Daría González
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Daría González García 1912 Pontevedra, España |
Morte | 20 de xaneiro de 1999 (86/87 anos) Pontevedra, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | política, profesora |
Partido político | Partido Galeguista Unidade Galega |
Familia | |
Fillos | Francisco Cerviño |
Pai | Bernardino González Paz |
Irmáns | Sebastián González García-Paz |
Daría González García, nada en Pontevedra en 1912 e finada na mesma cidade o 20 de xaneiro de 1999, foi unha mestra e política galega[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla de Bernardino González Paz e neta de Lino Enrique García Requejo, mestre e masón que introduciu en Galicia o sistema de ensino Froebel e publicou en 1887 o traballo Froebel y su sistema educativo.
Estudou o bacharelato en Pontevedra e ao rematar matriculouse na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filosofía e Letras (sección Historia) en 1935, sendo pioneira da presenza feminina na universidade. Foi unha das poucas mulleres que participaron no Seminario de Estudos Galegos como socia protectora, pois era irmá dun dos membros do SEG: Sebastián González García-Paz. Militou no Partido Galeguista desde 1932.
Non lle permitiron presentarse ás oposicións de Adxuntos de Instituto polos seus antecedentes políticos, polo que se pasou á Administración do Estado e pertenceu á primeira promoción de mulleres Técnico da Administración Civil do Estado, adscribiuse á Inspección de Traballo de Pontevedra. Tamén estudou Maxisterio e graduouse en 1949.
En 1950 creou en Pontevedra o Colexio Inmaculada co seu marido Francisco Cerviño, Blas Arias, Ángel Piñón, e as súas esposas, Pilar Torrado e Concha Cimadevila. Foi docente neste colexio ata 1954, logo exerceu como profesora nos institutos de Marín e Pontevedra.
Foi socia fundadora da Fundación Alexandre Bóveda, formou parte da xunta reitora da Fundación Castelao, estivo vinculada ao Museo de Pontevedra e tivo un destacado papel na cultura local pontevedresa.
Foi elixida concelleira de Pontevedra por Unidade Galega nas primeiras eleccións democráticas e foi tenente de alcalde de Cultura entre 1980 e 1983. Abandonou a política en 1983, logo do fracaso da súa candidatura no Partido Galeguista nas municipais de 1983.
Foi Premio Cidade de Pontevedra en 1988 e Premio Amigos de Pontevedra en 1989. O 1 de xuño de 2020 o CEIP Príncipe Felipe de Pontevedra pasou a chamarse CEIP Daría González García[2].
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Francisco Cerviño Xesteira, avogado e profesor de Historia, e tivo tres fillos: Francisco, Enrique e Carlos Cerviño González.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ María Xesús López Escudeiro. "Daría González García". Do Gris ao Violeta.
- ↑ María José Pita (2 de xuño de 2020). "Daría González dá nome ao antigo CEIP Príncipe Felipe". Pontevedra Viva. Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2023. Consultado o 07 de outubro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Sebastián González García-Paz (irmán)