou alí durante dez meses. Con vinte e un anos viuse na obriga de emigrar para a Arxentina. En Buenos Aires fundou a compañía Aires da Terra. En 1938 estreou nesa cidade a súa primeira obra de éxito: Se o sei... non volvo á casa.[1] Editou con Xosé Tobío Mayo e Manuel García Gerpe a folla "Crisol Gallego" que saía publicada no xornal Sábado.[2]
Na Arxentina casou coa actriz Maruxa Villanueva, con quen fundou a Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva. En 1942 Daniel Castelao asistiu á representación da obra de Varela Buxán Pola Nosa Culpa. Marabillado do éxito de público co que contaba, confioulle á compañía a estrea da súa obra Os vellos non deben de namorarse. Precisamente, a representación desta obra alternaba cada dez días con outra de Varela Buxán, Taberna sen dono.
En 1950 retornou a Galiza[3] e instalouse en Cercio (Lalín). Exerceu como asistente técnico sanitario[4] e continuou desenvolvendo o seu labor teatral. Foi presidente da xunta de electrificación de Cercio e como tal participou no acto de despedida do gobernador civil Rafael Fernández Martínez en representación das xuntas locais de electrificación da provincia.[5] As súas obras non gozaron de edición escrita ata a década de 1970.
Faleceu en Cercio o 25 de setembro de 1986, aos 77 anos.
Temática e estilo
[editar | editar a fonte]O de Varela Buxán é un teatro que se adecúa sen problemas ao gusto do emigrante galego da época. Tratábase dunha dramática costumista, ruralista e folclórica de evocación do país. Con abondosas pasaxes cómicas, a súa creación teatral garda relación coa de Xavier Prado "Lameiro". Así mesmo, recolle a reivindicación dos problemas de Galiza.
Obras
[editar | editar a fonte]
- Taberna sen dono (editada en 1975).
- O ferreiro de Santán (editada en 1975).
- Se o sei... non volvo á casa (editada en 1977).[1]
- A xustiza do muiñeiro (editada en 1977).
- O cego de Fornelos (editada en 1981).
- Triste chegada (editada en 1981).
- Os casados de pouco (editada en 1981).
- ¿Pista ou peste? (editada en 1981).
- De mulleres non me fales (editada en 1981).
- ¡Meu pai! (editada en 1981).
- Salaios dun vello labrego (editada en 1981).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Galaxia. p. 426. ISBN 84-8288-365-8.
- ↑ "Galaxia publicará a novela inédita de Xosé Tobío Maio". Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2018. Consultado o 20 de maio de 2018.
- ↑ El Pueblo Gallego, 18-3-1950, p. 5.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ El Pueblo Gallego, 14-3-1961, p. 7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Daniel Varela Buxán ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Varela Buxán, Manuel". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Varela Buxán, Manuel Daniel". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Araúxo, Emilio (2021). O filósofo do arado (Varela Buxán). Toxosoutos. ISBN 84-7492-465-0.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.
- Luna Sanmartín, Xosé (ed.) (2000). Manuel D. Varela Buxán. O patriarca do teatro galego. Lalín: Seminario de Estudos de Deza. ISBN 84-607-1538-8.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.