Saltar ao contido

Disco celeste de Nebra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O disco celeste de Nebra, descuberto en Alemaña é unha das representacións máis antigas que se coñecen da bóveda celeste.[1]
Estado orixinal: á esquerda a lúa chea, á dereita o cuarto crecente, na parte de arriba, entre as lúas, atópanse as Pléiades (Todas as representacións están simplificadas)
Segundo estado: complétase cos arcos do horizonte para a saída do sol e o Solpor. Estrelas individuais foron desprazadas ou cubertas
Terceiro estado: completada coa barca solar
Estado actual: o arco do horizonte da esquerda xa faltaba cando se agochou o disco, os buracos do bordo xa existían. Os danos na parte superior esquerda e na lúa chea foron causadas por mor dos escavadores
Solsticio de verán: apuntando do monte Mittelberg ao monte Brocken axústase o disco. Amósase o Solpor
Comezo do outono e da primavera: vista da posta do Sol no equinoccio. O monte Brocken está neste momento a 41° á dereita do Sol.
Solsticio de inverno: a posta do Sol alcanza o seu punto máis ao sur. O monte Brocken está a 82° á dereita do Sol.

O disco celeste de Nebra é, ata o presente, a representación máis antiga que se coñece da bóveda celeste e dos fenómenos astronómicos. Trátase dun achado arqueolóxico descuberto no ano 1999 no monte Mittelberg, preto de Nebra (estado de Saxonia-Anhalt, Alemaña). É unha placa de bronce, case redonda, que pesa preto de 2 kg e ten aproximadamente un diámetro de 32 cm. Pertence a unha cultura de hai 3.600 anos cuxos coñecementos en astronomía proviñan de Alemaña. Os expertos din que representa o firmamento, con representacións de elementos abstractos.

Atópase hoxe no museo de Prehistoria do estado de Saxonia-Anhalt na cidade de Halle (Saale).

Historia do descubrimento

[editar | editar a fonte]

No verán de 1999, Harry W. e Mario R. dedicábanse a buscar municións e armas militares no bosque de Ziegelroda (a parte forestal do monte Mittelberg, de 252 metros de altura), coa axuda de detectores de metais. Foi así como bateron, sen sospeitar a súa importancia, cos restos dunha civilización prehistórica que máis tarde se dataría en 1.600 anos a.C. Os achados foron os seguintes: un disco cravado verticalmente no chan, canda dúas espadas, dúas machetas, uns brazaletes e un escoupro; todo iso rodeado por grandes pedras que protexían o depósito. Tralo achado non deron importancia ningunha ao disco, mais o resto vendérono no mercado negro por 31.000 marcos (16.000 euros do ano 2000).

Houbo un comprador, que ofreceu aos museos de prehistoria de Berlín e Múnic os obxectos atopados. Foi entón cando o director do museo de Berlín, Wilfried Menghin recibiu unhas fotos nas que se vía o disco celeste bastante sucio e algunhas pezas máis. Por todo iso, o mercador anónimo pedía un millón de marcos alemáns. Menghin contestou que o propietario lexítimo do tesouro prehistórico era o patrimonio nacional e que, xa que logo, debían dirixirse ao Museo de Prehistoria de Múnic. Logo desta conversa, o achado desapareceu por un tempo.

No ano 2002 outras persoas acoden a Menghin con propostas de venda, pero nesta ocasión o director do museo non quixo perder de novo a pista e acodiu ao Ministerio de Cultura de Saxonia-Anhalt, que á súa vez deu parte do suceso á policía. Trala investigación policial logrouse poñer a salvo o disco celeste e unha das espadas. Máis tarde atoparon todo o demais tras un rexistro en casas particulares de Alemaña. En setembro dese mesmo ano, os implicados foron detidos e condenados a unha multa ou arresto menor. Foi neste intre cando os descubridores do tesouro fixeron unha confesión en regra, revelando o lugar e as circunstancias do achado.

Lugar do descubrimento

[editar | editar a fonte]

O asentamento atopouse, segundo confesión dos implicados, no bosque de Ziegelrodaer. Fixéronse análises químicas do chan que coincidiron cos feitos na terra que estaba adherida no disco celeste; deste xeito os arqueólogos puideron confirmar que os descubridores dixeran a verdade. O monte Mittelberg é tradicionalmente rico en sitios arqueolóxicos de varias etapas da humanidade e ofrece un dos recintos europeos con maior densidade de soterramentos da Idade de bronce; calcúlanse uns 800 túmulos.

A partir dese intre, a oficina federal de Saxonia-Anhalt impulsou unha campaña para a escavación do lugar que obtivo moi bos resultados. Descubriuse que non se trataba de ningún soterramento senón dun depósito onde se abandonaron as pezas dentro dunha cista (vaso metálico con tapa que se empregaba para gardar obxectos preciosos), sen ningunha orde. Este tipo de depósito adoita ser bastante común entre os homes da Idade de Bronce e coñécense bastantes exemplos. Crese que poidan ser ofrendas aos deuses.

Ao redor da cista había unha muralla circular e lisa, de 160 m de diámetro. O seu estudo amosou que fora ergueita un milenio logo da fabricación do disco, na Idade de Ferro, quizais no intre do depósito. Descubriuse tamén que non había pegadas de asentamento de ningún pobo e que o lugar non tiña sinal de ser unha fortificación. As conclusións finais foron que se trataba dun punto escollido para culto relixioso, pola súa extraordinaria localización e as súas relacións astronómicas.

Descrición do disco celeste

[editar | editar a fonte]

Ten un diámetro de 31 por 32 cm e un grosor que medra dende o exterior ata o interior, desde 1,5 mm a 4,5 mm. Está arqueado e é lixeiramente cóncavo. Pesa 2.050 g. Non se sabe cal era a súa cor orixinal pois ao cabo de 3.600 anos de estar soterrado adquiriu unha coloración verdosa por mor do revestimento do carbonato de cobre. Atopouse no chan, en posición vertical e co seu anverso orientado cara ao norte.

O estudo feito sobre o disco celeste atopado veu demostrar que non era exactamente o orixinario, senón que sobre este se fixeron unha serie de modificacións ao longo dos anos segundo os coñecementos e quizais tamén ao seu uso. Puidéronse constatar ata 4 fases:

  • Incrustación dun disco solar, máis unha lúa crecente, máis 32 estrelas.
  • Incrustación de disco solar, máis lúa crecente, máis 30 estrelas, máis dous arcos no horizonte orientados leste-oeste.
  • Incrustación de 30 estrelas, máis lúa crecente, máis disco solar, máis unha nave entre os dous arcos do horizonte.
  • O mesmo disco que o anterior, coa variante das perforacións do bordo. Son 38 trades, realizados dende o anverso e distribuídos en espazos regulares, o que podería supoñer un intento de periodización. Pode verse moi ben no anverso o traballo levado a cabo para facer os buracos. Estes trades veñen demostrar que o uso do disco tamén sufriu diversas modificacións.

Os arcos do horizonte que foron engadidos e nalgún punto ata taparon algunhas estrelas das fases anteriores, son característicos da época do neolítico e puidéronse ver en bastantes sitios arqueolóxicos. Amosan o coñecemento avanzado daquelas xentes no eido da astronomía. Un dos arcos representa a saída do sol e o outro o solpor. O ángulo que abranguen, oitenta e dous graos, equivale ao ángulo que forman o orto e o solpor solar entre o solsticio de inverno e o de verán na latitude no que foi atopado.

A barca solar (da que existen versións para o deus grego Helios ou para o exipcio Ra) ten máis relación coa relixión que coa astronomía. Atópase como símbolo en toda Europa, en asentamentos que corresponden á Idade de Bronce e adoita ser frecuente nas pinturas rupestres de Escandinavia. Está representada como un arco dourado e plumeado.

As estrelas tamén foron obxecto de estudo e de especulación. As Pléiades son visibles dende Centro Europa dende a Idade de bronce e aparecen citadas como tales estrelas nos calendarios de varias culturas en todo o mundo. Mais canda esta interpretación xurdiron controversias e opinións dispares. Os arqueoastrónomos saben que dende Centroeuropa e xa dende a Idade de Bronce podían verse tres grupos de estrelas: Pléiades, Presebe e Delfín. Conforme a estes tres grupos, algúns astrónomos supuxeron que a constelación representada no disco debía atoparse preto da eclíptica, xa que logo queda descartado o Delfín; mais as outras dúas, Pléiades e Presebe, son suficientemente próximas á eclíptica. Wolfhard Schlosser, catedrático de Astronomía, decantouse pola interpretación das Pléiades, constelación que se sabe que, polo menos na Grecia arcaica, servía de marcador para a confección do calendario agrario. O tema de devandita interpretación baséase pois en suposicións e especulacións coas que moitos outros astrónomos e profesores non están de acordo. No que si están todos de acordo é en sinalar que o disco de Nebra é un obxecto precioso que debeu ter un gran valor decorativo e ritual.

As espadas

[editar | editar a fonte]

As espadas aparecidas xunto ao disco celeste son dunha gran calidade. As empuñaduras e as follas están traballadas con grande esmero e decoradas coa mesma técnica que o disco. O contraste de cores fai que o efecto decorativo sexa moi atractivo.

  1. "Disco celeste de Nebra". Deutsche Welle 22.02.2006 (en español). 2006. Arquivado dende o orixinal o 05/08/2008. Consultado o 10/06/2008. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Declaracións feitas á revista Investigación y Ciencia (Prensa Científica) por:

  • Harald Meller, arqueólogo do Land de Saxonia-Anhalt, director do museo de Prehistoria de Halle (Saale), coordinador, investigador e restaurador do disco celeste de Nebra.
  • Wolfhard Schlosser, catedrático de Astronomía da Universidade de Bochum no Ruhr. Estudoso dos coñecementos astronómicos na prehistoria.
  • María García Esperón. El Disco del Cielo (novela). México, 2006.
  • Arturo Ortega Blake. Nebra. Historia de los lectores de astros de la edad de bronce (novela). Grijalbo. México, 2008. (Finalista Premio Azorín de novela 2006).

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]