Dukla Praga
Nome | Dukla Praha | ||
---|---|---|---|
Fundación | 1948 | ||
Desaparición | 1996 | ||
Estadio | Stadion Juliska, Praga, República Checa | ||
Inauguración | 1960 | ||
Capacidade | 18.000 | ||
|
O Dukla Praga (en checo: Dukla Praha) foi un club de fútbol checo da cidade de Praga. Fundado en 1948 co nome de ATK Praha, gañou un total de 11 títulos da liga checoslovaca e oito Copas de Checoslovaquia, e na tempada 1966/67 acadou as semifinais da Copa de Europa. Xa en 1985/86 chegou ás semifinais da Recopa de Europa. Achegou sete xogadores á selección de Checoslovaquia que quedou subcampioa na Copa do Mundo de 1962 en Chile, nun ano no que o club gañou o quinto dos seus títulos de liga nacional e no que ademais o seu xogador Josef Masopust recibiu o Balón de Ouro.
Historia
[editar | editar a fonte]O Dukla Praga foi fundado en 1948 co nome de Armádní tělovýchovný klub Praha, abreviado como ATK Praha, e comezou a súa traxectoria na máxima división do fútbol checoslovaco.[1][2] Estaba dirixido polo exército checoslovaco e contaba con seccións de sete deportes diferentes.[3] O club cambiou o seu nome a Ústřední dům armády Praha ou UDA Praha en 1953, e esa mesma tempada gañou o primeiro dos seus 11 títulos da liga checoslovaca.[1][2] Repetiu título en 1956, ano no que mudou o seu nome a Dukla Praha, en homenaxe aos caídos na batalla do paso de Dukla en 1944.[2] Na tempada 1957/58 proclamouse campión checoslovaco por terceira vez, segunda consecutiva.
Na tempada 1960/61 naceu a Copa de Checoslovaquia e o Dukla Praga foi o seu primeiro campión, ao derrotar na final ao Dynamo Žilina, título ao que sumou unha cuarta liga ese mesmo ano.[2][4] O club estivo a piques de conquistar de novo ambos títulos en 1962, cando gañou a liga pero perdeu na final da Copa ante o Slovan Bratislava.[2][4] Ese mesmo ano celebrouse o Mundial de Chile, e o Dukla achegou sete xogadores á selección de Checoslovaquia que chegou á final, na que caeu ante o Brasil.[5] A estrela do Dukla, Josef Masopust, marcou un dos goles na final, e máis tarde recibiu o Balón de Ouro como mellor futbolista europeo. O Dukla gañou dúas ligas máis nos dous seguintes anos, facendo un total de catro consecutivas. Na tempada 1964/65 gañou unha nova Copa e na 1965/66 repetiu Copa e liga.[2] O último título para o Dukla na década de 1960 foi a Copa Checoslovaca 1968/69.[4]
O formato da competición de Copa cambiou despois da tempada 1968/69, e non foi ata a 1980/81 cando o Dukla sumou outro título, repetindo logro nas tempadas 1982/83, 1984/85 e 1989/90.[4] Na 1985/86, o club conseguiu a maior goleada da súa historia, nunha vitoria por 10-0 contra o Dynamo České Budějovice.[6]
En competicións internacionais
[editar | editar a fonte]Dende o nacemento da Copa de Europa en 1955 ata 1991, o Dukla disputou máis partidos en dita competición (45) que calquera outro equipo de Checoslovaquia.[7] Os cinco xogadores da liga checoslovaca con máis participacións na competición antes de que pasase a chamarse Liga de Campións, foron todos xogadores do Dukla: Josef Masopust, Jozef Adamec, Jiří Čadek, Josef Vacenovský e Dušan Kabát.[7]
Época da República Checa
[editar | editar a fonte]En 1994 púxose fin á longa asociación do club cos militares e ao mesmo tempo o equipo perdeuse a súa condición de equipo de primeira división.[3] O Dukla terminou último na Primeira Liga Checa 1993/94, nunha tempada na que pasaron ata tres adestradores polo banco.[8] O club gañou só un partido en toda a tempada, contra o Hradec Králové, e chegou a perder 7-0 ante o Viktoria Žižkov.[6][8] Na seguinte tempada (1994/95) militou na liga de fútbol de Bohemia, rematando no terceiro lugar detrás do SK Chrudim e Pelikán Děčín.[8] Tampouco conseguiu o ascenso na tempada 1995/96, quedando de novo terceiro, esta vez por detrás do Atlantic Lázně Bohdaneč e do Česká Lípa.[8]
En 1996 fusionouse co equipo de segunda división FC Portál Příbram.[3][8] O novo club, que máis tarde se pasou a chamar 1. FK Příbram xogou unha tempada no Juliska de Praga antes de mudarse ao Příbram en 1997.[9]
Reforma e retorno
[editar | editar a fonte]O nome de Dukla Praga desapareceu do fútbol checo durante varios anos, pero non para sempre. O Dukla Dejvice, un equipo local de Praga fundado en 1959, comezou a xogar no estadio Juliska e adoptou as cores amarela e vermella de Dukla Praga.
O club entrou no Campionato de Praga en 2001 e cinco anos despois, a dirección do Dukla Praga anunciou que aceptara facerse cos dereitos do Jakubčovice, de Segunda División.[10] O histórico club volveu á máxima división checa en 2011.
Adestradores
[editar | editar a fonte]Esta é a lista dos adestradores do club.[11]
|
|
|
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Primeira Liga Checoslovaca (11): 1953, 1956, 1957/58, 1960/61, 1961/62, 1962/63, 1963/64, 1965/66, 1976/77, 1978/1978, 1978/1971.[2]
- Copa de Checoslovaquia (8): 1960/61, 1964/65, 1965/66, 1968/69, 1980/81, 1982/83, 1984/85, 1989/90.[2]
- International Soccer League (1): 1960.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Pivoda 2013, p. 7.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Jeřábek 2007, p. 162.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Dukla returns" (en inglés). 6 de decembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xuño de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Jeřábek 2007, pp. 233-234.
- ↑ "Masopust vzpomíná, jak se v jedenašedesátém málem musel zastřelit" (en checo). 22 de outubro de 2012. Consultado o 17 de xuño de 2022.
- ↑ 6,0 6,1 Pivoda 2013, p. 28.
- ↑ 7,0 7,1 Jeřábek 2013, p. 244.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 Pivoda 2013, p. 99.
- ↑ Pivoda 2013, p. 100.
- ↑ "Dukla do druhé ligy!" (en checo). 19 de novembro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 17 de xuño de 2022.
- ↑ Pivoda 2013, p. 36.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Horák, Jindřich; Král, Lubomír (1997). Encyklopedie našeho fotbalu : Sto let českého a slovenského fotbalu. Domácí soutěže (en checo). Praga. ISBN 80-85983-22-2.
- Jeřábek, Luboš (2007). Český a československý fotbal – lexikon osobností a klubů (en checo). Praga: Grada Publishing. ISBN 978-80-247-1656-5.
- Pavel, Ota (2004). Dukla mezi mrakodrapy (en checo) 1. Slávka Kopecká. ISBN 80-86631-14-1.
- Pivoda, Aleš (2013). Legenda se vrátila Praha (en checo). MAC. ISBN 978-80-86783-65-9.
- Sigmund, Stanislav (1998). FC Dukla 1948–1998 (en checo). Praga: 1998. ISBN 80-86284-00-X.