Dinastía Xia
Historia da China | |
---|---|
Os Tres Augustos e os Cinco Emperadores | |
2205 a.C. | Dinastía Xia |
-1570 | Dinastía Shang |
-1046 | Dinastía Zhou |
-722 | Primaveras e Outonos |
-453 | Reinos combatentes |
-221 | Dinastía Qin |
-206 | Dinastía Han occidentais |
9 | Dinastía Xin |
25 | Dinastía Han orientais |
220 | Tres Reinos |
265 | Dinastía Jin e |
304 | Dezaseis Reinos |
420 | Dinastías do Norte e do Sur |
581 | Dinastía Sui |
618 | Dinastía Tang |
690 | Dinastía Zhou |
907 | As Cinco Dinastías e os Dez Reinos |
960 | Dinastía Song |
907 | Dinastía Liao |
1032 | Dinastía Xixia |
1115 | Segunda dinastía Jin |
1234 | Dinastía Yuan |
1368 | Dinastía Ming |
1644 | Dinastía Qing |
1912 | República da China |
1949 | República popular |
Taiwan |
A dinastía Xia (chinés: 夏, pinyin: Xià, Wade-Giles: Hsia), que segundo as crónicas chinesas durou dende o século XXI a. C. ao século XVI a. C., é considerada como a primeira dinastía na historia chinesa. As memorias históricas de Sima Qian recollen os nomes dos 17 reis desta dinastía. Foi seguida pola dinastía Shang e, segundo o relato de Sima Qian, precedida polo período lendario dos tres augustos e cinco emperadores.
O carácter 夏 desta dinastía forma parte do nome da rexión chinesa actual de Ningxia, e aparece tamén no nome poético da China Huáxià (華夏).
Verosimilitude da dinastía Xia
[editar | editar a fonte]Con anterioridade ás escavacións feitas en 1928 en asentamentos da idade de bronce en Anyang, provincia de Henan, non había indicios arqueolóxicos da existencia dos Xia. Daquela, numerosas escavacións confirman a existencia dunha cultura do bronce que pode identificarse cos Xia. En 1959, escaváronse as ruínas de Erlitou, na cidade de Yanshi (Henan), nas que se atoparon dous grandes pazos e que se cre que puido ser a capital da dinastía. Segundo a datación co carbono-14 poden pertencer ao ano -2100 ou -1800.
Independentemente da verosimilitude das historias lendarias sobre os reis Xia que aparecen escritas en crónicas moi posteriores, coma a de Sima Qian, pódese considerar á civilización Xia coma un período evolutivo de transición entre as culturas neolíticas, coma a de Longshan, e a sociedade urbana dos Shang. Na interpretación marxista da historia que fora habitual na República Popular Chinesa, a sociedade Xia está considerada unha sociedade escravista.
O territorio controlado polos Xia abarcaría aproximadamente a actual provincia de Henan e parte do oeste de Shandong e do sur de Hebei.
Historia da dinastía
[editar | editar a fonte]Segundo as crónicas chinesas, antes da dinastía Xia establecérase unha especie de alternancia no poder entre as varias tribos que ocupaban a zona. Á morte de Yu o Grande, primeiro emperador da dinastía, debía sucedelo no poder a tribo Yi, mais foi o seu fillo Qi o que se fixo co poder. As demais tribos declararon a guerra aos Xia que, tras vencelas, instaurou a dinastía. Non obstante, os demais pobos non admitirían este control dos Xia, polo que as guerras serían constantes. O derradeiro rei Xia, Jie (桀, Jié), foi un tirano, cuxo reinado cruel acabou coa derrota militar ante os Shang, pobo procedente do leste, cuxo líder, Tang (湯, Tāng), fundou a nova dinastía.
Reis da dinastía Xia
[editar | editar a fonte]Segundo As memorias históricas de Sima Qian, os dezasete soberanos da dinastía Xia foron os siguintes:
Orde de reinado |
Anos de reinado |
Nome en chinés |
Pinyin | Notas |
---|---|---|---|---|
1 | 45 | 禹 | Yǔ | Tamén chamado Yu o Grande (大禹, Dà Yǔ) |
2 | 10 | 啟 | Qǐ | |
3 | 29 | 太康 | Tai Kang | |
4 | 13 | 仲康 | Zhòng Kāng | |
5 | 28 | 相 | Xiāng | |
6 | 21 | 少康 | Shǎo Kāng | |
7 | 17 | 杼 | Zhù | |
8 | 26 | 槐 | Huái | |
9 | 18 | 芒 | Máng | |
10 | 16 | 泄 | Xiè | |
11 | 59 | 不降 | Bù Jiàng | |
12 | 21 | 扃 | Jiōng | |
13 | 21 | 廑 | Jǐn | |
14 | 31 | 孔甲 | Kǒng Jiǎ | |
15 | 11 | 皋 | Gāo | |
16 | 11 | 發 | Fā | |
17 | 52 | 桀 | Jié | Tamén chamado Lu Gui (履癸, Lǚ Guǐ) |
O nome do reinado é ás veces precedido polo da dinastía. Por exemplo: Xia Yu (夏禹).