Saltar ao contido

Didáctica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estudantes facendo un exame nunha aula
Estudantes facendo un exame na Universidade de Viena.

A Didáctica é a disciplina científico-pedagóxica que ten como obxecto de estudo os procesos e elementos existentes no ensino e a aprendizaxe. É, xa que logo, a parte da pedagoxía que se ocupa dos sistemas e métodos prácticos de ensino destinados a plasmar na realidade as directrices das teorías pedagóxicas. Moi vinculada con outras disciplinas pedagóxicas como, por exemplo, a organización escolar e a orientación educativa, a didáctica pretende fundamentar e regular os procesos de ensino e aprendizaxe.

Considérase o nacemento desta disciplina a partir da publicación da Didactica Magna (1633) de Comenio (1592-1670), aínda que conta con numerosos antecedentes desde a Idade Antiga como a Maiéutica de Sócrates (469-399 AEC).

Compoñentes do acto didáctico

[editar | editar a fonte]

Os compoñentes que actúan no acto didáctico son:

O currículo é un sistema de vertebración dos procesos de ensino e aprendizaxe e ten fundamentalmente catro elementos constitutivos: Obxectivos, Contidos, Métodoloxía e Avaliación. A didáctica pódese entender como pura técnica ou ciencia aplicada e como teoría ou ciencia básica da instrución, educación ou formación. Os diferentes modelos didácticos poden ser modelos teóricos (descritivos, explicativos, preditivos) ou modelos tecnolóxicos (prescriptivos, normativos)...

Modelos didácticos

[editar | editar a fonte]

A historia da educación mostra a enorme variedade de modelos didácticos que existiron. A maioría dos modelos tradicionais centrábanse no profesorado e nos contidos(modelo proceso-produto). Os aspectos metodolóxicos, o contexto e, especialmente, o alumnado, quedaban nun segundo plano. Como resposta ó verbalismo e ó abuso da memorización típica dos modelos tradicionais, os modelos activos (característicos da escola nova) buscan a comprensión e a creatividade, mediante o descubrimento e a experimentación. Estes modelos adoitan ter unha formulación máis científica e democrática e pretenden desenvolver as capacidades de autoformación (modelo mediacional). A aplicación das ciencias cognitivas á didáctica permitiu que os novos modelos didácticos sexan máis flexibles e abertos, e mostren a enorme complexidade e o dinamismo dos procesos de ensino-aprendizaxe.(modelo ecolóxico)

Ámbitos da Didáctica

[editar | editar a fonte]

Caben distinguir diversos ámbitos didácticos:

  • Didáctica xeral, aplicable a calquera individuo, materia ou campo de intervención.
  • Didáctica diferencial, que ten en conta as diferenzas na evolución e características do individuo.
  • Didáctica especial ou específica, que estuda os métodos específicos de cada materia ou campo de intervención como no exemplo da Didáctica da Lingua.

Análise do acto didáctico

[editar | editar a fonte]

Unha situación de ensino pode ser observada a través das relacións que se xogan entre estes tres polos: mestre, alumno, saber, analizando:

  • A distribución dos roles de cada un,
  • O proxecto de cada un,
  • As regras de xogo: que está permitido?, que é o que realmente se demanda, que se espera, que hai que facer ou dicir para demostrar que se sabe.

Moi esquematicamente descríbense tres modelos de referencia:

1. O modelo chamado "normativo, reprodutivo ou pasivo" (centrado no contido).
  • O ensino consiste en transmitir un saber aos alumnos. A pedagoxía é entón a arte de comunicar, de "facer pasar un saber".
  • O mestre mostra as nocións, introdúceas, prové os exemplos.
  • O alumno, en primeiro lugar, aprende, escoita, debe estar atento; logo imita, adéstrase, exercítase e ó final, aplica.
  • O saber xa está acabado, xa esta construído.
2. O modelo chamado "incitativo, ou xerminal" (centrado no alumno).
  • O mestre escoita ó alumno, sucinta a súa curiosidade, axúdalle a utilizar fontes de información, responde ás súas demandas, busca unha mellor motivación (medios centros de interese de Decroly, cálculo vivo de Célestin Freinet).
  • O alumno busca, organiza, logo estuda, aprende (normalmente de xeito próximo ó que é o ensino programado).
  • O saber está ligado ás necesidades da vida, da contorna (a estrutura propia dese saber pasa a un segundo plano).
3. O modelo chamado "aproximativo ou construtivo" (centrado na construción do saber polo alumno).
  • Proponse partir de modelos, de concepcións existentes no alumno e pólas a proba para melloralas, modificalas, ou construír novas.
  • O mestre propón e organiza unha serie de situacións con distintos obstáculos (variables didácticas dentro destas situacións), organiza as diferentes fases (acción, formulación, validación, institucionalización), organiza a comunicación da clase, propón no momento adecuado os elementos convencionais do saber (notacións, terminoloxía).
  • O alumno ensaia, busca, propón solucións, as confronta coas dos seus compañeiros, deféndeas ou as discute.
  • O saber é considerado en lóxica propia.

A metodoloxía

[editar | editar a fonte]
Catro dados de cores ensinando as seis caras posibles
O azar, como o uso de dados, é un excelente recurso para ludificar.

A metodoloxía é o centro procedimental da Didáctica na aula. Segundo se organicen os compoñentes do acto didáctico e o protagonismo que teña cada un deles, darán lugar a metodoloxías diversas. Así nacen por exemplo metodoloxías como:

Tamén constitúen metodoloxías diferenciadas segundo os medios utilizados como no caso da aprendizaxe en liña.

Noutros casos, algúns autores ou autoras foron quen de deseñar unha metodoloxía con imaxe propia dándolle o seu nome a esa proposta didáctica. Así encontramos exemplos como:

Principios didácticos

[editar | editar a fonte]
Tabuleiro de parchís
Os xogos de mesa son excelentes recursos para a aprendizaxe. Tabuleiro de parchís.

Entendemos por principios didácticos as pautas ou directrices que deben dirixir o desenvolvemento dos procesos de ensino-aprendizaxe. Apóianse nos riscos do alumnado, as competencias docentes, así como os obxectivos e os contidos de aprendizaxe. Tivo unha especial relevancia na orientación máis progresista e avanzada da didáctica o movemento pedagóxico de finais do século XIX e inicios do século XX chamado a Escola Nova. Como principais principios didácticos herdados daquela corrente, podemos citar:

  • O principio de actividade, coñecido en inglés como learning by doing, que propón estimular a aprendizaxe coa realización de tarefas.
  • O principio de socialización, desenvolvendo as relacións persoais e habilidades de comunicación na comunidade de situación.
  • O principio de proximidade, que sitúa as aprendizaxes no contexto e a vida do aprendiz, vinculándoas coa súa realidade envolvente e o seu día a día.
  • O principio de autonomía, dotando ao alumnado de capacidade para decidir e organizar por si mesmo a aprendizaxe.
  • O principio de motivación, tratando de estimular os intereses propios dos aprendices (motivación intrínseca) e de proporcionar reforzos externos (motivación extrínseca).
  • O principio de intuición, facilitando a percepción, vivencia e experiencia directa coa realidade de estudo e as situacións de aprendizaxe.
  • O principio de flexibilidade, proporcionando opcións e capacidade para elixir entre diversas opcións ou organizar os tempos de aprendizaxe.
  • O principio de ludificación, ofrecendo situacións lúdicas e divertidas para facilitar a comprensión e o desenvolvemento das competencias.

Todos eles deben combinarse situando o discente (alumno/aprendiz/estudante/usuario) no centro do proceso didáctico.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]