Eladio Marcos Rodríguez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1908 Doade, España |
Morte | 14 de xullo de 2000 (91/92 anos) Ourense, España |
Outros nomes | Marcos da Abeleda |
Actividade | |
Ocupación | mestre, pintor |
Eladio Marcos Rodríguez, coñecido como Marcos da Abeleda, nado en Doade (Sober) en 1908 e finado en Ourense o 14 de xullo de 2000, foi un mestre e pintor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orfo aos tres meses, foi criado en Abeleda (A Teixeira) pola súa avoa materna. Un tío médico emigrado en Cuba envioulles cartos para que Eladio puidera estudar. Rematou o bacharelato en Ourense e marchou a Madrid onde traballou nun taller de decoración e foi á Escola de Artes e Oficios. Fixo o servizo militar en África e pasou un curso intensivo de Maxisterio para converterse en mestre. Foi destinado á escola de Santa Tegra de Abeleda de Castro Caldelas. Escribiu poemas que apareceron en Vida Gallega, La Región e Faro de Vigo.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi destituído do seu cargo. Debido á súa experiencia militar como sarxento, en Ceuta, chamárono para facer de instrutor de recrutas en Ourense. Despois foi destinado a Asturias, onde coñeceu a Fina Priedes, unha rapaza que acababa de saír da cadea e coa que casou ao rematar a guerra. Con ela instalou unha academia en Monforte de Lemos. Foi pintor e debuxante, realizando varias exposición en 1945. A súa academia foi pechada por orde gobernativa en 1948.
Exiliouse en Buenos Aires coa súa familia en xaneiro de 1949. Na Arxentina fixo retratos, sendo famosos o de Uxío Carré Aldao, do Centro Gallego, e o de Alberto García Ferreiro do Centro Orensano. Retornou en 1975 e conseguiu a reincorporación no ensino, sendo destinado ao Colexio Público de Ribadavia e logo a Barbantes. Ao xubilarse instalouse en Ourense.