Saltar ao contido

Decreto Orovio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O marqués de Orovio, que promoveu o decreto que leva o seu nome en contra da liberdade de cátedra.

O decreto Orovio foi un Real Decreto promulgado do día 26 de febreiro de 1875 a solicitude do ministo de Fomento Manuel Orovio Echagüe, marqués de Orovio,[1] ao rei Afonso XII. Unha vez promulgado o real decreto emitiuse unha circular o mesmo día da súa presentación. O decreto abolía a liberdade de cátedra na ensinanza, apoiaba a confesionalidade do estado e identificaba a orde relixiosa coa política. A circular que se enviou seguidamente aos reitores universitarios, ordenáballes expedientar con "escrupuloso celo" a todos os profesores que se desviasen do estipulado no decreto.

O goberno de Narváez enfrontouse en 1864 ao estamento académico máis progresista ao emitir unha circular que prohibía que nas universidades ou fóra delas os catedráticos emitisen opinións por calquera medio contrarias ao Concordato de 1851 ou defendesen, entre outras, as posicións do krausismo ou criticasen a monarquía ou o sistema político vixente, o que levou a expulsar das súas respectivas cátedras (por destitución ou dimisión), entre outros, aos profesores Nicolás Salmerón e Emilio Castelar, famosos krausistas, o que sería un dos detonantes da Revolución de 1868, coñecida como a Gloriosa.

Entre o 10 de xullo de 1866 e o 23 de abril de 1868 Manuel Orovio foi ministro de Fomento designado polo conservador xefe de goberno, xeneral Ramón Narváez. En 1866 sendo el ministro aprobouse un real decreto sobre reforma da educación.[2]

Posteriormente, entre o 31 de decembro de 1874 e o 12 de setembro de 1875, Orovio foi novamente ministro de Fomento nun gabinete de Antonio Cánovas del Castillo, período no que se aprobou o Real decreto de 1875 do que trata este artigo, polo que volveu a enfrontarse co profesorado universitario krausista e impuxo a separación da súa cátedra de Francisco Giner de los Ríos, que acabou sendo confinado no castelo de Santa Catalina (Cádiz). Esta foi a chamada segunda cuestión universitaria, e motivou a formación da Institución Libre de Ensinanza.

En Galicia foron destituídos os profesores Augusto González Linares e Laureano Calderón Arana (que non eran galegos) por ensinaren a evolución darwinista na Universidade de Santiago de Compostela.[3][4]

Proxecto de oposición ao R.D. formulado para unha exposición colectiva

[editar | editar a fonte]

Ante o Real decreto e subseguinte circular, Gumersindo Azcárate, con algúns dos seus colegas, elaboraron un primeiro proxecto de desacordo, resposta e oposición, redactado nun formato colectivo e que con lixeiras variantes e ampliacións presentou ao ministro de Fomento Manuel Orovio Echagüe.

O preámbulo deste primeiro proxecto dicía así:

"Excmo. Sr. Ministro de Fomento: Os Profesores que suscriben, de todo conformes no modo de estimar a función á que están consagrados e no firme propósito de manter a dignidade da mesma, malia as diferentes crenzas relixiosas, doutrinas científicas e opinións políticas que profesan, vense obrigados a acudir á V. E. con motivo do decreto e circular de 26 do mes próximo pasado, para facer constar respectuosamente a actitude que cren en conciencia deber adoptar ante estas disposicións oficiais".

Derrogación

[editar | editar a fonte]

O decreto Orovio foi derrogado pola Real Orde de 3 de marzo de 1881, cando chegaron ao goberno os liberais de Sagasta[5] con José Luis Albareda como ministro de Fomento. Este solucionou a chamada "cuestión universitaria" adoptando diversas medidas como: repoñer nas súas cátedras profesores expedientados como Francisco Giner de los Ríos, Eugenio Montero Ríos, Gumersindo de Azcárate, Segismundo Moret, e Laureano Figuerola, entre outros[6]; aceptar, oficialmente, a liberdade de cátedra sen máis límites que a lei ordinaria e, tamén, conseguir a colaboración de órganos pedagóxicos privados e persoeiros anteriormente penalizados como Giner de los Ríos.[7]

  1. Biografías y vidas. Manuel Orovio
  2. Ministerio de Fomento de España. Reforma de los estudios de segunda enseñanza. Real decreto de 9 de octubre de 1866
  3. Xosé Antón Fraga Vázquez. "Aportación ao estudo da polémica darwinista na Galiza do século XIX." (PDF). 
  4. Francisco Díaz Fierros (coordinador). (2009). O darwinismo e Galicia. Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. ISBN 9788498872651. 
  5. Legislación y documentos de enseñanza superior - Alma mater hispalense. Derogación de la Circular de Orovio en 1881
  6. José Andrés Gallego. Historia general de España y América Google books. Páxina 245. [1] Arquivado 16 de setembro de 2016 en Wayback Machine.
  7. Suárez Fernández, Luis (1982). Historia general de España y América. Revolución y restauración (1868-1931). Vol. XVI-I. Madrid: Ediciones RIALP. p. 245. ISBN 84-321-2113-4. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]