David Díaz Rodríguez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de novembro de 1896 Lourenzá, España |
Morte | agosto de 1936 (39 anos) Cañete de las Torres, España |
Actividade | |
Ocupación | sindicalista, xornalista |
David Díaz Rodríguez, nado en Lourenzá o 7 de novembro de 1896 e finado en Cañete de las Torres en agosto de 1936, foi un sindicalista, xornalista e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de familia obreira, era o menor de catro irmáns e aos once anos ingresou no Seminario de Mondoñedo pola “cota de pobres”. Aos 16 anos escapou do seminario e integrouse en grupos anarquistas. Aos vinte anos emigrou a Cuba e aos Estados Unidos de América utilizando o pseudónimo Dello Danel. Repatriado de Cuba en 1919, desembarcou en Vigo e tratou de levar adiante os periódicos El Combate e El Látigo, sen éxito. Marchou a La Línea de la Concepción, onde dirixiu unha publicación bisemanal, pero foi deportado a Lugo en 1920.[1] Marchou á Coruña onde participou na creación da Juventud Libertaria e da Biblioteca Libertaria. Dirixiu a última etapa de La Voz del Obrero, colaborou en Lucha Social e foi correspondente de España Nueva. Foi desterrado a Buenavista de Valdavia en 1920 pero fuxiu para regresar a Coruña. Colaborador habitual do semanario Nueva Senda, foi procesado por delitos contra o libre exercicio do culto e por delito de imprenta. Entre 1922 e 1923 apareceu por terras de Levante e Andalucía acompañando a José Alberola e José Sánchez Rosa nunha xira de afirmación anarquista.
Estableceuse en Belmez e Peñarroya-Pueblonuevo dende 1922, e dirixiu o periódico Carnaval de Peñarroya-Pueblonuevo. Durante a ditadura de Primo de Rivera dedicouse á educación dos fillos dos xornaleiros fundando o centro de ensinanza racionalista "Luz y Vida" co anarquista Aquilino Medina, e dirixiu o semanario dominical Don Quijote. Participou na enquisa anarquista organizada polo grupo Los Iconoclastas de Steubenville (Ohio). Pouco antes da II República colaborou en El Pueblo, Estudios e El Amigo del Pueblo de Azuaga e foi correspondente do periódico Nosotros en Peñarroya. Publicou folletos na Editorial de Renovación Proletaria de Peñarroya-Pueblonuevo e noutras de Barcelona. Entre 1926 e 1927 viviu durante uns meses unha activa vida pública en Carlet afastado da familia. Na República foi redactor de La Voz de Córdoba. Abandonou definitivamente Peñarroya-Pueblonuevo cara 1932. Convertido en activo propagandista republicano polos concellos de Córdoba, o desencanto sufrido logo dos sucesos de Casas Viejas e a folga xeral revolucionaria de 1934 impulsárono á militancia no Partido Radical de Lerroux, que o designou administrador de Arbitrios no concello de Cañete de las Torres. Alí foi asasinado por republicanos incontrolados a finais de agosto de 1936.
Obras
[editar | editar a fonte]É autor de varios folletos editados en Barcelona e Andalucía:
- La bancarrota del socialismo, 1924.
- En tiempos de batalla.
- El triunfo del amor, 1926.
- Ética y estética, 1927.
- Volver a vivir, 1927.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Progreso, 12-2-1920, p. 6.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández, Eliseo; Pereira, Dionisio (2004). Positivas, ed. O anarquismo na Galiza. Santiago de Compostela. pp. 88–89. ISBN 84-87783-79-1.
- López Mohedano, Jerónimo (2016). Diputación de Córdoba, ed. Crónica de Córdoba y sus pueblos XXIII. La prensa peñarriblense -y su gente- desde la dictadura a la guerra civil (PDF). Córdoba. pp. 444–447. ISBN 978-84-8154-535-7.