Deep Space Climate Observatory
DSCOVR / Deep Space Climate Observatory | |
---|---|
DSCOVR | |
Tipo | Observación terrestre e solar |
Fabricante | Swales Aerospace |
Organización | NASA |
Destino actual | En funcionamento.[1][2][3] |
Data de lanzamento | 11 de febreiro de 2015, 23:03 GMT[1][4][5][6] |
Foguete portador | Falcon 9[1][3] |
Sitio de lanzamento | Cabo Cañaveral, rampla 40[1][2] |
Obxectivo da misión | Estudo das partículas e campos magnéticos solares e da superficie terrestre.[1][2] |
NSSDC ID | 2015-007A |
Masa | 570 kg[1] |
DSCOVR, acrónimo de Deep Space Climate Observatory e que inicialmente ía ser nomeado como Triana, é un satélite artificial da NASA lanzado o 11 de febreiro de 2015 mediante un foguete Falcon 9 desde Cabo Cañaveral para estudar os campos e partículas solares e a superficie terrestre. Foi alcumado informalmente como Goresat debido a que foi un proxecto impulsado polo daquela vicepresidente dos Estados Unidos Al Gore.[1][2][3]
Características
[editar | editar a fonte]DSCOVR foi posto en órbita arredor do punto L1 de Lagrange do sistema Terra-Sol, a uns 1,5 millóns de km da Terra en dirección ao Sol. Desde esa posición o satélite permanece fixo desde o punto de vista da Terra e pode facer observacións continuas, sendo o primeiro satélite de observación terrestre en observar desde ese tipo de órbita.[1][2][3]
O satélite debía ser lanzado durante a misión STS-107 do transbordador espacial en 2003, pero varios atrasos levaron á súa cancelación en 2006. O satélite foi mantido en almacenamento. En 2012 o proxecto reavivouse e iniciouse o proceso para elixir un foguete con que envialo á súa órbita de traballo. Ese mesmo ano gañou a proposta de lanzalo mediante un Falcon 9, con data de lanzamento en 2014. Tras un atraso de varios meses o satélite engalou en febreiro de 2015.[1][2][3]
Instrumentos
[editar | editar a fonte]O satélite leva tres instrumentos científicos a bordo:[1][2][3]
- Scripps-NISTAR: conxunto de tres radiómetros para medir o balance enerxético da Terra, a diferenza entre a enerxía solar incidente e a reflectida pola Terra.
- Scripps-EPIC: cámara con espectrorradiómetro de dez canais para medir o ozono atmosférico e a cantidade de aerosois, as características das nubes e os cambios na superficie terrestre e oceánica.
- PlasMag: instrumento que funciona como magnetómetro, copa de Faraday e espectrómetro de electróns para medir o vento solar e o campo magnético. Serve tamén como alerta para tormentas solares.
- Pulse Height Analyzer (PHA): monitoriza o efecto das partículas de alta enerxía na electrónica do satélite.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 NASA (5 de setembro de 2019). "DSCOVR" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Mark Wade (2020). "DSCOVR" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "DSCOVR (Triana)" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ N2YO (2020). Real Time Satellite Tracking, ed. "DSCOVR" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ Claude Lafleur (2020). "DSCOVR" (en inglés). Consultado o 4 de xaneiro de 2020.
- ↑ "Note verbale dated 18 December 2015 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (16-00587 (E)). 3 de febreiro de 2016: 4. Consultado o 24 de novembro de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Deep Space Climate Observatory |