Elías Portela
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1981 (42/43 anos) Cangas, España |
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Xénero artístico | Poesía |
Premios | |
| |
Elías Portela Fernández, nado en Cangas en 1981, é un poeta e tradutor en galego, castelán e islandés, lingua na que publica baixo o pseudónimo de Elías Knörr.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Obra en galego
[editar | editar a fonte]Comezou na adolescencia dentro do grupo de poetas do IES María Soliño e recibiu un accésit de poesía no XXVII Certame Literario Minerva do C. M. Peleteiro (1999) polo poemario Maceira verde, laranxas azuis; maceira verde, laranxas azuis; maceira verde, laranxas azuis. Nos anos seguintes deixou a escritura e os recitais, ata que en 2008 publicou Imaxes na Pel na editorial Morgante. En 2010 saíu á luz o seu segundo libro en galego Cos Peitos Desenchufados en Edicións Barbantesa e recibiu o premio Xohán de Cangas á Creación Literaria 2010.
Obra en islandés
[editar | editar a fonte]A súa traxectoria en islandés comezou baixo o anonimato que creou co seu pseudónimo. Portela asina os seus poemas como "Elías Knörr", ocultando así a súa orixe estranxeira, mais creando tamén un heterónimo co que dialogará en Cos peitos desenchufados. A partir do 2008, algúns dos seus poemas comezaron a circular pola rede e a aparecer publicados na revista Stína Tímarit um bókmenntir og listir. Na primavera do 2010, a Poetry Society do Reino Unido escolleuno como un dos tres poetas máis representativos da lírica actual islandesa, e apareceu publicado na centésima edición da UK Poetry Review xunto con Sjón e Kári Tulinius.[1] En outubro do 2010 publicou Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum aínda baixo pseudónimo na editorial Stella. Mais o 24 de novembro dese mesmo ano, a editorial fixo pública a súa identidade[2] despois dunha excelente acollida da crítica. É colaborador asiduo da Cidade Literaria da UNESCO Bókmenntaborg e baixo a personalidade de Michaël Drake (1441) forma parte do bordel poético de Reykjavík Rauða Skáldahúsið.
Paralelamente á creación literaria, Portela traduciu varias obras da literatura islandesa actual: as novelas Skugga-baldur e O rapaz que nunca existiu de Sjón e Anxos do universo de Einar Már Gudmundsson, autores premiados co Premio Literario do Concilio Nórdico en 2005 e 1995 respectivamente, ademais das chamadas "sagas de Vinlandia": Saga dos Groenlandeses e Saga de Erik o Roxo.
Obra noutras linguas
[editar | editar a fonte]Ten presentado poemas en inglés, castelán e italiano en diversos recitais e no XV Encuentro Internacional de Escritores de Monterrey, mais a súa obra nestas linguas é de momento inédita.
Outra parte da súa obra baséase nas posibilidades das palabras e na busca dunha inspiración completamente externa ó autor. Adaptou nos seus textos imaxes e conceptos poéticos doutros idiomas, entre eles a súa lingua artificial propia, Lwyma, creada por el e baseada no feroés, o idioma autóctono das Illas Feroe.[3] Malia ser inventada, Portela traballa o lwyma e ten un poema escrito nesa lingua.[4]
Obra
[editar | editar a fonte]Poesía
[editar | editar a fonte]- Imaxes na pel, Morgante, 2008.
- Cos peitos desenchufados, Edicións Barbantesa, 2010.
- Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum, Stella, 2010 (versión galega: O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, Edicións Barbantesa, 2011). Deste volume publicouse unha escolma en edidicón bilingüe en español e islandés, titulada 'El jardín de atrás | Bakgarðurinn' .
- Bazar de traidores, PEN Clube de Galicia, 2015, e Edicións Barbantesa, 2016.
- Greitt í liljum (Pago en lirios, Partus, 2016), en islandés, cunha tiraxe de 200 exemplares numerados e bordados á man. Existe unha versión ao galego, O prezo do inverno, Tulipa Editora, 2020, onde recolle poemas provenientes de Greitt í liljum, agás o poema Tvö ljóð í nellikuleysi, extraído da antoloxía Ljóð í leiðinni: skáld um Reykjavík. Edición bilingüe, en islandés e galego, con autotradución de Elías Portela e revisión de Gonzalo Hermo.
- Aður en ég breytist (Antes de cambiar, Mál og menning, 2023), en islandés.
Traducións
[editar | editar a fonte]- Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson, Rinoceronte, 2006.
- Skugga-baldur. Unha lenda islandesa, de Sjón, Rinoceronte, 2009.
- Saga dos Groenlandeses. Saga de Erik o Roxo (anónimo), Rinoceronte, 2010.
- La mujer es una isla, de Auor Ava Ólafsdóttir, Alfaguara, 2012
- Meu amor, eu morro, de Kristín Ómarsdóttir, Rinoceronte, 2015.
- O rapaz que nunca existiu, de Sjón, Rinoceronte, 2017.[5]
- Magma, de Þóra Hjörleifsdóttir, Rinoceronte, 2023.
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de expansión, 2013, Bubela.
- Ljóð í leiðinni: skáld um Reykjavík (Poemas ao longo do camiño: Poetas sobre Reykjavik), Meðgönguljóða, 2013, en islandés.
- 150 Cantares para Rosalía de Castro, 2015, libro electrónico.
Premios
[editar | editar a fonte]- Segundo premio no XII Premio de poesía Díaz Jácome no 2011.
- Premio de poesía Afundación no 2014, por Bazar de traidores.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "“Iceland Now” na UK Poetry Review Volume 100, N° 1" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de decembro de 2010. Consultado o 27 de marzo de 2011.
- ↑ "Stella". Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 27 de marzo de 2011.
- ↑ "Versos islandeses con alma gallega". Faro de Vigo. Consultado o 19-5-2020.
- ↑ ""Soy un verso libre... aunque siempre acabo rimando"". Euskal Irratia Telebista. Consultado o 19-5-2020.
- ↑ "O letrista de Björk escribe a ritmo de cine". La Voz de Galicia (en castelán). 23-6-2017. Consultado o 26-6-2017.
- ↑ "Elías Portela conquista con «Bazar de traidores» el premio Afundación". La Voz de Galicia (en castelán). 26-11-2014. Consultado o 26-6-2017.